Produtores de pataca da Limia visitan Holanda, referente europeo no sector

Publicidade
Produtores de pataca da Limia visitan Holanda, referente europeo no sector

Delegación galega en Emmeloord, Holanda, coñecida como a “World Potato City”

Un grupo de 17 agricultores da comarca da Limia realizaron esta semana unha viaxe profesional a Holanda para coñecer as novidades do sector e participar na feira internacional “Potato Europe”.

Trátase dunha actividade enmarcada dentro do proxecto “Novas alternativas de cultivo para a comarca da Limia”, liderado pola Asociación de Empresarios, Gandeiros e Agricultores da Limia (Adegal).

O plan de viaxe a este país referente europeo na produción de pataca consistiu en cinco visitas organizadas durante tres días a almacéns dedicados a pataca de sementa, selección de tubérculos, etc. e explotacións de cultivo holandesas. Trátase de fábricas altamente automatizadas que permitiron o acceso aos agricultores galegos, achegando a súa experiencia no procesado, almacenamento e comercialización de pataca, cereais e outros cultivos
alternativos.

Visitouse tamén unha fábrica de maquinaria agrícola, onde se asistiu a un relatorio sobre os últimos avances en equipamento. O día 14 asistiron á Feira internacional “Potato Europe 2017”, na cidade de Emmeloord, Holanda, coñecida como a “World Potato City”. Foi esta unha gran oportunidade para coñecer en profundidade os novos desenvolvementos do sector profesional da pataca, desde novidades en sementes, innovación en maquinaria, abonado, fertilización, técnicas de almacenaxe e conservación, así como de novos produtos en xeral relacionadas co cultivo da pataca.

Para a realización desta actividade contouse co apoio do Centro
Tecnolóxico da Carne (CTC), como socio do grupo operativo. Este proxecto conta co financiamento da Consellería do Medio Rural, dentro de programa de “Grupos Operativos da Asociación Europea da Innovación (AEI)”, cofinanciados co FEADER para o ano 2016.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información