Avisan da aparición de patacas con pé negro na comarca de Bergantiños

Publicidade
Avisan da aparición de patacas con pé negro na comarca de Bergantiños

O pé negro da pataca, unha enfermidade causada por diferentes bacterias (principalmente a Pectobacterium carotovorum e a Dickeya dianthico) e cuxo síntoma máis visible é a pudrición do talo da planta apareceu en diferentes zonas da comarca de Bergantiños, a segunda en produción deste tubérculo en Galicia despois da Limia.

Así o confirman a Campo Galego distintos produtores da comarca que o detectaron sobre todo en sementeiras de cedo e en terreos húmidos De momento na Limia non apareceu, segundo confirman desde o Centro de Desenvolvemento Agrogandeiro de Xinzo. “Para detectala necesitamos que a pataca xa estea nada, e que haxa condicións de humidade no chan e temperaturas altas, algo que de momento aquí non temos”, explica Servando Álvarez, director deste centro dependente da Deputación de Ourense.

Ao tratarse dunha enfermidade causada por unha bacteria e que provoca a pudrición da planta e do tubérculo é difícil combatela de forma efectiva con produtos fitosanitarios. “O máis efectivo é airear a terra mediante un aporcado, con tempo seco, para romper a costra superficial e así oxigenar o terreo”, recomenda Servando Álvarez.

Desde o Instituto Tecnolóxico Agrario de Castela e León (ITACYL), un referente en España no estudo de enfermidades da pataca, recomendan as seguintes medidas preventivas contra o pé negro:

-Usar pataca de sementeira libre de bacterias Pectobacterium spp. ou Dickeya spp., se é posible sen cortala para non incrementar o inóculo.

-Non sementar en solos moi mollados ou encharcadizos, deixando a semente pouco cuberta de terra se se esperan problemas.

-Non regar en exceso procurando ter sempre o terreo ben drenado.

-Evitar a contaminación desinfectando as plantadoras, colleitadoras e o equipo para trocear (non usar sementadoras que danen as sementes).

-Colleitar con tempo seco, evitando condicións húmidas de choiva, favorecendo a cicatrización de feridas e limitando a entrada de bacterias.

-Eliminar patacas espontáneas, plantas enfermas e pilas de patacas sobrantes próximas á parcela de cultivo.
Ampliar as rotacións de cultivo.

Máis información sobre o pé negro da pataca

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información