Galicia mantense como a locomotora na produción de leite en España, cunha evolución positiva no que vai de ano, mentres que no resto do territorio estatal as entregas van á baixa. Así se recolle no último informe do Ministerio de Agricultura correspondente ao mes de xullo e que foi feito público este venres .
En concreto, no conxunto de España a produción de leite en xullo ascendeu a 618.313 toneladas, un 1,4% máis que en xuño e lixeiramente por riba das entregas do mesmo mes de 2022. Porén, analizando o período xaneiro-xullo a produción de leite de vaca en España caeu un 0,2% (4,372 millóns de toneladas, fronte aos 4,379 do mesmo período de 2022). Se se resta a produción de Galicia, que supón o 41% do total español, a caída da produción é do 0,73%.
E é que Galicia refórzase como o motor da produción de leite en España, sendo a comunidade entre as principais produtoras cunha evolución máis positiva, xunto con Castela e León, e en menor medida Asturias e Cantabria.
Así, en xullo as ganderías galegas produciron 259.670 toneladas de leite, cifra superior a xuño (250.878 toneladas), pero tamén a xullo de 2022 (249.597 ton). Nos primeiros sete meses deste 2023 a produción de leite en Galicia ascendeu a 1,774 millóns de toneladas, un 0,68% máis que no mesmo período de 2022 (1,762 millóns de toneladas).
En canto aos prezos en orixe, en xullo situáronse en España nunha media de 0,530 euros o litro, cunha lixeira baixada respecto a xuño (0,534 euros o litro), mentres que en Galicia a media foi de 0,513 euros o litro, tamén por debaixo do mes precedente (0,517 euros).
Polo que respecta ás calidades, a media española do leite entregado en xullo foi do 3,62% de graxa e do 3,29% de proteína, mentres que en Galicia a porcentaxe de sólidos foi superior non só en materia graxa (3,72%), senón tamén a nivel proteico (3,31%).
Por último, en canto ao leite ecolóxico o prezo medio en xullo foi de 0,635 euros o litro en España e de 0,625 en Galicia.
Descarga aquí o informe completo