Primeiras prácticas do alumnado na Granxa Experimental de Vacún de Leite do Campus Terra

Primeiras prácticas do alumnado na Granxa Experimental de Vacún de Leite do Campus Terra

A Granxa do Campus Terra, unha instalación para usos de docencia e investigación que ocupa unha superficie de máis de 1.500 metros cadrados na finca Gayoso-Castro da Deputación Provincial de Lugo, recibiu este mércores a visita da primeira quenda de estudantes da sede universitaria luguesa, cuxo alumnado e profesorado atopa nesta nova infraestrutura un resorte engadido para o desenvolvemento do seu labor de formación, pero tamén de I+D+i.

O comezo da actividade formativa na Granxa do Campus Terra, unha instalación agropecuaria de carácter experimental impulsada pola USC co financiamento da Deputación de Lugo e que se inaugurará de xeito oficial o vindeiro martes, ofrece novas posibilidades para que o alumnado do Campus de Lugo e nomeadamente para aqueles matriculados na Escola Politécnica Superior de Enxeñaría (EPSE) e na Facultade de Veterinaria realicen actividades de carácter práctico, ademais de para impulsar e desenvolver proxectos de investigación orientados a mellorar a competitividade das explotacións leiteiras e, por extensión, do sector agropecuario.

Aspira a converterse nun referente de innovación para o sector agropecuario e gandeiro

Coa axenda investigadora e a programación de prácticas aínda por completar, a Granxa do Campus Terra bota a andar coa aspiración de converterse nun referente de innovación para o sector agropecuario e gandeiro. De feito, as instalacións contan cunha nave para gando con capacidade para unhas 70 reses de vacún de leite dotada dun robot de muxido, así como con aulas e laboratorios de formación, maquinaria diversa e terreos aptos para cultivos ou plantacións.

Aberta a toda a comunidade universitaria, así como aos gandeiros e demais axentes produtivos do sector, a Granxa do Campus Terra supón un salto cualitativo importante da formación práctica en temas de vacún e enxeñaría agroalimentaria, ao tempo que abre novas posibilidades de I+D+i no eido das ‘smart farming’, segundo comenta a vicerreitora de Coordinación do Campus de Lugo.

Montserrat Valcárcel sinalou neste senso que a primeira práctica desenvolvida na granxa e da que foron protagonistas un grupo de estudantes de Veterinaria coordinado polo profesor Luis Quintela reforza o camiño da especialización da sede universitaria luguesa.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información