O concello lugués de Friol celebrará o vindeiro 12 de novembro a primeira edición da poxa de gando vacún de leite. Celebrarase a partir das 12:00 horas, no mercado municipal.
A subasta está organizada por AFRICOR (Asociación Provincial de Gandeiros de Lugo para o Control de Rendementos) en colaboración co Concello de Friol. Será AFRICOR Lugo quen se encargue da selección dos animais, as probas sanitarias, pelado dos animais, coidado dos mesmos durante a feira e realizar a poxa.
Neste tipo de poxas poden ofertar os seus animais os socios de AFRICOR Lugo, xa sexan próximas ao parto ou paridas.
A presentación do cartel da poxa tivo lugar na mañá deste mércores, contando coa presenza do alcalde de Friol, José Ángel Santos, o presidente de AFRICOR Lugo, Manuel Sandamil, e outros representantes do equipo de goberno e da asociación.
A organización, así como os costes de este evento, son sufragados con fondos propios do Concello, pois como comenta José A. Santos, alcalde de Friol, “o sector primario é unha parte fundamental e moi importante do noso municipio, polo que todas as actividades que poidan ser dedicadas a este sector, e ao vacún de leite, neste caso, parécenos unha boa maneira de seguir apoiando e impulsando o sector gandeiro en particular e o rural en xeral, imprescindibles en Friol”.