Os prezos dos produtos lácteos na Unión Europea durante o mes de marzo rexistraron os índices máis altos da serie histórica.
En concreto, e segundo os datos que ven de publicar o Observatorio do Sector Lácteo da Unión Europea, os prezos da manteiga na UE medraron o pasado mes un 5,7% respecto a febreiro, ata os 6,45 euros o kilo; o leite en pó desnatado (SMP polas súas siglas en inglés) tamén se revalorizou un 5,8 % ata os 4,00 euros o kilo, unha suba que no caso do leite en pó enteiro foi do 4%, quedando nos 4,91 euros o quilo. Polo que respecta ao queixo cheddar, o prezo baixou en marzo un 0,2%, situándose nos 3,68 euros o quilo.
Evolución do prezo dos produtos lacteos na UE dende o 2003:
Forte suba dos costes
A crise de Ucraína, que agravou a suba dos fertilizantes, gasóleo e pensos, tamén, está a disparar os costes de produción nas granxas. Así, segundo os datos da Comisión Europea, en marzo os costes da enerxía subiron un 15 % respecto a febreiro e os de alimentación tamén se incrementaron noutro 15%.
Descarga aquí o informe completo
Poxa de Fonterra
Fóra de Europa, as cotizacións desta semana do Global Dairy Trade (GDT), a principal subasta internacional de lácteos, operada pola neozelandesa Fonterra, frearon a forte suba das últimas semanas. Así, houbo unha baixada do 1,8% nas cotizacións da manteiga e do 2,1% no leite enteiro en pó, mentres que o leite en po desnatado subiu un 1,6% e o queixo cheddar un 0,3%.