Pode ser o ozono unha alternativa para atallar o mildio nos viñedos?

O proxecto piloto Vitiozón proba a eficacia do ozono en cepas das Rías Baixas para comprobar se é unha opción fronte ós tratamentos químicos que se empregan para atallar esta praga. Coñecemos a experiencia e os resultados iniciais

Publicidade
Pode ser o ozono unha alternativa para atallar o mildio nos viñedos?

Instante da presentación dos resultados do proxecto Vitiozón realizada en Leiro con viticultores e expertos.

A presión para reducir o uso de tratamentos fitosanitarios químicos na agricultura en xeral fai que se estean a probar diferentes produtos na procura de alternativas máis sostibles e que xeren un menor impacto ambiental. Unha das opcións a estudo é o emprego do ozono para atallar enfermidades coma o mildio ou o oídio no viñedo.

Este é precisamente o obxectivo do proxecto Vitiozón, promovido pola adega Martín Códax, da DO Rías Baixas e desenvolvido pola Estación de Viticultura e Enoloxía de Galicia (Evega) que tamén contou coa Universidade de Santiago de Compostela. Os primeiros resultados deste traballo foron presentados recentemente nunha xornada técnica que contou con viticultores e investigadores, celebrada en Leiro e na que se deron a coñecer distintas propostas innovadoras na viticultura.

A experiencia práctica dun dos viticultores socios da adega co uso do ozono para o tratamento de augas para acuicultura fixo que se decidira a deseñar un prototipo para o emprego do ozono no viñedo. Esta foi a primeira achega da adega co uso do ozono. “Aqueles primeiros resultados non foron concluíntes, pero seguimos investigando coa intención de probar nos viñedos para ver se o ozono resultaba unha técnica alternativa ou complementaria na protección do cultivo”, explican dende o departamento técnico de Martín Códax.

Por que empregar ozono no viñedo?

O proxecto Vitiozón centrouse en comprobar a eficacia que pode ter o ozono para combater o mildio, pola incidencia que ten a praga, sobre todo nas viñas das Rías Baixas. Na adega Martín Códax, durante a campaña 2020 rexistráronse 80 infección secundarias de mildio dende a brotación ata o envero.

As restricións ó emprego das materias activas clásicas de protección dos cultivos e a dificultade por parte das empresas fitosanitarias para rexistrar novas obriga a procurar alternativas nos tratamentos

Dende a adega tamén sinalan que optaron por estudar os beneficios do uso do ozono para procurar unha redución de usos de praguicidas. Ademais, os cambios que se produciron nos tratamentos, logo das restricións ó emprego das materias activas clásicas de protección dos cultivos e a dificultade por parte das empresas fitosanitarias para rexistrar novas materias activas obriga a procurar alternativas.

O uso do ozono estudouse neste proxecto para combater o mildio, pero tamén podería ser unha alternativa para outras pragas que afectan ós viñedos. “Intuitivamente parecíanos que mesmo podía ser máis efectivo contra o oídio que contra o mildio, pero durante as campañas nas que se levaron a cabo os traballos de investigación case non houbo incidencia de oídio nos viñedos e non vimos grandes avances co tratamento”, concretan dende Martín Códax. Deixan a porta aberta aínda a poder estudar a aplicación de ozono contra outras enfermidades, en especial contra o oídio.

O uso do ozono tamén se emprega no cultivo da viña trala vendima, xa que o ozono ten un efecto positivo en polifenois, permite incrementar a concentración de compostos aromáticos e contribúe á redución de fermentos. Ademais, xa se está empregando no propio viñedo, a través da rega, polo efecto vigorizante que proporciona á planta, así coma nos viveiros para mellorar a sanidade dos enxertos.

Aplicar o ozono nos viñedos

Un dos retos do emprego do ozono nos viñedos é que o ozono ten unha vida útil baixa dende que se produce e debe aplicarse en situ, polo que a súa aplicación tamén supuxo un reto para a adega. De feito desenvolveron un ozonizador para poder aplicar o ozono de xeito inmediato.

En concreto, este aparato permite o aplicación de auga ozonizada sobre o viñedo. Neste estudo realizaron 6 tratamentos de ozono nos viñedos.

Xenerador de Auga ozonizada_

Xenerador de auga ozonizada empregado na adega Martín Códax.  

Os efectos do ozono fronte ás pragas

No estudo estableceron 8 estratexias para comprobar a eficacia do ozono contra o mildio, de xeito que contaban dende viñedos sen tratamento, ata viñedos tratados unicamente con ozono ou aqueles nos que se empregaban tratamentos químicos para atallar todas as pragas ou para manter controladas outras coma o oídio e se trataba exclusivamente con ozono o mildio. Os resultados obtidos foron xestionados pola Evega e tamén participou o equipo liderado polo profesor Javier Cancela Barrio da Universidade de Santiago que se encargou da avaliación de parámetros fisiolóxicos da planta.

“Unha vez que aumenta a presión, o ozono deixa de ser efectivo, tanto nos ataques na folla coma no acio”: Emilia Díaz, técnica da Evega

Aínda que se trata de datos recollidos durante unha única campaña, amósase que o tratamento con ozono pode ser efectivo para controlar as pragas só durante as primeiras fases, xa que despois o grao de infección increméntase significativamente, mentres que con tratamentos químicos convencionais lógrase un maior control.

Así, aínda que nas primeiras etapas non se atopan diferencias e o ozono podería ser unha alternativa contra o mildio, en canto se incrementa o risco e a presenza do patóxeno é preciso optar por outras solucións para manter a praga baixo control. “Una vez que aumenta a presión, o ozono deixa de ser efectivo, tanto nos ataques na folla coma no acio”, explica Emilia Díaz, técnica da Estación de Viticultura e Enoloxía de Galicia (Evega), dependente da Axencia Galega de Calidade Alimentaria (Agacal).

Evaluación de incidencia de enfermidades por técnico de EVEGA.

Avaliación da incidencia de enfermidades realizada por un técnico da Evega.

O ozono e a microbiota dos solos

O proxecto tamén avaliou o efecto que ten o ozono na microbiota dos solos, é dicir o impacto sobre os microorganismos que teñen os solos e que cumpren unha función imprescindible nos procesos bioquímicos da materia. 

Unha das principais conclusións obtidas é que os tratamentos con ozono fomentan a biodiversidade de microorganismos en folla e acios fronte ás solucións convencionais. “Cos tratamentos estándar estanse eliminando microorganismos, que poden ser interesantes ou non para o viñedo”, explica Díaz Losada. De feito, a auga ozonizada parece actuar sobre un escaso número de xéneros. Aínda que non puideron comprobalo en campo, o uso de ozono tamén serviu para reducir a abundancia de patóxenos coma a botrite en acio.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información