A Plataforma de produtores e produtoras en ecolóxico reclama 2,5 millóns de euros das axudas denegadas do 2022

Segundo o colectivo, tras a celebración do Consello Agrario, a Consellería do Medio Rural comprométese a cubrir todas as solicitudes de ecolóxico para o 2023-2027 pero non se manifesta para solucionar a falta de fondos do 2022 causada polas solicitudes denegadas

Despois da celebración do Consello Agrario, a recén Plataforma de produtores e produtoras en ecolóxico reclama solucións á falta de fondos do 2022, ante a ola de solicitudes denegadas para este tipo de explotacións. “Pedimos que se trate este tema na reunión do vindeiro xoves e que se tomen medidas a modo de indemnización, ou como sexa posible, para que se aporten os 2,5 millóns de euros precisos para que ningunha solicitude sexa denegada a causa dos criterios de priorización”, expresan desde o colectivo.

A pesar de que a Consellería do Medio Rural avaliará distintas propostas de cara a garantir máis fondos para a agricultura ecolóxica na PAC do 2023-2027, desde a Plataforma solicitan que “estas axudas sexan sen criterios de priorización, para poder ter tranquilidade e seguridade ao respecto, tanto polo parte dos produtores como dos consumidores”.

Así mesmo, o colectivo fai fincapé en que mañá mércores teñen programada unha Asamblea Xeral, ás 12 da mañá no local sindical de Lugo, “a cal, debido ás previsións meteorolóxicas, poida ser aprazada para a vindeira semana”, sinalan. Igualmente, nela “decidiranse as accións que se tomarán e a ruta de traballo. A priori temos solicitadas reunións co Conselleiro de Medio Rural e co Presidente da Xunta, así como cos representantes dos 3 partidos políticos no Parlamento Galego para trasladarlles a nosa preocupación polo sector primario ecolóxico e a repercusión que pode ter a perda das axudas”, avanzan desde a Plataforma.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información