Perspectivas das axudas agroambientais e ZLN no 2021 e 2022

Os datos que manexan o Ministerio de Agricultura e a Xunta apuntan a que as granxas poderán seguir percibindo estes apoios no periodo transitorio da PAC

Perspectivas das axudas agroambientais e ZLN no 2021 e 2022

O periodo da PAC 2014-2020 remata este ano, e con el os compromisos asumidos pola Xunta para o pago de axudas agroambientais e das axudas para zonas con limitacións naturais (ZLN), dúas liñas que se encadraban no segundo piar da PAC, no Plan de Desenvolvemento Rural (PDR). Son apoios moi importantes sobre todo para as ganderías de montaña, polo que no sector existe inquietude sobre o futuro de ambas axudas. Explicamos como está a cuestión.

A nova PAC entrará en vigor a partir do ano 2023. Durante o 2021 e o 2022, as granxas continuarán percibindo a PAC de acordo co presuposto 2021 – 2027, pero segundo as vellas normas. Está garantido, por tanto, que os produtores, percibirán as axudas directas do primeiro piar, pero as dúbidas céntranse nas axudas do segundo piar, agroambientais e ZLN.

Consultado o Ministerio de Agricultura sobre a cuestión, explica que ambas axudas atópanse na proposta de Reglamento de transición do FEADER, unha normativa pendente de aprobación polas autoridades comunitarias. Cando esa normativa se aprobe, deberanse ampliar os Programas de Desenvolvemento Rural (PDR) de cada comunidade, e con elo, as axudas agroambientais e de ZLN na mesma liña do periodo anterior, “sempre e cando a comunidade autónoma dea continuidade a estas medidas”.

En definitiva, a posibilidade regulamentaria de darlle continuidade a estas axudas está contemplada no periodo transitorio (2021 e 2022), pero por outra banda a dispoñibilidade de fondos dependerá do Marco Financieiro Plurianual da UE 2021-2027, aínda sen aprobar.

Desde a Consellería do Medio Rural, pola súa banda, aseguran que “as axudas agroambientais seguiranse convocando como ata agora”, pero indican que como o regulamento de transición da PAC aínda non está publicado, non poden avanzar máis.

Por parte das organizacións agrarias, que mantiveron onte unha reunión con Medio Rural, sinálase que hai un compromiso da Consellería para convocar as axudas agroambientais e para zonas con limitacións naturais no 2021 e 2022, segundo trasladan desde Unións Agrarias.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información