Existe unha falta de coñecemento por parte da sociedade sobre o sector forestal e as persoas que están ao coidado dos montes e bosques. Isto provoca, en ocasións, dúbidas sobre a adecuada xestión dos montes, as actuacións forestais, o seu acerto, base científica e técnica, ou conveniencia, entre interlocutores sociais ou a opinión pública en xeral. Mesmo, podería chegar a parecer que os actores e responsables da xestión, así como os habitantes e traballadores das zonas forestais, non actuasen en beneficio dos montes que son parte da súa contorna e o sustento de numerosas poboacións rurais.
PEFC únese á celebración do Día Internacional dos Bosques cuxo lema este ano é “Restauración forestal: un camiño á recuperación e o benestar” lanzando a nosa campaña máis comprometida “Coidamos os Bosques”.
Cremos que é moi importante comunicar os beneficios que as masas forestais e a súa biodiversidade achegan á sociedade e ao planeta, para o que é necesario preservalos mediante a súa xestión sostible e as actividades humanas que promovan o desenvolvemento sostible. Por iso, queremos visibilizar o traballo dos selvicultores, xestores, propietarios forestais e empresas da cadea de valor forestal e a súa importante función na sociedade para preservar non só os bosques, a súa multifuncionalidade e biodiversidade, senón tamén valores tan importantes como a tradición, o desenvolvemento rural, a contribución ao reto demográfico ou a innovación.
Así mesmo, queremos promover a confianza nas capacidades dos profesionais do sector forestal, a importancia e beneficios do seu traballo, da xestión sostible dos montes e a certificación, poñendo o sector forestal en valor, tamén, no seu interior.
“Coidamos os bosques” nace co obxectivo de visibilizar a importancia do coidado e preservación ambiental, o freo ao cambio climático e o compromiso do labor activo e constante das persoas de todo o sector forestal, imprescindibles para promover unha economía descarbonizada. Queremos, tamén, dar a coñecer e dimensionar os beneficios ambientais, económicos e sociais que achega o traballo do sector forestal e de toda a súa cadea de valor, desde o monte ata o produto final. Elaboramos distintos materiais divulgativos, vídeos, creatividades e elementos para as redes sociais e os medios, que mostrarán os valores das alianzas ( ODS17) para impulsar as sinerxias entre os distintos axentes do sector forestal.
Por iso, chamamos aos silvicultores, xestores e propietarios forestais, ás entidades certificadas, consultores, rematantes e profesionais do sector, medios especializados e xeneralistas, asociacións e ao público en xeral a unirse a esta campaña de concienciación e visibilización dun sector que traballa incesantemente e coida da biodiversidade e os bosques do planeta para que todos podamos gozar deles.
O Sistema de Certificación PEFC conta xa con 2.434.785 hectáreas de superficie certificada e case 43.000 silvicultores e xestores forestais, o que supón un incremento neto de 11.424 hectáreas e 956 novos adscritos en tan só os dous meses e medio que van de ano. Igualmente, no impulso por continuar coa rastrexabilidade dos produtos forestais desde o monte ata o consumidor final, en España son xa 1.547 empresas certificadas en Cadea de Custodia PEFC que avalan a orixe sostible dos seus produtos. Estas cifras de crecemento demostran o interese pola sustentabilidade forestal e por seguir conservando os nosos montes para as xeracións futuras.
Sigamos traballando por iso e coidemos xuntos os nosos bosques.
Sobre PEFC
PEFC é o sistema de certificación forestal máis implantado no mundo, cuxo obxectivo é asegurar que os bosques sexan xestionados de forma responsable, e que a súa multitude de funcións estean protexidas para xeracións presentes e futuras.