O Grupo de Desenvolvemento Rural (GDR) da Comarca de Ordes intervén en 7 concellos e ten máis de 120 socios. Nestes momentos, continúan con proxectos que arrancaron nos últimos compases do anterior período, e dispóñense a centrar unha liña de traballo para a nova estratexia. Polo momento, as súas prioridades están claras: apostar polas novas tecnoloxías, dar servizos á poboación -principalmente terceira idade e infancia-, fomentar a incorporación de mozos e mozas á actividade, e apoiar o sector agrogandeiro, principalmente de cara a transformación.
O xerente deste Grupo, Domingo Lojo, leva máis de 20 anos presente na súa actividade. A pesar de que percibe cambios no reparto e na xestión orzamentaria, entende os desafíos aos que se deben enfrontar, entre os que destaca a necesidade de fixar poboación. Deste xeito, falamos con él para que nos dese máis información ao respecto, e tamén para ver a traxectoria dos últimos anos.
Qué presentación pode facer do GDR Comarca de Ordes?
A nosa actuación como Grupo de Desenvolvemento oriéntase a 7 municipios: Cerceda, Frades, Mesía, Ordes, Oroso, Tordoia e Trazo, cunha poboación conxunta aproximada duns 36.000 persoas. O punto no que máis se concentra é Ordes, que ten 12.000 habitantes, e logo están Oroso como cidade dormitorio de Santiago, e Cerceda como núcleo industrializado, e os outros catro concellos, con menor densidade de poboación e que son eminentemente rurais. Ademais dos 7 concellos, no GDR hai uns 114 socios privados máis, desde cooperativas agrarias ata asociacións culturais, deportivas, etc.
A que axudas e proxectos -tanto públicos como privados- se orientaron os fondos Leader nos últimos anos?
Nós temos dúas tipoloxías de proxectos fundamentalmente, que son os productivos, orientados ás empresas, e os non productivos que son os que promoven os concellos e asociacións. Debido á escaseza de fondos que tivemos neste período -que houbo 3 millóns de euros para proxectos a repartir en cinco anos- apostamos en maior medida polos proxectos produtivos que son os que xeran emprego e fixan poboación, e dentro dos non produtivos, deuselle prioridade a temas sociais, culturais e medioambientais, e en xeral, dotar de servizos á poboación rural.
Entre os proxectos promovidos polos concellos, podemos destacar a creación un Punto de Atención á Infancia (PAI) que da servizo a dous concellos, a recuperación dunha área sensible medioambientalmente (As Brañas de Valga), roteiro do rio Mercurín, a rehabilitación de inmobles para locais sociais destinados a actividades de asociacións, modernización de bibliotecas municipais, etc.
Unha das nosas prioridades é dotar de servizos á poboación rural por iso apoiamos principalmente proxectos sociais, culturais e medioambientais (Domingo Lojo)
En canto aos produtivos, é dicir, aqueles cuxos promotores son empresarios ou empresas, temos que salientar que contamos cunha limitación no sector agrogandeiro, xa que a Xunta non permite subvencionar ao abeiro do Leader proxectos de máis de 30.000 euros de investimento en produción agraria, e de 60.000 euros en transformación e comercialización de produtos agrarios. Ese importe resulta na maioría dos casos insuficiente para acometer ese tipo de investimentos, pero aínda así, subvencionamos un obrador de transformación de produtos cárnicos, a modernización de unha empresa de fabricación e comercialización de produtos lácteos (Casa Grande de Xanceda), e mesmo demos apoios a algunhas granxas para o emprego de enerxías alternativas. Aparte do sector agrario, tamén se axudou a outras actividades en distintos ámbitos, tales como: modernización de carpinterías de madeira, creación de plataforma online de subasta de madeira, comercialización de cebo para pesca, albergues turísticos, etc no que a prioridade foi promover a innovación. Tamén axudamos a algunhas cooperativas gandeiras na comercialización de produtos.
Ademais destas levastes a cabo outras iniciativas?
Si, o propio grupo levou a cabo proxectos de animación e promoción territorial con marcado carácter social como a elaboración dun documental e un proxecto educativo en contra da violencia de xénero e que levan como nome “Murmurios de Silencio” no que se lle da voz a vitimas de violencia de xénero da nosa comarca e no que colaboraron o Centro de Información á Muller da Mancomunidade de Ordes e a Secretaría Xeral de Igualdade. Nun ámbito diferente, levamos a cabo o proxecto “O Camiño que nos une” que mesturaba andainas, coñecemento do territorio, emprendemento musical e valorización de produtos locais.
Que perspectivas de futuro tedes para os proxectos de investimento neste novo período?
Nestes momentos estamos no proceso de delimitación de obxectivos e de decisión das accións que queremos implementar no período 2023-2027, polo que temos que ir centrando a liña de traballo de acordo aos fondos Leader e ás directrices da Xunta, tendo en conta a escaseza de fondos coa que contamos. Aínda que estamos comezando con ese proceso, podemos dicir que os proxectos relacionados coa atención á terceira idade, á infancia, e colectivos desfavorecidos van ser preponderantes, así como a aplicación das NNTT, a creación de emprego, e o desenvolvemento sostible. Do mesmo xeito, na comarca temos moito tecido agrogandeiro, e a pesar de limitacións que se non impoñen, imos tratar de apoialo, principalmente no apartado de transformación, para que o valor engadido dos produtos quede no territorio. En definitiva, as liñas de actuación para o seguinte período queremos centralas nos tres piares das sustentabilidade: económico, ambiental e social.
Nesta convocatoria todos os temas relacionados con atención á terceira idade, á infancia, e colectivos desfavorecidos van ser preponderantes (Domingo Lojo)
Traballastes en conxunto con outras Asociacións ou Grupos de Desenvolvemento Rural. Que proxectos estades levando a cabo?
Efectivamente, en proxectos de cooperación traballamos fundamentalmente en dous eidos: novas tecnoloxías pero facendo fincapé no patrimonio cultural, tanto material como inmaterial. Exemplo disto pode ser a iniciativa ‘Museos vivos’ pola cal, pretendemos que aqueles museos do territorio que quedaron pechados por diferentes motivo, abríronse de novo cun sistema de apertura dixital, e a axuda de audioguías e videoguías.
No sector primario, apoiamos á Administración na dinamización da Lei de Mobilidade de Terras, a través de dous proxectos: un deles baséase na figura das Permutas de Terra Agraria, no que participamos con outros dous grupos (Comarca de Lugo e Pontevedra Norte), e o outro, “Paisaxes Intelixentes” pretende levar a cabos procesos de planificación participada para xerar iniciativas piloto de paisaxes intelixentes nos núcleos rurais dos territorios participantes, que contribúan ao desenvolvemento de figuras de mobilidade das terras agrarias como mecanismos para recuperar as paisaxes. Neste último proxecto, participamos 5 GDRs dos que cada un elixe unha temática paisaxística que queira desenvolver no seu territorio; tanto nós, como o GDR Costa da Morte priorizamos a recuperación de variedades fitoxenéticas tradicionais e a implementación de campos de ensaio de novos recursos fitoxenéticos.
Hai algunha novidade para o seguinte período de progamación?
As novidades, así a bote pronto, pódense resumir nas seguintes: teremos moitos menos recursos económicos para xestionar a estratexia; haberá obrigatoriamente unha liña de formación con moi pouca dotación económica, e que antes era optativa; a inclusión do importe da cooperación no cadro financeiro dos grupos que ascenderá ao 5% do total da estrategia e a implementación do Bono Activa Rural cunha axuda a tanto alzado. Polo resto é bastante semellante ao anterior, tan só que nos temos que adaptar aos novos retos e obxectivos da Política Agraria Común, claro.
Como valora a dinamización e desenvolvemento rural nos municipios que comprende o GDR?
O incremento da carga administrativa que recae sobres os equipos técnicos dos GDR, a burocratización dos procesos e a diminución de fondos, dificultan as tarefas de animación territorial. Con todo, o grupo realizou un esforzo moi importante para a promoción e a animación do territorio que comeza a dar os seus frutos, e proxectos como “O camiño que nos une” deberíase realizar anualmente. En canto ao desenvolvemento rural, debemos entender que nese concepto inclúense tanto as iniciativas agrogandeiras, como aquelas que se levan a cabo noutros sectores, e que teñen por obxecto a diversificación económica do territorio, e neste eido avanzouse bastante na Comarca de Ordes.