Os viticultores Delfina Alén Bedrón e Cristian Vázquez Barrera recibirán o premio ‘Vida entre Vides’ da D.O. Ribeiro

Publicidade
Os viticultores Delfina Alén Bedrón e Cristian Vázquez Barrera recibirán o premio ‘Vida entre Vides’ da D.O. Ribeiro

A menos dunha semana da celebración da Gala Premios D.O. Ribeiro, que este ano alcanza a sua XII edición, o presidente do Consello Regulador, Juan Manuel Casares, mostrou a súa alegría por “volver celebrala en casa, na enocomarca do Ribeiro”, unha cuestión que crían necesaria tras facela itinerante nos últimos anos levándoa a Compostela, Ourense e A Coruña, “tres cidades decisivas” na folla de roteiro de difusión destes viños, lembrando que “a gala é un dos principais eventos da nosa estratexia de promoción”.

Será o vindeiro mércores, día 28, ás 19.00 horas, no restaurante A Carballeira de Santa Cruz, na localidade ourensá de Santa Cruz de Arrabaldo, co lema Un proxecto para as persoas, que fai referencia a un dos principais obxectivos do Consello Regulador, “coidar a promoción dos produtos, algo que xera negocio e por tanto, redunda na mellora de calidade de vida das persoas”, explica Casares, que insiste en que “a economía debe estar sempre ao servizo das persoas”.

E ese é, precisamente, un dos eixos sobre os que se sustenta o traballo que se leva a cabo no Consello Regulador, que ten entre as súas prioridades reivindicar a figura do viticultor e xerar oportunidades para mellorar a súa calidade de vida. Por iso, o Consello Regulador decidiu este ano facer entrega do Premio Vida entre Vides a dous profesionais en activo da viticultura, a máis veterana e o máis novel, para render así homenaxe a quen se dedica ao cultivo da uva, pero tamén para “visibilizar a necesidade de que haxa unha remuda xeracional”.

Desta forma serán Delfina Alén Bedrón, de 85 anos, inscrita en Leiro, e Cristian Vázquez Barreira, de 35, en Castelo de Miño, quen reciban conxuntamente o prezado galardón. “Isto responde a unha realidade do Ribeiro”, explicou Juan Casares, sinalando que nas 1.313 hectáreas que conforman a enocomarca hai uns 1.600 viticultores, cunha media de idade superior aos 65 anos, polo que entre os seus grandes obxectivos figura “redimensionar a base territorial produtiva”.

“O recambio xeracional no campo é clave para a produción do viño, e por tanto, para situar a enocomarca como un destino turístico ben posicionado”, incidiu o presidente da D.O. máis antiga de Galicia, sinalando que “o motor económico da zona é o viño, polo que esta gala estará especialmente dedicada á figura do viticultor”.

Ademais, Casares tamén lembrou que este ano haberá tres novos establecementos premiados: o restaurante O’ Colmear, de Ourense, distinguido como Mellor Servizo de Viño en Restaurante; a Vinoteca Tucho, de Ribeira, como Mellor Tenda Especializada, e Sibarita Bar & Shop, de Vigo, como Mellor Bar de Viños. Tres premios cos que o Consello Regulador quere “agradecer a súa aposta polos viños en xeral, e moi especialmente polo Ribeiro, e que ao mesmo tempo sirvan de espello para o resto da hostalería”.

Con respecto a eles cabe sinalar que o restaurante O’ Colmear, en Pereiro de Aguiar, é especialista en marisco galego e dispón dunha gran adega na que poder gozar duns excelentes viños de Denominación de Orixe, entre os que destaca o Ribeiro, mentres que Sibarita, aberto en 2021 en Vigo aposta pola cociña de fusión con base galega e chiscadelas internacionais, e unha exclusiva selección de viños, ademais de funcionar como punto de venda de produtos gourmet, destacando a súa gran variedade de referencias, maioritariamente de adegas galegas.
A Vinoteca Tucho de Ribeira, pola súa banda, abriu hai 23 anos da man de Antonio Sampedro, un empresario cunha experiencia acumulada no sector da distribución de máis de 30 anos. Cunha carteira composta por 150 modalidades de viño de alta calidade, conta con reservas de grandes firmas e a distribución, en exclusiva, dalgunhas adegas.

Casares aproveitou a súa intervención para lembrar que na gala do día 28 farase entrega tamén de premios a diferentes iniciativas e profesionais que destacan polo seu labor de difusión dos viños do Ribeiro, como xa anunciou en días pasados, entre eles o xornalista e escritor Manuel Juliá, director de FENAVIN, que será galardoado co Premio Persoeiro de Honra; María José Hortas, Nariz de Ouro e responsable da adega do prestixioso restaurante A Terraza do Casino (NH Hotel Group) e un dos grandes nomes da sumillería española, que recibirá o Premio Muller e Viño; a revista de gastronomía e turismo La Alacena Roja, Premio Mellor Tarefa de Comunicación; e a Festa dá Istoria dá Ribadavia, que recibirá o Premio Ribeiro en Nós.

Ademais, no transcurso da gala poderanse coñecer os viños gañadores da Cata Oficial que se está celebrando estes días.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información