Os viños de Valdeorras promociónanse en FITUR 2024

Publicidade
Os viños de Valdeorras promociónanse en FITUR 2024

O espazo gastronómico impulsado pola Xunta, a través de Turismo de Galicia, en Fitur 2024 converteuse este xoves nun magnífico escaparate promocional para os viños de Valdeorras. Referencias vinícolas da comarca, maridadas con pratos elaborados a partir de produtos gastrónomicos autóctonos como o botelo ou a cachucha, centraron a presentación impulsada dende a Ruta do Viño de Valdeorras no recinto feiral do IFEMA a cargo do chef José Manuel Mallón.

Responsable de cociña no Espazo Remollo, local emprazado no municipio coruñés de Ames, Mallón conduciu unha cata na que os godellos da comarca cobraron especial protagonismo acompañando á degustación de pratos especificamente realizados para a ocasión como arroz con botelo ou croquetas de cachucha.

Os produtos cos que se elaboraron os pratos proceden da Serra da Enciña da Lastra e poden mercarse na Tenda da Rita, no Barco de Valdeorras. Este foi o establecemento encargado de subministrar a materia prima coa que Mallón elaborou as súas propostas.

Tanto o presidente da Ruta do Viño de Valdeorras, Joaquín Sánchez, como o máximo responsable da D.O. Valdeorras, José Ramón Rodríguez Castellanos, valoraron conxuntamente o programa gastronómico impulsado por Turismo de Galicia en Fitur como un “espazo orixinal, cheo de vida e dinamismo, ideal para dar a coñecer os viños da comarca entre os diferentes tipos de público que visitan esta relevante feira anual”.

Aforo limitado

Todas as presentación que teñan lugar neste espazo estiveron orientadas a un aforo limitado a 40 persoas (no pavillón de Galicia da feira, no stand C07-09). Tamén neste pavillón proxectouse o tráiler do documental “Covas de Valdeorras”, impulsado pola Ruta do Viño para poñer en valor estas construcións típicas da comarca nas que antigamente se gardaba o viño para conservalo a unha temperatura axeitada e que, hoxe, forman parte do patrimonio etnográfico da zona converténdose incluso, algunhas delas, en exitosos locais de restauración.

O pase completo deste documental terá lugar esta tarde na Casa de Galicia en Madrid, nunha sesión especial na que se degustarán, tras a proxección, viños da nosa D.O.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información