Fin de semana de exaltación dos viños de Valdeorras

Publicidade
Fin de semana de exaltación dos viños de Valdeorras

O xornalista Manuel Jabois inaugurando a Feira do Viño de Valdeorras.

O acto institucional de inauguración da XXIV Feira do Viño de Valdeorras tivo lugar esta mañá na praza barquense de Viloira nun ambiente distendido no que o presidente do Consello Regulador, José Ramón Rodríguez Castellanos, eloxiou ao sector polo seu traballo e esforzo de cara a obter referencias dunha gran calidade.

En opinión de Rodríguez Castellanos, que afronta a súa primeira feira do viño como máximo responsable do CRDO, o ámbito vitivinícola valdeorrés “goza de boa saúde” e, ademais, encara o desafío do seu “relevo xeracional” apoiado en iniciativas de diferentes administracións, entre as que salientou a nova aposta da Consellería de Educación da Xunta de Galicia por implantar un ciclo de FP Dual ligado á viticultura na comarca de Valdeorras.

O presidente do Consello Regulador realizou esta valoración tras o pregón inaugural do evento, que correu a cargo do escritor e xornalista Manuel Jabois, quen destacou que “todo o bo que me pasou na vida foi por levar un vaso de viña á boca”.

No acto participaron, ademais, o alcalde do Barco, Alfredo García; e o presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda. Este último afirmou durante a súa intervención no acto que “os brancos e tintos de Valdeorras hai que celebralos”. En representación da Deputación Provincial de Ourense interviu o deputado Álvaro Fernández. No acto tamén estiveron presentes o conselleiro do Medio Rural, José González, e o director da Axencia Turismo de Galicia, Xosé Manuel Merelles, entre outras autoridades.

Contribución económica do sector do viño

José Ramón Rodríguez aproveitou a presenza dos representantes das diferentes administracións no acto para reivindicar que o sector do viño “é un dos motores máis importantes da provincia”. “Somos catro as denominacións de orixe emprazas en Ourense que contribuímos a crear postos de traballo arredor do viño, a atraer enoturistas e, en última instancia, a fixar poboación en contornas cunha marcada impronta rural”, asegurou.

Ademais, José Ramón Rodríguez Castellanos puxo en valor o “boom” que está a experimentar o godello, cada vez máis apreciado nos mercados, e do que o territorio amparado de Valdeorras é berce. Tampouco se esqueceu da relevancia doutras variedades de uva na zona, entre elas, a mencía. Neste sentido, destacou que cada vez son máis as adegas foráneas que apostan por instalarse no territorio amparado, sabedoras de que nel se poden producir “viños dunha altísima calidade”.

Axenda da feira para este sábado e domingo

A XXIV edición da Feira do Viño de Valdeorras desénvolvese entre hoxe e mañá na praza barquense de Viloira, na que 19 adegas amosarán o mellor da súa última colleita e tamén de añadas anteriores. Para atraer maior atención mediática nacional, o Consello Regulador convidou este ano á comarca, coincidindo coa celebración do foro, a un grupo de xornalistas especializados de todo o país.

Ademais, deseñou xunto ao Concello do Barco de Valdeorras, unha completa axenda de actividades paralelas para todos os públicos, incluídos os máis pequenos, que se levarán a cabo, principalmente, nos Xardíns da Casa Grande de Viloira. Neste espazo haberá inchables para os cativos durante toda a fin de semana.

Non faltará a música. O recinto feiral estará amenizado cos sons da Charanga Brexit este sábado pola tarde. Tamén hoxe se promoverá unha cata maridada de viños de Valdeorras con queixos de diferentes denominacións de orixe galegas. Finalizarase a xornada cun concerto do grupo “En mala hora”.

Durante mañá, domingo, a música correrá a cargo do Grupo de Cantos de Taberna “Os Pándega”. E, tamén mañá vaise desenvolver unha cata popular cunha selección dos mellores viños da feira, que se concibe como unha actividade gratuita para todo o público adulto na que se poderá experimentar -en primeira persoa- o traballo que realizan os catadores oficiais que participan en concursos e certames vitivinícolas.

Completarán as actividades do domingo un obradoiro de cociña infantil, unha cata maridada de viños valdeorreses con pinchos elaborados polo Bar Bajo Cinco do Barco e un showcooking a cargo do chef Héctor López, do Grupo Nove. Finalmente, a última hora do día entregaranse os premios da cata popular.

Premiados nas catas

valdeorras Foto de Familia Intervintes e Premiados

Dentro do calendario de eventos, o Complexo Hostaleiro Paladium, emprazado en Vilamartín de Valdeorras, acolleu a pasada noite o acto de entrega de Premios da XXIV Cata Oficial da Feira do Viño de Valdeorras, no que participaron 19 adegas que presentaron a concurso 38 referencias, 18 brancas,10 tintas e 10 doutras añadas.

No decurso da súa intervención, o presidente do Consello Regulador da D.O. Valdeorras, José Ramón Rodríguez Castellanos, destacou que entre os membros do panel de cata que avaliou as referencias participaron este ano os xornalistas especializados que están a visitar a comarca con motivo da Feira do Viño. Rodríguez Castellanos sinalou que polo simple feito de participar e sacar adiante unha colleita todas as adegas deben xa considerarse “gañadoras” e reivindicou o acto de entrega dos premios como “unha festa dende o sector e para o sector”.

A continuación, detállanse as adegas e viños que resultaron distinguidas na XXIV edición da Cata:

Viños brancos:

1º Premio- A Coroa Godello Produción Controlada de Adega A Coroa S.A.T.
2º Premio- Joaquín Rebodello Godello 2022 de Bodega Joaquín Rebolledo S.A.
3º Premio- Maruxa Godello 2022 de Virxe do Galir S.L.U.

Viños tintos:

1º Premio- Cascanueces Mencía 2022 de Arnadoval S.L.
2º Premio- Sampayolo Mencía 2022 de Bodega Sampayolo S.L.
3º Premio- Joaquín Rebolledo Mencía 2022 de Bodega Joaquín Rebolledo S.A.

A mención especial para o mellor viño doutras añadas foi a parar ao Lagar do Cigur Crianza 2015 da Adega Melillas e Fillos S.L.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información