A tractorada de Santiago deu esta noite un paso máis para esixir un prezo do leite que cubra os custos de produción dos gandeiros. Os gandeiros bloquearon esta noite cos tractores o centro de distribución de Supermercados DIA, un dos que se nega a asinar os acordos de Madrid para o sector lácteo, así como o Carrefour do Centro Comercial As Cancelas e a sede da Xunta de Galicia, en San Caetano. Pódese ver aquí unha galería de imaxes do bloqueo.
Nunha concorrida asemblea que se celebrou en plena rúa, na avenida de Lugo, e na que participaron preto dun milleiro de gandeiros -moitos deles non asistiron porque tiveron que volver para facer o traballo nas explotacións- os gandeiros decidiron endurecer as protestas. Isto prodúcese ante a falta de respostas da Comisión Europea á crise do sector lácteo e a falta de garantías de que o acordo entre industria, distribución e produtores que se está a negociar en Madrid coa mediación do Ministerio lles garanta un prezo mínimo que cubra os custos de produción, que o propio Ministerio sitúa en 0,34 euros por litro, cando o prezo medio que están a recibir os gandeiros galegos é de 27,6 céntimos.
Os tractores manteranse nas rúas de Santiago, polo menos ata o xoves
Neste sentido, os gandeiros aprobaron por aclamación manter os tractores nas rúas de Santiago de Compostela, polo menos ata este xoves. En negociacións co concello acordaron deixar un carril libre pero só para urxencias (ambulancias e bombeiros).
A outra decisión foi bloquear o Carrefour das Cancelas e o Centro de Distribución de DIA, situado en Mercagalicia, no Polígono do Tambre, e rodear tamén a sede da Xunta de Galicia.
Polo demais, houbo momentos de tensión entre gandeiros e representantes dos sindicatos sobre o papel destes últimos durante a crise do sector lácteo. Finalmente imperou o chamamento unánime á unidade e á organización. Os gandeiros están dispostos a manter as mobilizacións ata conseguir unha garantía de prezo mínimo que cubra os custos de produción. “Queremos un prezo digno, non esmolas, queremos cobrar polo noso traballo” asegurou un gandeiro mozo de Rodeiro.
Outra das intervencións máis aplaudidas foi a do ex-alcalde de Boimorto, Mini, que subliñou que “nunca debedes romper a vosa unidade”. Igualmente fixo un chamamento a buscar o apoio do conxunto da sociedade: “É moi importante a solidariedade da xente non gandeira, non a manquedes porque a tedes do voso lado”.
Mañá continuarán as mobilizacións con accións de información aos consumidores nos centros comerciais DIA e Carrefour de Santiago. Previsiblemente pola tarde volverase celebrar outra asemblea para decidir as accións a tomar.
Vídeo dun momento da asemblea: