Os bosques de ribeira galegos, unha potencialidade ambiental a apoiar na próxima PAC

Os bosques de ribeira galegos, unha potencialidade ambiental a apoiar na próxima PAC

Imaxe aérea da Terra Cha. A principal comarca leiteira do Estado é tamén a que ten maior superficie de bosque de ribeira en Rede Natura.

Introdución: o papel multifuncional da vexetación de ribeira

Dous datos para comezar. Segundo o Plan Hidrolóxico da Demarcación Hidrográfica de Galicia-Costa, a lonxitude total da rede hidrográfica básica é de 14.682 km. Segundo o Manual de Habitats da Rede Natura de España, os bosques de ribeira ocupan unha superficie de 25.358 hectáreas en Galicia, que representa más do 50% da superficie deste hábitat en todo o Estado.

A vexetación de ribeira ten un valor multifuncional en numerosos aspectos da política agro-ambiental europea, xa que inflúe nos seguintes factores:

  • Mellora a calidade das augas: efecto de filtro para evitar a polución por nutrientes, productos fitosanitarios, e sedimentos producidos na erosión.
  • Regula a temperatura e controla a proliferación de algas mediante o sombreado dos cauces, etc.
  • Beneficia o benestar animal: sombra, refuxio e protección dos ventos, ramoneo, etc.
  • Mellora a biodiversidade: aumento da riqueza dos hábitats (aves, insectos, anfibios, reptís, etc); corredores ecolóxicos, refuxio para polinizadores, etc.
  • Aumenta a riqueza piscícola: regulación da temperatura da auga; aporte de alimento (invertebrados terrestres que caen das árbores, follas que alimentan ás comunidades de macroinvertebrados); refuxio natural formado polas raíces, madeira caída, etc.
  • Conserva a paisaxe agraria tradicional: mosaicos, bocagge, paisaxes culturais, turismo.
  • Fixa carbono, tanto na parte aérea como no solo.
  • Obtense madeira para biomasa, artesanía, construción, etc.
Porcentaxe de mostras de ríos de bacías hidrográficas españolas con concentración de glifosato maior de 0,1 µ/l (Fonte: Elaboración propia - Ecoloxistas en Acción, 2020).

Porcentaxe de mostras de ríos de bacías hidrográficas españolas con concentración de glifosato maior de 0,1 µ/l (Fonte: Elaboración propia – Ecoloxistas en Acción, 2020).

Estes servizos ecosistémicos deben ser recoñecidos socialmente e ter un xusto prezo, a pagar aos agricultores que deixan sen cultivar franxas de terreo agrícola, xeralmente moi produtivo, tendo en conta que as explotacións gandeiras galegas están entre as que teñen a menor base territorial de Europa.

Comparación da superficie agraria útil media das principais rexións europeas produtoras de leite con Galicia e o Estado español.

Comparación da superficie agraria útil media das principais rexións europeas produtoras de leite con Galicia e o Estado español.

Unha parte importante destes bosques de Ribeira está incluída na Rede Natura, así o Hábitat prioritario europeo código 91E*0, “Bosques aluviais de Ameneiros e freixos” (‘Alnus glutinosa’ e ‘Fraxinus excelsior’) pode atoparse en case todos os lugares da Rede Natura, sendo este habitat o terceiro en importancia de todos os hábitats de tipo de “bosque” despois das carballeiras e os soutos.
Gran parte deste hábitat se sitúa nas principais comarcas agrícolas e gandeiras de Galicia, como a Terra Cha, Ancares, Deza, etc.

LICs da Rede Natura Galega do Conxunto de Humedais de Corredores Fluviais (IBADER: Plan Director da Rede Natura Galega)

LICs da Rede Natura Galega do Conxunto de Humedais de Corredores Fluviais (IBADER: Plan Director da Rede Natura Galega)

Superficie protexida na rede natura galega do habitat “Bosques aluviais de Ameneiros e freixos” (‘Alnus glutinosa’ e ‘Fraxinus excelsior’). Elaboración propia a partir dos datos da C Medio Ambiente.

Superficie protexida na rede natura galega do habitat “Bosques aluviais de Ameneiros e freixos” (‘Alnus glutinosa’ e ‘Fraxinus excelsior’). Elaboración propia a partir dos datos da C Medio Ambiente.

A arquitectura verde da nova PAC: sinerxias coa política de augas

LIC Parga Ladra Tamoga, (Terra Chá) da Rede Natura Galega Fonte:Visor Xunta de Galicia.

LIC Parga Ladra Tamoga, (Terra Chá) da Rede Natura Galega Fonte:Visor Xunta de Galicia.

A nova arquitectura medioambiental deberá buscar un “enfoque multifocal” desde o marco de actuación da agricultura, a gandería e a silvicultura para un medio rural sostible. A concepción da arquitectura ambiental da nova PAC deberá ser elaborada con esta orde.

1. Definición dos requisitos que constitúen a “condicionalidade reforzada” (liña base para os pagos aos agricultores).

2. Deseño e definición dos “ecoesquemas” ecolóxicos (pagos suplementarios).

3. Definición polas comunidades autónomas das medidas agroambientais (segundo piar da PAC) na súa área territorial.

Figura 6: Comparación da arquitectura verde da PAC actual (esquerda) ca nova,  actualmente en eleboración (dereita). Fonte:MAPA.

Figura 6: Comparación da arquitectura verde da PAC actual (esquerda) ca nova, actualmente en eleboración (dereita). Fonte:MAPA.

A continuación, destacamos aqueles aspectos da arquitectura verde da nova PAC (Requisitos Legais de Xestión, Boas Prácticas Agrícolas e Medioambientais, Ecoesquemas e Medidas agroambientais) directamente relacionados cos obxectivos da política de augas en Galicia.

1. Condicionalidade Reforzada

A nova reforma da PAC pretende acadar uns obxectivos medioambientais e climáticos máis esixentes por medio dunha “Condicionalidade Reforzada” que deberán cumprir os beneficiarios das axudas da PAC, incluíndo os pequenos agricultores, (que ata o de agoara estaban excluídos das esixencias da condicionalidade).

A Condicionalidade Reforzada, inclúe obrigas derivadas da normativa da UE, denominados “Requisitos Legais de Xestión (RLG)” (a) e unha serie de requisitos en relación coas “boas prácticas agrícolas e medioambientais (BCAM)” (b), as cales deberán serán definidas por cada estado membro.

Esta “condicionalidade reforzada” será a liña base das esixencias a partir das cales se podería deseñar e primar outras prácticas agrarias como son os Ecoesquemas e as axudas agroambientais, ambientalmente máis esixentes ou de actuación prioritaria, en cada pais ou rexión europea, que deberán ser xustificadas na redacción dos plans estratéxicos da PAC, que actualmente estanse debatindo e elaborando.

1a) Requisitos Legais de Xestión (RLX)

  • Directiva 2000/60/CE marco comunitario de actuación no ámbito da política de augas (Requisito Legal 1). Requisitos obrigatorios para controlar as fontes difusas de contaminación concretamente os “fosfatos”.
  • Directiva 91/676/CEE protección das augas contra a contaminación por nitratos procedentes de fontes agrarias: de aplicación en zonas declaradas vulnerables. (Galicia ata agora estaba exenta deste requisito, pero podería ser declarada unha zona vulnerable na bacía xestionada pola Confederación hidrográfica do Miño-Sil, que afectaría á Comarca da Limia). (Requisito Legal 2).
  • Directiva 2009/128/CE, marco da actuación comunitaria para acadar un uso sostible dos praguicidas (restricións sobre o uso de praguicidas nas zonas protexidas en virtude da Directiva marco sobre a auga e a lexislación relativa a Natura 2000). (Requisito legal 13).

1b) Boas condicións agrarias e medioambientais (BCAM)

  • Protección adecuada de humedais e turbeiras (Bcam 2).

    No caso galego, deberíanse incluír as “veigas, gándaras ou “brañas”, xa que son zonas húmidas características do noso agro, que actúan como potentes filtros dos contaminantes e dos sedimentos, que doutra forma poderían afectar aos ríos, ademais de ter un gran valor como hábitat para a biodiversidade (anfibios, invertebrados, aves, etc.).

  • Creación de franxas de protección nas marxes dos ríos (Bcam 4).
    O obxectivo principal desta norma é a protección dos cursos fluviais contra a contaminación por nutrientes (nitróxeno, fósforo) e sedimentos das escorrentías, podendo estar constituídas estas proteccións por vexetación de ribeira.

  • Os beneficiarios das axudas da PAC deberán cumprir as seguintes normas.

    – Non aplicar fertilizantes nin produtos fitosanitarios nas marxes dos ríos, lagos e lagoas nunha franxa cuxa anchura será a recollida no Código de Boas Prácticas Agrarias ou outra normativa.

    – Na franxa de protección, non haberá produción agrícola, pero poderá permitirse a sementeira de mesturas de flora silvestre, o pastoreo ou a sega e, en caso necesario, a realización de labores superficiais de mantemento.

  • Mantemento dun porcentaxe mínimo de terras adicadas ás seguintes cuestións (Bcam 9):
  • – Mantemento das particularidades topográficas.

    – Prohibición de cortar sebes e árbores durante a temporada de cría e reprodución das aves.

    – Mantemento de superficies de interese ecolóxico (SIEs): para explotacións de máis de 10 hectáreas deberán adicar polo menos o 5% da Superficie Agraria Útil e das superficies forestadas a superficies de interese ecolóxico). Poderán considerarse como Superficies de Interese Ecolóxico:
    • Terrazas
    • Franxas de protección dos cauces
    • Lindes forestais
    • Elementos da paisaxe : sebes, árbores illados en ringleira ou en grupos, lindes arbustivas ou arbóreas, charcas, lagoas, estanques e abrevadeiros naturais, insuas e enclaves de vexetación natural ou penedos, terrazas de retención e, cando así se determine, muretes de pedra seca, ou elementos de arquitectura tradicional que, mediante o control das escorrentías, protexen o solo da erosión e axudan á recarga dos acuíferos, atenuando as inundacións, mediante un deseño “resiliente da paisaxe”.

2) Eco-esquemas

Os eco-esquemas configúranse como unha nova intervención incluída no primeiro piar da nova PAC (fondo FEAGA) e polo tanto serán financiados 100% con fondos europeos. Deberán estar baseados en prácticas agrícolas que sexan beneficiosas para o clima e o medio ambiente.

Os compromisos recollidos en cada eco-esquema só serán obxecto de pago (anual, por hectárea ou por cabeza de gando) se cumpren as seguintes condicións:

• Que vaian máis aló das esixencias contempradas na condicionalidade reforzada
• Que non sexan xa obrigatorias no dereito comunitario ou Nacional.

No borrador actual de ecoesquemas do Ministerio de Agricultura, aparecen diversas propostas de ecoesquemas. Seleccionamos polo seu interese para a implementación da política de augas o número 7:

Eco- esquema 7
Este eco-esquema aborda a implantación e conservación de marxes, insuas de vexetación e corredores multifuncionais. Comprende os seguintes compromisos por parte do agricultor:Establecemento de “márxes multifuncionais”, ínsuas de vexetación ou corredores mediante sementeira de franxas de terreo con especies autóctonas pratenses arbustos ou árbores.

Poderán servir tamén para xustificar o cumprimento das esixencias dos eco-esquema os elementos da paisaxe (sebes, muretes de pedra, etc).

Contémplase un complemento para explotacións situadas en Rede Natura 2000.

3) Medidas agroambientais

Son axudas do Piar II da PAC cofinaciadas polos estados membros, concibidas para protexer os recursos naturais e as paisaxes de maior valor nas zonas rurais, para contribuír á protección ambiental da UE en áreas prioritarias de biodiversidade, alteracións climáticas e calidade da agua, que apoian “bens públicos locais” de alto valor, e que de non ser fomentados pola Administración, poderían aumentar o risco de intensificación agraria ou de abandono desas terras.

As medidas para protexer e mellorar a calidade da auga poden, por exemplo, incluír:
• O establecemento de marxes de herba como filtros verdes
• A protección dos cursos de áuga de bovinos mediante a instalación de peches de aramio; bebedeiros para o gando en pastoreo, etc
• O establecemento de pastos permanentes tradicionais extensivos e para herba seca.

Un bo exemplo de medidas agroambientais podémolas atopar no PDR irlandés, onde se lle paga ao agricultor en función do ancho das franxas que deixa sen cultivar a carón do río (desde 3 ata 30 metros), con pagos que van desde os 0,9 ata 3,6 euros/metro lineal de franxa respectivamente.

Outro bo exemplo sería o Programa Forestal de Irlanda 2014 – 2020, financiado tamén polo PDR irlandés, onde se recollen medidas interesantes para a protección da calidade das augas, como por exemplo o “plan para a protección do “mexilón de rio” en Irlanda: Plan for Forestry & Freshwater Pearl Mussel in Ireland, desenvolvido polo “Department of Agriculture, Food & the Marine (DAFM).

Conclusións

A nova PAC ofrece moitas oportunidades para fomentar boas prácticas agrarias de elevado interese, tanto para mellorar e protexer a calidade das augas, como a biodiversidade e a paisaxe de Galicia.

A vexetación de ribeira e os elementos tradicionais da paisaxe galega (mosaico de cultivos e sebes, muretes de pedra, cómaros, veigas, gándaras, brañas, lindes vexetais de parcelas, etc) deben ser postos en valor pola Administración Galega para que sexan incluídos no deseño da “Arquitectura verde” da nova PAC, dentro do futuro PDR de Galicia, xa que proporciónanlle á sociedade numerosos servizos ecosistémicos esenciais, como é protexer a calidade dos recursos hídricos.

As boas practicas agrarias que caracterizaban a paisaxe tradicional galega están en grave perigo de desaparición, debido tanto ao despoboamento do rural, como á intensificación da producción agraria e forestal, polo que debe ser prioritario para a Administración Galega incentivalas mediante unha xusta recompensa, tanto social como económica, para os agricultores, gandeiros ou silvicultores que as custodian.

Este tipo de medidas deberían ser definidas dentro da “Arquitectura Verde” da nova PAC na redacción do próximo Plan de Desenvolvemento Rural de Galicia (PDR).

*Juan Castro Ínsua

*Juan Castro Ínsua é investigador do Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo (Agacal).

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información