Okarina, de Finca La Asunción, eríxese Vaca Gran Campioa do Open Feiradeza 2022

Outro animal desta gandería de Touro, Jesi, queda como Gran Campioa Reserva. Baroncelle Sidekick Patty ET de Gandería Rato, de Rodeiro, elixida mellor vaca de Feiradeza

Okarina, de Finca La Asunción, eríxese Vaca Gran Campioa do Open Feiradeza 2022

Okarina, de Finca La Asunción, Vaca Gran Campioa do Open Feiradeza 2022.

Okarina, de Finca La Asunción, proclamouse esta mañá en Lalín (Pontevedra) como Vaca Gran Campioa do Open Feiradeza 2022, que se celebrou no Lalín Arena durante toda a fin de semana. O asturiano Javier Freije, xuíz internacional de Conafe encargado de xulgar o certame, escolleu outro animal desta recoñecida gandería de Touro (A Coruña), Jesi, como Vaca gran Campioa Reserva.

Mentres, como vaca Gran Campioa de Feiradeza resultou gañadora Baroncelle Sidekick Patty ET, da gandería Rato, de Rodeiro (Pontevedra). Do mesmo xeito que no Open, unha vaca desta mesma granxa resultou tamén como Reserva, a Baroncelle Betanzos Andrea. Entre outros premios, Gandería Rato foi elixida como mellor criador tanto de Feiradeza coma do Open.

Nesta 37 edición de Feiradeza participaron un total de 16 ganderías, case todas elas galegas e en especial da comarca do Deza, onde se asentan 7 das granxas inscritas. Ademais do certame, este domingo celebrouse a XIII Poxa de Gando Frisón Feiradeza 2022, que contou con 18 animais procedentes da Granxa Mouriscade. 

O programa de actos deste ano en Feiradeza incluíu ademais a celebración da XXXIV Concurso-Poxa Nacional de Gando Vacún Selecto de Raza Rubia Galega, organizada por Acruga e que congregou a destacados exemplares desta raza.

Concurso de preparadores, xatas e xovencas

O certame de Feiradeza e o Open deron xa comezo o venres, co concurso de preparadores mozos de gando, onde resultou campioa Lorena Iglesia Vila, da Pastoriza (Lugo) e como subcampión David Pons, das Illas Baleares. 

Durante a xornada do sábado valoráronse as seccións de xatas e xovencas, onde Rey 1085 Moovin Soly ET, de Rey de Miñotelo, foi elixida como Gran Campioa do Open Feiradeza 2022. Xa pola tarde, foi quenda para a segunda edición do Concurso de Manexo de tractores.

 

Máis información sobre os actos de Feiradeza 2022

-Animais premiados en Feiradeza e no Open Internacional de Raza Frisoa.

-Poxa de Gando Frisón Feiradeza 2022

 

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información