O certame gandeiro Feiradeza celebrase este ano do 30 de xuño ó 2 de xullo

O concurso conta xa con 144 animais inscritos procedentes de ganderías da Coruña, Lugo e da comarca do Deza

O certame gandeiro Feiradeza celebrase este ano do 30 de xuño ó 2 de xullo

Instante da presentación desta nova edición de Feiradeza, este xoves, no Concello de Lalín.

Lalín acollerá do 30 de xuño ó 2 de xullo a trixésimo oitava edición de Feiradeza, na que se inclúe o Open Internacional da Raza Frisoa. O certame foi presentado esta mañá polos concelleiros en funcións de Medio Rural e Facenda, Avelino Souto e Paz Pérez. No acto tamén participaron o presidente de Africor Pontevedra, Jesús Manteiga, e o xerente desta entidade, José Rodríguez.

A cita contará de novo con ganderías de toda Galicia, procedentes de zonas gandeiras coma Santa Comba, Lugo, A Pastoriza ou do Deza. Ata o momento hai xa un total de 144 animais inscritos, aínda que este número pode variar aínda. En concreto, contan con 64 xatas, 17 xovencas e 63 vacas paridas. “Hai que recoñecer o esforzo e a predisposición dos gandeiros para participar en Feiradeza, xa que é un dos concursos con maior afluencia de animais en Galicia”, apunta Rodríguez

Nesta edición, o concurso de gando frisón será xulgado polo lugués Bonet Cid Salgado, xuíz internacional de Conafe.

Este ano, coma nas dúas edicións pasadas, haberá ademais un concurso de preparadores mozos xa o venres pola tarde. O sábado pola tarde terán un concurso de manexo de tractores, coa colaboración da empresa de maquinaria agrícola lalinense Maxideza.

Programa do certame

Venres, 30 de xuño

17.00 a 19.00 horas. Concurso de preparadores mozos.

19.00 horas. Inauguración oficial da feira.

Sábado, 1 de xullo

10.00 a 14.00 horas. Inicio do Concurso coas seccións de Tenreiras e Xovencas.

16.00 horas. Concurso de novos manexadores.

17.00 horas. Concurso de manexo de tractores.

Domingo, 2 de xullo

9.30 a 13.00 horas. Concurso de vacas adultas.

13.00 horas. Viño e pinchos para os asistentes, coa colaboración de Xenética Fontao.

14.00 horas. Entrega de premios e sorteos da xornada.

Sen poxa de gando

Esta edición de Feiradeza non haberá a tradicional poxa de gando, que era un dos grandes atractivos da cita. A decisión débese a que Finca Mouriscade, dependente da Deputación de Pontevedra, que proporcionaba a maioría dos animais para a venda, ten previsto realizar unha poxa de gando frisón. Agárdase que esta poxa pública sexa xa no mes de xullo, pero a data non se fixo pública polo momento.

Dende a organización de Feiradeza agardan que para a próxima edición se poida recuperar a poxa de gando, de xeito que se manteñan e coordinen as poxas organizadas pola Finca Mouriscade coa do certame.

Con todo, a Deputación de Pontevedra, a través da Finca Mouriscade segue sendo un dos colaboradores da cita tamén nesta edición, con premios para os participantes e proporcionará ademais dúas xovencas preñadas que se sortearán. Nesta edición, Feiradeza destina a premios un orzamento de 10.000 euros.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información