O SLG advirte de que o pago das axudas da PAC ás sociedades civís pode atrasarse ata a primavera

A organización agraria insta a Medio Rural a ingresarlles antes de fin de ano a estas explotacións o anticipo das subvencións da Política Agraria Común

O SLG advirte de que o pago das axudas da PAC ás sociedades civís pode atrasarse ata a primavera

A organización advirte da falta de liquidez das granxas no actual contexto de crise.

O pago anticipado das axudas da Política Agraria Común (PAC) está a chegar estes días a boa parte das explotacións, se ben o Sindicato Labrego Galego (SLG) advirte de que a maioría das sociedades civís, caso das sociedades agrarias de transformación (Sat), enfróntanse a un retraso no cobro que pode prolongarse ata a primavera. O problema, segundo o SLG, radica en que Medio Rural ten pendentes controis sobre as persoas que forman as sociedades civís, motivo polo que lles bloqueou o pago das axudas.

A organización agraria insta á Consellería a resolver esta situación antes de final de ano. En caso de que non haxa un compromiso da Xunta para facer o pago dos anticipos ó longo deste mes, o Sindicato anuncia a convocatoria inminente de actos de protesta. “Segundo puidemos saber a través do Fondo Galego de Garantía Agraria (Fogga), estas explotacións non cobrarán a PAC ata marzo do 2016, o cal resulta inadmisible no contexto de crise xeralizada que estamos a vivir, tanto en leite como no vacún de carne, xa que a liquidez das familias depende destas axudas”, critica o SLG.

O Sindicato Labrego sostén que o atraso no pagamento do anticipo da PAC é consecuencia da falta de planificación da Consellería, pois a organización entende que a Xunta debía ter iniciado os controis con antelación. A organización empraza a Medio rural a resolver as inspeccións coa máxima urxencia para poder ingresarlle os cartos das axudas a estas sociedades civís antes do remate do 2015. “Estamos pedindo so que se pague dentro dos prazos comprometidos tanto polo Ministerio de Agricultura como pola Consellería”, aseguran.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información