O sector agrario entende que as axudas lácteas perxudican a Galicia

Para cobrar 300 euros por vaca, unha granxa galega debeu percibir menos de 24,5 céntimos, en tanto en Andalucía o límite sitúase en 31,5 céntimos. Solicítase a creación dunha comisión de seguemento do acordo de Madrid

O sector agrario entende que as axudas lácteas perxudican a Galicia

Manuel da Cal (Fruga) e Anxo Escariz (OPL) solicitaron hoxe na Xunta unha comisión de seguemento do acordo de Madrid.

As axudas concretadas polo Ministerio de Agricultura para compensar ás granxas que perciben baixos prezos polo leite recibiron unha crítica unánime por parte das organizacións agrarias galegas. O sector entende que non hai motivos que expliquen que unha granxa de Galicia teña que ter percibido menos de 24,5 céntimos por litro entre abril e xullo para aspirar á axuda de 300 euros por vaca, en tanto en Andalucía poderá cobrar a subvención aquel produtor que ingresase ata 31,5 céntimos por litro.

O decreto de axudas do Ministerio establece dous niveis de apoios en función dos prezos percibidos polas explotacións e en función dos umbrais de rendibilidade de tres granxas típicas de Galicia, Castilla y León e Andalucía, calculados en base ós datos da Red Nacional de Granjas Típicas (Rengrati). Cos últimos datos do Rengrati, en Galicia percibirían axudas de 300 euros por vaca as granxas que cobrasen entre abril e xullo menos de 24,5 céntimos por litro todos os meses; en tanto corresponderíanlle 110 euros ás que cobrasen menos de 27 litro. En ambos casos, establécese un límite de 10.000 euros por granxa.

En Andalucía, as aportacións de 300 euros corresponderían ás granxas que cobrasen menos de 31,5 céntimos e as de 110 euros as que percibisen menos de 34 céntimos. En Castilla y León, os umbrais sitúanse en 23,7 e 26,3 céntimos. O Ministerio publicará nos próximos días na súa web a relación de explotacións con dereito a axudas.

Valoracións do sector
A maioría das organizacións agrarias de Galicia amosaron hoxe o seu rexeitamento ó decreto que regula as axudas ministeriais. Así, o Sindicato Labrego Galego (SLG) celebrou hoxe unha rolda de prensa en Lugo para explicar a súa crítica ó reparto. “O reparto calcula os custos de produción obviando cuestións como as amortizacións de instalacións e maquinaria ou os ingresos que deberían percibir os gandeiros”, cuestiona o Sindicato.

Xabier Gómez e Isabel Vilalba (SLG), hoxe en rolda de prensa.

Xabier Gómez e Isabel Vilalba (SLG), hoxe en rolda de prensa.

Doutro lado, a organización lembra que o Ministerio ata hai pouco cinguía o problema dos baixos prezos a dúas comunidades autónomas, Galicia e Cantabria, polo que se pregunta a que vén agora o ‘café para todos’ no que se convertiron as axudas. “O prezo medio pagado polo leite no primeiro cuadrimestre do 2015 foi de 29,8 céntimos en Galicia e de 36,5 en Andalucía”, compara o Sindicato Labrego.

Tamén a Federación Rural Galega (Fruga) e a Organización de Productores de Leche (OPL) se pronunciaron contra a distribución das axudas hoxe en Santiago. “Hai un trato discriminatorio cara os gandeiros galegos respecto ós do resto do Estado” -valora Manuel da Cal, da Fruga-. “É curioso que foramos nós os que nos movilizamos e os que fixemos presión sobre o problema e que agora se beneficie a outras zonas onde non se daba esta situación”, critica. “En calquera caso, queremos prezos xustos, non esmolas”, unha apreciación na que coinciden o Sindicato Labrego e Unións Agrarias.

Desde a OPL e a Fruga advirten tamén de que as axudas do Ministerio para as explotacións lácteas deberían ser compatibles cos 25,5 millóns de euros que a Comisión Europea destinou á gandaría española para solucionar os problemas de baixos prezos. O Ministerio aínda non decidiu como repartir eses 25,5 millóns.

Comisión de seguemento
Doutra banda, dous representantes da Plataforma en Defensa do Sector Lácteo, Anxo Escariz (OPL) e Manuel da Cal (Fruga) presentaron hoxe na Xunta unha solicitude para a creación en Galicia dunha comisión de seguemento do acordo lácteo asinado en Madrid o pasado día 23 de setembro. “Queremos informar á Administración dos contratos que presenten os primeiros compradores –intermediarios- que quedaron fóra da sinatura de Madrid, de xeito que se fosen contratos á baixa, a Xunta e o Ministerio actúen para solucionar o problema”, demanda Anxo Escariz. “Tamén queremos estar informados da elaboración do contrato tipo e do suposto decreto de garantías do acordo que anunciara o Ministerio e do que non se volveu saber nada”.

O sector está á expectativa do que suceda a partir do 4 de outubro, día en que entra en vigor o acordo, pero Da Cal é reticente sobre as perspectivas: “O acordo asinouse o 23 e o 24 xa houbo industrias que comezaron a presionar ós gandeiros con contratos que non viñan a conto. Ese xa é motivo suficiente para constituir a comisión”, valorou.

2 ideas sobre “O sector agrario entende que as axudas lácteas perxudican a Galicia

  1. Victor Manrique

    Ya esta bien de demagogia electoral. Los cálculos de los costes de produccion para realizar los pagos son un chiste. Hablando en plata, EL PORCENTAJE DE EXPLOTACIONES QUE COBRAN LA LECHE POR DEBAJO DE COSTES SE APROXIMA AL 100%. Las ayudas publicitadas por doquier, tienen importantes limitaciones, tanto en el importe a percibir como en el limite máximo, como en la selección de las explotaciones (de donde sale el limite de precio en 25 céntimos???. Estan ustedes locos o qué??) como en la incompatibilidad con otras ayudas, como en el tope de la subvención (20 millones de euros). Cuanto mas se habla de ellas, mas insultantes me parecen; con los titulares con que se “venden” parece que ya llegó la panacea que va a salvar el sector.
    Señora ministra y los paniaguados que la rodean, DEJEN DE PUBLICITARSE A COSTA DE UN SECTOR PRODUCTOR AL QUE INTENTAN COMPRAR CON LIMOSNSS MISERABLES.

    Contestar
  2. Sócrates

    Tomadura de pelo, nin máis, nin menos.
    Os do Magrama (Estado) lexislan a 600 kms, lonxe, moi lonxe. E non queren enterarse do problema tan serio que temos en Galicia. A realidade non lles importa. Perversos.
    E aquí, a Consellería (Xunta) a velas vir. Tampouco lles importa este país. Incompetentes.
    Todo propaganda do pior estilo. Esmolas. Sen escrúpulos.
    Fora. Hai que botalos fora.

    Contestar

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información