O que se sabe e o que non da nova PAC

Agricultura presentará a comezos do 2021 un borrador de Plan Estratéxico Nacional, que deberá ser despois aprobado por Bruxelas, o que se espera para inicios do 2022. A nova normativa das axudas da Política Agraria Común aplicaríase así no 2023

O que se sabe e o que non da nova PAC

A xestión dos puríns é unha cuestión que previsiblemente se endurecerá no próximo ciclo da PAC.

Os próximos meses serán decisivos para definir as axudas da PAC que cobrarán as explotacións galegas desde o ano 2023. O Ministerio de Agricultura está traballando nun borrador de Plan Estratéxico Nacional, que lle presentará á Comisión Europea a comezos do 2021. Será entón cando se comecen a despexar as incógnitas que hai sobre a aplicación da nova Política Agraria Común en España. Repasamos a continuación o que se sabe e o que non do novo ciclo a partir do anunciado polo ministro e das posicións das organizacións do sector.

Agricultor xenuíno

Existe consenso no agro en que as axudas da Política Agraria Cómun (PAC) deben ir ós agricultores activos, non ós chamados ‘agricultores de sofá’ nin a persoas xubiladas. A discrepancia está en como definir quen é agricultor xenuíno e quen non. O Ministerio de Agricultura trasladoulle ás comunidades autónomas a finais de xullo que baralla pedir un 20 -30% mínimo de ingresos totais procedentes da actividade agraria.

Esa proposta é considerada no campo como un potencial “coadoiro” para que sigan percibindo as axudas persoas que non viven da agricultura. Desde o Ministerio arguméntase que hai unha parte da agricultura española que se practica a tempo parcial e que hai que ter en conta, pero desde a óptica das organizacións agrarias, son necesarios límites maiores.

“Un 20% de ingresos do agro non é suficiente. Hai que ser máis ambicioso e esixir que a maior parte dos ingresos proceda da agricultura”, valora Román Santalla, secretario de Ganadería de UPA, a matriz estatal de Unións Agrarias. É unha opinión compartida polo Sindicato Labrego, onde xa hai anos pediron que só cobren a PAC as persoas que perciban máis do 50% de ingresos do agro e que adiquen polo menos un 50% da súa xornada laboral ó campo.

En España, hai un 38% de perceptores da PAC que son xubilados e que ingresan arredor dun 26% do total dos fondos. É unha porcentaxe que cobra importancia en especial en comunidades máis agrícolas que gandeiras, pois en Galicia, aínda que tamén hai unha porcentaxe significativa de perceptores xubilados, os pagos que perciben son só do 6% dos fondos.

Dereitos históricos

O pago básico, conformado polos dereitos históricos de cada beneficiario, substituirase na nova PAC pola chamada axuda básica á renda da explotación. Está por ver se esa axuda á renda mantén os actuais dereitos históricos ou se se producen modificacións, pois o Ministerio amosouse disposto á supresión dos dereitos históricos se hai unha maioría de comunidades autónomas favorables a esa decisión.

A postura maioritaria nas organizacións do agro en Galicia é favorable á continuidade dos dereitos históricos. Tanto Unións Agrarias – Upa como a Asociación Galega de Cooperativas (Agaca) e a Asociación Agraria de Galicia (Asaga) apoiaron no 2018 un documento de propostas consensuado pola Consellería do Medio Rural no que se apostaba, entre outras cuestións, pola continuidade dos dereitos históricos.

Desde Unións Agrarias – Upa avogan na actualidade pola prudencia en torno ós dereitos históricos e apuntan á necesidade de chegar a un consenso de toda a Cornisa Cantábrica. “A Cornisa é unha zona na que os dereitos están axustados a quen traballa a terra. Precisamos de datos técnicos para coñecer o valor dos dereitos ligados á gandería e a partir de aí, definir unha posición conxunta”, sopesa Román Santalla, que se está a reunir este mes cos conselleiros da Cornisa Cantábrica.

Posturas a favor da eliminación dos dereitos históricos
A eliminación dos dereitos históricos levaría a súa substitución ou ben por un pago por hectárea, ou ben por unha nova asignación de dereitos. En Galicia, desde o Sindicato Labrego están a favor de eliminar os actuais dereitos históricos, de cara a permitir a entrada de novos produtores, incluso de sectores agora alleos á PAC, como a horta ou o vitícola.

A cuestión é que criterio adoptar en lugar dos dereitos históricos. En caso de que se eliminen os dereitos, a organización teme que se implante un pago plano por hectárea, que estiman en 200 – 215 euros por hectárea, xa que perxudicaría a explotacións como as galegas, cunha base territorial máis reducida que a media española e europea. Outra opción pasaría por unha nova asignación de dereitos, con criterios por definir.

En contra dos dereitos históricos posiciónase tamén a Sociedade Galega de Pastos e Forraxes. O seu presidente, Joan Alibés, entende que “se se quere apostar polo relevo xeneracional, habería que eliminar os dereitos históricos” -defende-. “O sistema xusto é pagar polo que se fai e pola terra que se traballa. A eliminación de dereitos beneficiaría ademais ás persoas que comezan nos distintos sectores sen unha explotación inicial previa” -subliña Joan Alibés-. “Outra cousa é que se queira manter o status quo actual, que penso que é o que busca o Ministerio. Extrañaríame que se eliminasen os dereitos históricos”, valora.

Axudas ligadas á produción

A próxima PAC manterá axudas ligadas á produción, se ben queda por determinar que pagos asociados haberá e que coantías terán. O responsable de Ganadería de UPA, Román Santalla, defende un aumento dos pagos acoplados en tódolos sectores gandeiros (vacún de leite, carne, ovino, etc.). “Son sectores todos eles que se enfrontan a unha perda progresiva de renda. Pensemos que o leite e a carne páganse ó mesmo prezo que se pagaban hai décadas, pero mentres tanto o custo da vida subiu e moito”, destaca.

Hectáreas elixibles e pastos arbustivos

A última reforma da PAC perxudicou ás explotacións galegas de gandería extensiva, pois penalizáronse os pastos arbustivos. O agro galego posicionouse en contra desa medida, xa que desincentiva a xestión do territorio e ambiental que practican as ganderías extensivas. É unha incógnita como quedarán os pastos arbustivos na nova PAC. Cómpre esperar a que Bruxelas concrete o novo regulamento a aplicar.

Réxime de pequenos agricultores

Dado que haberá pequenos agricultores que quedarán fóra da definición de agricultor xenuíno, o Ministerio baralla a posibilidade de establecer pagos de arredor de 200 – 250 euros por hectárea para os produtores que teñan entre 6 – 10 hectáreas, de xeito que se apoie así o seu papel social e ambiental.

Ecoesquemas e axudas para zonas con limitacións naturais

A nova PAC aséntase sobre dous piares concretados nos últimos meses pola Comisión Europea, o Pacto Verde (Green Deal) e a estratexia ‘Da granxa á mesa’, proxectos cos que se busca unha agricultura máis verde, encamiñada a mellorar a biodiversidade, loitar contra o cambio climático e reducir o consumo de fitosanitarios e fertilizantes químicos, entre outras cuestións.

Para logralo, a Comisión Europea aportaralle financiación ás explotacións en función das súas características e dos seus compromisos ambientais. Será por medio dos ecoesquemas, unha figura na que se funden as antigas axudas agroambientais e o greening (pago verde). Que ecoesquemas se lle ofrecerán ó agro? É un tema por definir.

Medio Rural xa anunciou un dos ecoesquemas cos que quere traballar. A Xunta pretende financiar por medio dos ecoesquemas o envío de puríns a novas plantas de xestión de xurros que construiría en catro comarcas galegas (Mazaricos, A Pastoriza, Deza e A Limia). Desde o sector agrario consideran que esa medida sería un “despropósito”, xa que adicaría cartos que van destinados ós agricultores a financiar o envío de xurros a plantas de tratamento. É unha cuestión á que xa se opuxeron organizacións como a Asociación Galega de Cooperativas (Agaca) ou o Sindicato Labrego.

O presidente da Sociedade Galega de Pastos e Forraxes, Joan Alibés, cuestiona tamén ese plan. “Sería un investimento antiestratéxico. Trátase de apoiar ás ganderías para que melloren a súa xestión ambiental e facela máis sostible, non para beneficiar a explotacións intensivas como as porcinas e para incentivalas a intensificar aínda máis” -critica-. “Ese ecoesquema que pretende a Xunta duraría ademais 7 anos. Que pasaría despois se a Comisión Europea cortase o apoio a esa axuda?, pecharíanse as catro plantas de tratamento?” -inquire-.”O único que ten sentido é apoiar ás ganderías para mellorar a súa xestión interna dos xurros”, conclúe.

Asesoramento e formacíón rural

A Sociedade Galega de Pastos e Forraxes chama tamén a atención sobre outro dos piares que terá a nova PAC, segundo os plans da Comisión Europea. É o do asesoramento e formación para as explotacións. “É unha cuestión que se está ignorando a nivel galego e estatal, o que representa un problema serio”, cuestiona.

Limitacións dos pagos por arriba

A Comisión Europea limitará a 100.000 euros por beneficiario o máximo que pode cobrar unha explotación da Política Agraria Común (PAC). Ese tope, segundo explicou o ministro, referirase só á axuda básica á renda (o actual pago básico) e facendo descontos en función dos traballadores contratados.

As organizacións agrarias temen que con esa aplicación do tope, o límite perda sentido, pois interpretan que a gran maioría de beneficiarios poderán cumplilo, o que beneficia ós chamados ‘agricultores de sofá’, sociedades latifundistas do centro e sur peninsular.

En busca dunha fronte común na Cornisa Cantábrica

Reunión de UPA co Goberno cántabro.

Reunión de UPA co Goberno cántabro.

A Unión de Pequenos Agricultores (UPA), matriz estatal de Unións Agrarias, mantivo estes días unha reunión coa Consejería de Agricultura de Cantabria e nos próximos días ten prevista outra xuntanza coa Consejería de Agricultura de Asturias, coa que xa tivo unha primeira toma de contacto. “Será tamén interesante coñecer a postura do País Vasco”, valora o responsable de Ganadería de UPA, o lalinense Román Santalla.

O obxectivo prioritario dos encontros é que as comunidades da Cornisa establezan un posicionamento conxunto “que faga visible á gandería nesta PAC” -destaca Santalla- “Temos que defender conxuntamente o modelo de granxas familiares”, afirma.

Román Santalla, á esquerda, durante a reunión co Goberno cántabro.

Román Santalla, á esquerda, durante a reunión co Goberno cántabro.

Os argumentos a favor da gandería familiar resúmeos o responsable de UPA en tres puntos. “En primeiro lugar, a gandería adoita estar en terreos desfavorecidos ou de montaña, polo que precisa dunha atención específica e prioritaria” -valora Santalla-. “Unha segunda cuestión a ter en conta é que a gandería é clave na xestión do territorio, na creación de emprego e mesmo na absorción de CO2 a través dos pastizais. Non ten sentido que se nos culpe de perxudicar ó medioambiente”.

Unida á función social e territorial da gandería, Santalla incide no seu papel alimentario, pois “en contra dalgunhas cousas que di a Comisión Europea, a carne, e xa non digamos os lácteos, teñen un papel trascendental no marco dunha alimentación equilibrada”.

Unións Agrarias – UPA posiciónase, por último, a favor dunha PAC “valente, para quen a traballe, dirixida ó verdadeiro agricultor que traballa e vive nos pobos”. Máis alá dos apoios da Política Agraria Común, que son precisos para complementar a renda das explotacións, Santalla lembra tamén que a PAC debe incluír medidas para garantir prezos xustos en orixe para os produtos agrarios. “Necesitamos prezos que cubran custes e que fagan rendible o traballo no campo”, conclúe.

Plan Estratéxico de Galicia
A Xunta de Galicia, pola súa banda, encargoulle a finais do 2019 un estudo á Universidade de Santiago para definir o Plan Estratéxico de Galicia para a próxima PAC, co que debería negociar despois un encaixe para a comunidade no Plan Estratéxico Nacional. Espérase o seu remate para os próximos meses.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información