O prezo do leite segue escalando a niveis récord na Unión Europea: Media de 0,48 euros en xuño

PREZOS LEITE UE XUÑO 22O prezo do leite segue subindo e marcando niveis récord no que vai de 2022. Así, e segundo acaba de publicar o Observatorio do Sector Lácteo da Unión Europea, en xuño a media que se lle pagou aos produtores é dunha estimación de 0,4852 euros o litro, o que supón un 1,9% máis respecto a maio e arredor dun 34% máis con respecto ao mesmo mes de 2021.

Para España a estimación que fai a Comisión Europea é que en xuño os prezos mantivéronse sen cambios, cunha media de 0,4184 euros o litro. En Francia os prezos en xuño quedaron nunha media de 0,4508 euros para os produtores; en Alemaña en 0,5010, en Holanda en 0,5352 e en Irlanda os gandeiros cobrarían de media o leite o pasado mes a 0,5406 euros o litro.

Polo que respecta a xullo, os primeiros datos apuntan a que a tendencia alcista dos prezos do leite en orixe continuará. Así, en Italia o leite spot en cisternas estase pagando este mes a 0,60 euros o litro, o prezo máis alto dende que hai rexistros.

leite spot italia xullo 22

Xullo comeza con subidas nos derivados lácteos

LACTEOS PREZOS XULLO 22 UE

Polo que respecta aos prezos dos derivados lácteos, xullo comezou con cotizacións á alza na Unión Europea. Así, a manteiga pagouse de media a 7,27 euros o kilo, un 0,6% máis que a última semana de xuño e un 81% máis que hai un ano; o leite en po enteiro quedou en 5,24 euros o kilo, un 3,2% máis respecto á semana precedente e un 63% máis que hai un ano e, pola contra, o leite en po desnatado baixou un 0,5%, quedando nos 3,99 euros o kilo, aínda que cunha revalorización interanual do 56%.

En canto aos queixos, a suba foi xeralizada, dende o 0,9% do Edam (5,11 euros o kilo e unha suba interanual do 56%), ao 0,4% do Gouda (4,84 euros/kg e suba interanual do 48%), mentres que o Emmental encareceuse un 1,2% na primeira semana de xullo e cotízase a 5,83 euros/kg, un 31% máis que hai un ano.

Descarga aquí os informes completos do Observatorio do Sector Lácteo da Unión Europea

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información