“O manexo da cuberta vexetal en viñedo debe adaptarse cada ano ás condicións climáticas e ós obxectivos”

Abordamos co investigador Léo García algunhas das claves a ter en conta no manexo da cuberta vexetal do viñedo. Os seus traballos afondan nas datas e ferramentas para a súa destrución. García aposta por pautas adaptadas ás necesidades e obxectivos de cada viñedo

Publicidade
“O manexo da cuberta vexetal en viñedo debe adaptarse cada ano ás condicións climáticas e ós obxectivos”

O investigador Léo García nun viñedo cunha cuberta vexetal.

As cubertas vexetais poden converterse en aliadas fronte á erosión dos solos nos viñedos, máis aínda cos efectos do cambio climático. Aínda que, tamén é preciso un manexo adecuado da cuberta para que esta non se converta nunha competencia directa para as cepas por nutrientes ou a auga.

O investigador do Instituto Agro Montpellier, Léo García, que levou a cabo investigacións sobre o manexo das cubertas achega algúns dos aspectos para ter en conta, tales como as datas para destruír as cubertas ou ferramentas a empregar.

-As súas últimas investigacións abordan a destrución da cuberta vexetal. En que momento adoita levar a cabo este traballo no viñedo?
– No ensaio temos dúas datas: ao final do inverno (a mediados de febreiro), cando os viticultores volven traballar na liña de vide e ao comezo da brotación (finais de marzo ou comezo de abril, segundo o ano). Ambas son datas nas que adoita haber moito traballo de solo.

“Na destrución da cuberta son determinantes as reservas de auga que haxa no solo”

-É determinante escoller ben o momento da destrución da cuberta? Por que?
-Si, por suposto. Non escollemos unha data máis tardía, como en maio ou en xuño, cando a vide se atopa en floración, xa que vimos con outros experimentos que cando se deixa a cuberta durante moito tempo seca moito o solo. Nun clima Mediterráneo é difícil manter o rendemento ou o vigor da vide se se deixa a cuberta moito tempo. De todos os xeitos, tamén podería variarse esa data dependendo dos obxectivos que se persigan. Na destrución da cuberta son determinantes as reservas de auga que haxa no chan. Tamén hai que ter en conta as condicións meteorolóxicas dese ano, xa que varían e poden alterar a data de curta. En invernos moi chuviosos, pode resultar que non sexa necesario destruír tan cedo esa cuberta, pero en invernos secos, deixar esa cuberta pode ter importantes consecuencias se despois non hai choivas.

-Que outros factores deciden o momento óptimo para destruíla?
-Ademais da cantidade de auga que haxa no solo, é determinante a cantidade de biomasa da cuberta, é dicir a cantidade de plantas e o seu tamaño. Na saída do inverno, a cuberta non é tan alta, xa que o frio retarda o desenvolvemento da vexetación e a evaporación é tamén mínima. En cambio, en abril, coa brotación da vide, xeralmente a biomasa da cuberta é máis importante, así como a superficie foliar e a transpiración das plantas. A climatoloxía é máis cálida, o que favorece o crecemento das plantas e consómese máis auga do solo, por iso a necesidade de escoller ben a data.

-A idea é realizar ambas destrucións da cuberta ou escoller entre unha delas atendendo ao que pretenda conseguirse?
-No proxecto buscábase comparar unha destrución máis precoz (en febreiro) coa destrución máis clásica que se realiza en viñedos. Así, temos unha zona dentra da mesma parcela que se destrúe só en abril e outra que se tritura tanto en febreiro como en abril. Nalgunhas ocasións chega a programarse unha terceira destrución posterior se aínda volve crecer esa vexetación.

-En territorios como Galicia, onde o mildio é un dos principais inimigos do viñedo pola humidade e temperaturas moderadas que adoitan producirse durante primavera e verán, a cuberta debería destruírse con antelación?
-Existen xa estudos realizados por outros investigadores que abordan esta relación, que resulta un pouco complexa. O feito de contar cunha cuberta vexetal no viñedo propicia un grao de humidade que pode favorecer á súa vez a aparición de mildio, pero a aparición deste patóxeno adoita darse cando a viña ten xa gran cantidade de follas, polo que se se realiza unha destrución da cuberta, a súa incidencia podería ser mínima.

Ao mesmo tempo, o investigador chileno Héctor Valdés, da Universidade Católica de Santiago de Chile, que realizou a súa tese neste centro de Montpellier, demostrou que as cubertas vexetais tamén exercen unha competencia coa vide, de maneira que as cepas teñen menos vigor na primavera, o que significa tamén maior ventilación nas follas, de maneira que se reduce a incidencia de mildio, xa que prefiren as plantas de gran vigor, con maior nitróxeno e ambientes húmido e pechados. A clave está en reducir o vigor da viña sen que se dane o rendemento da cepa. É posible, pero require un bo manexo.

-Non só a data senón a maneira de destruír esta cuberta parece ser importante. Nos seus traballos estudou diferentes métodos para destruír a cuberta, Por que decidiu avaliar a segadora e o rolo?
-Queriamos ver a relación entre servizos e beneficios ecosistémicos que ofrecen estas dúas ferramentas.De feito, comparamos a segadora e o traballo do solo, só empregar segadora e o rollo. A segadora parece ser unha alternativa para conseguir unha mineralización do solo máis rápida si se combina co laboreo do solo. No caso do rolo, é unha ferramenta que está moi en auxe como unha alternativa nun manexo agroecolóxico en determinados círculos de gandeiros en Francia, entre os que reivindican deixar de labrar tanto a terra, e queriamos ter resultados científicos do seu funcionamento.

Que diferenzas se atopan con cada un dos métodos?
-A segadora adoita empregarse naquelas cubertas permanentes, destruídas máis tarde ou en cubertas espontáneas. Ao cortar a biomasa máis pequena prodúcese unha mineralización do chan máis rápida e hai maior achega de nitróxeno dispoñible para a vide. En comparación co rolo, a segadora permite cortar as plantas en anacos pequenos, e os anacos pequenos mineralízanse mais rápido que os anacos grandes. Aínda que, o mellor para a mineralizacion é mesturar todo con traballo de solo.

Co rolo conséguese un acolchado que impide á maleza crecer, polo que tamén permite unha maior retención da auga no solo no verán. Pero este resultado non sempre se consegue. Se se ten unha biomasa abundante, o rolo funciona moi ben, pero en anos nos que non se chegou a desenvolver a cuberta tampouco se logran bos resultados. Neses casos, poida que se teña que pasar o rolo varias veces e aínda así non se consegue destruír especies como as gramíneas e mentres seguirán consumindo as reservas de auga do viñedo. O rolo tampouco termina de lograr bos resultados cando na cuberta hai unha mestura importante de cereais.

“O rolo pode ser unha boa opción, pero é difícil o seu manexo, xa que deben seleccionarse ben as especies da mestura e ter en conta o seu desenvolvemento”

-Outros aspectos para ter en conta sobre a elección destas ferramentas para destruír a cuberta?
-No caso da segadora, o feito de que só corte a biomasa, sen chegar a mesturala coa terra dificulta o proceso de mineralización, polo que se se sementa unha cuberta para utilizar como abono verde usar a segadora só non é a mellor opción para favorecer esta fertilización.

Ademais, debe terse en conta que o uso da segadora, en lugar de destruír a cuberta pode provocar que creza aínda máis esa biomasa, sobre todo cando se cortan sen que as especies terminasen o seu ciclo. Isto provoca o efecto contrario do que se persegue, xa que tomarán máis auga do solo para volver medrar.

O rolo pode ser unha boa opción, pero tamén é difícil o seu manexo, xa que deben seleccionarse ben as especies da mestura e ter en conta o seu desenvolvemento, así como o momento da curta.

-En base aos seus traballos de campo, que recomendación pode facer á hora de fixar a destrución da cuberta ou a ferramenta para utilizar?
-Tanto a data para a destrución ou a ferramenta a utilizar debe escollerse en base aos obxectivos que se persigan nese viñedo. É fundamental ter claro que se busca con esa cuberta vexetal no viñedo. Se se quere achegar abono verde ás cepas non se fará o mesmo itinerario técnico que se se procura achegarlle maior carbono aos solos. A principal recomendación é adaptarse ás condicións de cada ano, sen ter pautas fixas. Ademais, o cambio climático está a provocar unha maior variabilidade do clima, co que se volve máis importante adaptarse.

-Algún outro consello, en base ás súas investigacións, sobre o manexo da cuberta vexetal?
-Para aqueles viticultores que comecen a traballar con cubertas vexetais é recomendable facelo con leguminosas, xa que son especies que adoitan crecer en calquera tipo de solo e isto é especialmente importante no caso dos viñedos, xa que moitos dos solos son moi pobres en nutrientes Tamén poden empregarse mesturas de especies, unha opción máis segura, xa que a pesar das variacións climáticas que poidan alterar o crecemento da vexetación, polo menos lograrase contar con algunha especie.

Aínda que non fixemos ensaios específicos sobre iso, tamén é moi importante a data na que se sementa a cuberta, xa que iso favorece a biomasa. Ás veces, a sementeira debe realizarse a finais de agosto ou antes da vendima, para que comece a brotar coas primeiras choivas do outono.

Tamén é recomendable probar coa cuberta nunha parte da parcela, sen facelo a primeira campaña en todo o viñedo, para así ir comprobando como evoluciona e poder construír a súa propia estratexia no seu contexto.

“En Francia estanse realizando cada vez máis sementeiras de distintas especies nas cubertas”

-Cada vez son máis os viticultores que optan por contar con cubertas vexetais nos seus viñedos, deixará de labrarse a terra dos viñedos para optar sempre polas cubertas vexetais?
-Na zona mediterránea teño certas dúbidas sobre que poida chegar a pasar, máis aínda nas grandes adegas e tendo en conta o incremento da temperatura derivado do cambio climático e o consumo de auga que require a cuberta vexetal. Cando non hai auga nin rega é máis complicado abandonar o traballo de solo. Neste sentido estamos a desenvolver outra investigación sobre utilizar certos materiais como cortiza ou casca na liña da vide para reducir a competencia da biomasa pola auga e utilizar a cuberta vexetal entre liñas. Por agora as perspectivas son boas, pero non temos aínda suficientes datos.

-Predomina en Francia o uso da cuberta vexetal? Óptase por cubertas espontáneas ou por cultivos complementarios?
-Depende das rexións. Nas zonas máis húmidas, case todos os viticultores optan pola cuberta vexetal espontáneas, con gramíneas que manteñen durante varios anos. Ás veces, nestas rexións con moitas chuvias, o primeiro servizo que esperan da cuberta os viticultores é poder entrar no viñedo tras o inverno para aplicar certos tratamentos preventivos. En Francia, estanse realizando cada vez máis sementeiras de distintas especies nas cubertas, unha práctica que era pouco habitual.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información