O Consello de Ministros, a proposta do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico (MITECO) e do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación (MAPA), aprobou este mércores o Real Decreto que regula o programa de axudas para a realización de actuacións de eficiencia enerxética en explotacións agropecuarias.
Este programa, que conta cunha dotación de 30 millóns de euros, favorecerá o aforro enerxético e, con iso, a mellora da competitividade do sector, así como a utilización das enerxías renovables e a redución das emisións de CO2, contribuíndo ao cumprimento do Plan Nacional Integrado de Enerxía e Clima 2021-2030 que prevé a necesidade de medidas de apoio ao aforro enerxético, instalación de renovables e redución de emisións no sector primario. As axudas cubrirán até o 30% do custo necesario para a execución do proxecto.
Os investimentos que se apoian contribuirán á xeración de emprego e a actividade económica, claves nun contexto de recuperación tras a crise provocada pola COVID-19.
Esta liña de axudas financiarase con cargo ao Fondo Nacional de Eficiencia Enerxética e será coordinada polo Instituto para a Diversificación e Aforro da Enerxía (IDAE).
Tras a publicación deste Real Decreto no Boletín Oficial do Estado, cada comunidade autónoma deberá aprobar e publicar a súa convocatoria de axudas e designar ao órgano competente para instruír e resolver o seu proceso de concesión. O programa estará en vigor desde o día seguinte á súa publicación até o 31 de decembro de 2021.
As subvencións concederanse de maneira directa por orde de entrada ás convocatorias que establezan as comunidades autónomas.
Actuacións que se subvencionarán
Entre as actuacións subvencionables destacan aquelas centradas na mellora da eficiencia enerxética das instalacións de rega como:
· A substitución de grupos de bombeo por outros máis eficientes enerxéticamente
· A implantación de variadores de frecuencia e arrancadores estáticos ou a substitución por equipos máis eficientes enerxéticamente en bombeos
· A implantación ou modernización de sistemas de regulación, control e monitorización da rede de rega que contribúan de forma directa ao aforro de enerxía
· A instalación ou substitución de baterías de condensadores para mellorar a eficiencia enerxética das instalacións eléctricas das estacións de bombeo.
Non serán elixibles aquelas actuacións que contribúan ao incremento no consumo de auga ou da superficie regable.
Tamén serán elixibles aquelas actuacións que contribúan á mellora da eficiencia enerxética e á utilización de enerxías renovables térmicas en explotacións agrarias como:
· Actuacións sobre a envolvente térmica que reduzan a demanda de calefacción e refrixeración dos edificios agropecuarios, incluíndo solucións bioclimáticas
· Actuacións nas instalacións térmicas de calefacción, refrixeración, ventilación e auga quente sanitaria como as destinadas aos procesos de pasteurización e conservación de produtos perecedoiros, á climatización de naves de gando e invernadoiros, refrixeración en procesos de fermentación do viño, etc.
· Mellora da eficiencia enerxética dos subsistemas de xeración, distribución, regulación e control e elementos terminais das instalacións térmicas, incluíndo o aproveitamento de calores residuais e novas redes de calor
· Substitución de enerxía convencional en instalacións térmicas por enerxías renovables térmicas (enerxía solar térmica, biomasa, enerxía xeotérmica, enerxía ambiente (aerotermia ou hidrotermia), bombas de calor ou unha combinación delas). Non se considerará elixible a substitución dun xerador térmico por outro que utilice combustible de orixe fósil
· Reforma ou substitución de instalacións de iluminación interior e iluminación exterior
· Renovación de motores para accionamientos mecánicos e outros servizos propios destas actividades
Requisitos para acceder ás axudas
Para que un proxecto sexa subvencionable deberá:
· Conseguir e xustificar unha redución do consumo de enerxía final dun 10% con respecto á súa situación de partida
· Xustificar o aforro de enerxía final mediante un dos métodos de cálculo do anexo V da Directiva 2012/27/UE, de 25 de outubro de 2012, e segundo a Recomendación (UE) 2019/1658 da Comisión de 25 de setembro de 2019
Destinatarios das axudas
Os destinatarios desta liña de subvencións serán aquelas persoas físicas ou xurídicas, privadas ou públicas, que sexan titulares dunha explotación agropecuaria; as Comunidades de Regadores e outras organizacións dirixidas á xestión de auga para a rega agropecuaria ou a xestión común doutros combustibles e fontes de enerxía para fins agropecuarios; os titulares de explotacións agropecuarias de regadío que utilicen redes de rega que necesiten consumo de enerxía eléctrica; calquera organización de produtores agropecuarios recoñecida, as comunidades de enerxías renovables e as comunidades cidadás de enerxía, segundo queda recollido na Directiva 2018/2001 sobre fomento do uso de enerxía procedente de fontes renovables; así como as empresas de servizos enerxéticos.
A repartición orzamentaria por comunidades autónomas correspóndese coa distribución de explotacións agrarias e regadíos nos distintos territorios. Para a distribución territorial do crédito utilizáronse os seguintes informes do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación, cos que se determinou a distribución orzamentaria: Rexistro Xeral da Produción Agrícola (REGEPA) de 2020 para explotacións agrícolas, do Sistema Integral de Trazabilidade Animal (SITRAN) de 2020 para as gandeiras, así como os datos de superficie de regadío da Enquisa sobre Superficies e Rendementos de Cultivos (ESYRCE) de 2019. En todo caso, constitúe un reparto inicial que poderá ser ampliado naqueles casos en que se esgote o orzamento inicial nalgunha Comunidade, sempre que exista dispoñibilidade orzamentaria. A repartición inicial indícase a continuación:n
CCAA | REPARTO PRESUPUESTO (€) | % reparto | |
Andalucía | 8.511.895,3 | 28,37% | |
Aragón | 2.199.763,1 | 7,33% | |
Asturias | 91.422,1 | 0,30% | |
Baleares | 325.746,1 | 1,09% | |
Canarias | 699.806,5 | 2,33% | |
Cantabria | 48.935,7 | 0,16% | |
Castilla La Mancha | 4.167.573,0 | 13,89% | |
Castilla y León | 3.198.764,1 | 10,66% | |
Cataluña | 2.055.743,3 | 6,85% | |
Extremadura | 2.157.321,7 | 7,19% | |
Galicia | 1.769.887,2 | 5,90% | |
La Rioja | 445.247,5 | 1,48% | |
Madrid | 210.630,2 | 0,70% | |
Murcia | 870.692,5 | 2,90% | |
Navarra | 569.761,3 | 1,90% | |
País Vasco | 148.970,8 | 0,50% | |
Valencia | 2.527.839,6 | 8,43% | |
TOTAL | 30.000.000 | 100 % |