Despois de moitos anos de reclamacións e de atrasos a modernización do regadío na comarca ourensá da Limia, a principal zona de produción agrícola de Galicia, especialmente en pataca e cereal, parece por fin empeza a ser unha realidade.
O ministro de Agricultura, Pesca e Alimentación, Luís Planas, presidiu esta mañá en Ourense o acto de sinatura dunha adenda ao convenio de colaboración subscrito entre a Sociedade Estatal de Infraestruturas Agrarias (SEIASA), adscrita ao ministerio, e a comunidade xeral de regantes Nova Limia, pola que se eleva a 35 millóns de euros o proxecto para a modernización integral desta rede.
O ministro destacou o alcance social deste investimento, porque vai permitir consolidar o cultivo da pataca na comarca da Limia, ademais de impulsar outros. O proxecto actúa sobre unha superficie regable de 2.576 hectáreas e beneficia a 1.822 agricultores.
Este proxecto de modernización permitirá substituír o uso da auga superficial do río Limia e os seus afluentes por augas subterráneas obtidas de 42 pozos cuxas captacións foron autorizadas pola Confederación Hidrográfica do Miño-Sil e que se integrarán en 4 redes de rega. As obras inclúen a construción de tres balsas elevadas cunha capacidade de almacenamento de 75.000 metros cúbicos de auga. A infraestrutura equiparase de sistemas telemáticos e autocontrol, e para dotar de enerxía á rede de rega construiranse sete plantas fotovoltaicas.
Tras o acto de firma, o ministro trasladouse a Xinzo de Limia para visitar a zona regable e coñecer detalles in situ sobre as actuacións que se van executar.
Obras previas realizadas pola Xunta con fondos propios e advirte da necesidade de “evitar sobrecustos innecesarios para os regantes”
Pola súa banda, o conselleiro do Medio Rural, José González, que asistiu ao acto, puxo en valor esta actuación como mostra da colaboración administrativa. Así, lembrou que esta modernización do regadío da Limia veu precedida da construción de pozos e do seu sistema de bombeo, un fito no que a Xunta asumiu a totalidade do investimento. Neste sentido, resaltou que tanto o corenta pozos executados como o sistema de bombeo foron financiados ao 100% con fondos propios da Xunta de Galicia cun custo total de preto de 7 millóns de euros.
O titular de Medio Rural engadiu que a modernización do regadío da Limia “foi froito dunha negociación conxunta entre a Xunta de Galicia e o Ministerio” e que, neste proceso, “a comunidade autónoma foi a que reclamou a necesidade de afrontar esta actuación nunha comarca chave do campo galego, como é A Limia”.
Niste mesmo sentido, o conselleiro trasladou a súa preocupación polo feito de que se poida “gastar diñeiro de forma inútil por parte das administracións públicas ou polos regadores”. Isto, explicou, porque o esquema deseñado para o financiamento desta iniciativa ten “ineficiencias que están a repercutir nun sobrecusto para os propios produtores”.
Engadiu que “a nosa posición non quere dicir que non valoremos o esforzo económico que fai o goberno central, pero temos o deber de defender e estar ao lado dos regadores para que poidan ter o regadío a un custe asumible e conforme ao pactado”.
José González lembrou que os regantes tiñan unha perspectiva de afrontar o 20% dun orzamento inicial de 15,9 millóns de euros mais IVE, que foi o importe polo que se asinou o primeiro convenio. Porén, coa adenda que se asina hoxe, o custo da modernización vaise a un total de 35 millóns de euros máis o correspondente IVE. A esta cantidade téñense que engadir unha serie de custos adicionais que terán que afrontar os regadores, entre os que destacan os custos financeiros do aval que se require para a execución do proxecto, que supoñen preto de 2 millóns de euros máis.
Neste escenario, o conselleiro trasladou hoxe que, tanto a Xunta como a Deputación de Ourense, cumprirán os compromisos asumidos cos regadores para que o custo por hectárea fose asumible pola súa banda e conforme ao pactado. Ao mesmo tempo, demandou un “compromiso adicional” por parte do Goberno central para evitar “sobrecustos innecesarios que, en ningún caso, repercuten na mellora da obra”.
Para aliviar o desembolso que terán que realizar os regantes, o conselleiro avogou de novo por buscar fórmulas alternativas no modelo de financiamento. En concreto, sinalou a necesidade de que o Goberno central valore a posibilidade de introducir un cambio normativo para que non se repercuta o IVE que non se pode deducir polos regadores, algo que beneficiaría o desenvolvemento destes proxectos no conxunto do Estado. De non ser isto posible, instou o Ministerio a asumir neste caso concreto o 80% do imposto da actuación -é dicir, 5,6 millóns- que senón terían que pagar os regantes.
Ademais, González tamén suxeriu que non fose necesario avalar as obras, “co consiguinte aforro para os regantes de case 2 millóns de euros”, sempre co obxectivo de evitar cargas económicas que non repercuten nunha mellora da actuación e facilitar a viabilidade dun proxecto que é, lembrou, “fundamental para o futuro da comarca da Limia”.