A Xunta reclámalle ao Goberno Central que cumpra o seu compromiso para modernizar o regadío na Limia

Publicidade
A Xunta reclámalle ao Goberno Central que cumpra o seu compromiso para modernizar o regadío na Limia

Sistema de regadío por goteo do millo na Limia

O conselleiro do Medio Rural, José González, acompañado da directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Inés Santé, e do delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, participou este martes pola tarde na xunta xeral da comunidade de regantes da Limia, onde reafirmou o compromiso da Xunta co proxecto de modernización dos regadíos da zona, facéndose cargo da construción de pozos para a captación de augas subterráneas e tramitando na actualidade a instalación de equipos de bombeo e de electrificación.

Así, na reunión púxose de relevo que estes traballos beneficiarán as comunidades de regantes de San Salvador de Sabucedo, Lamas-Ganade, Corno do Monte e Alta Limia -hoxe fusionadas-, que comprenden un ámbito territorial de 4.105 hectáreas distribuídas en 6.964 parcelas de 3.342 propietarios.

Nese sentido, púxose en valor o esforzo presupostario para financiar ao 100%, e con fondos integramente autonómicos, o proxecto de construción de 40 pozos na Limia para a captación de augas subterráneas, incluíndo o IVE da actuación. Ademais, na actualidade estase a tramitar tamén o financiamento da instalación de equipos de bombeo e de electrificación para continuar coa modernización. A isto aínda hai que sumar o proxecto de limpeza das canles desta zona sufragado polo Goberno central, grazas ás xestións levadas a cabo pola Xunta.

Deste xeito, o titular de Medio Rural reclámalle ás administracións o cumprimento dos compromisos xa adquiridos co proxecto. De feito, no caso do executivo de Madrid, comprometérase a asumir o 80% do custo total -IVE incluído- do investimento necesario para afrontar o proxecto de modernización do regadío da Limia. Cómpre lembrar que os regantes non poden deducir o IVE das obras de modernización. Nesa dirección, desde a Xunta destácase que dito IVE non deducible é un custo elixible a efectos de poder financialo cos fondos europeos do Mecanismo de Recuperación e Resiliencia asignados polo Ministerio de Agricultura, Pesca y Alimentación para ditas obras.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información