O Consello de Agricultura da UE, que se reúne hoxe, ten previsto abordar posibles medidas de simplificación da Política Agraria Común (PAC). A partir das propostas dos Estados membros, o Consello elaborou unha tabla de posibles modificacións no ámbito dos pagos directos ós agricultores, das medidas de control de mercados e dos programas de desenvolvemento rural. Entre as medidas relacionadas cos pagos directos, o Consello abordará a posible reforma das esixencias de ‘greening’ (pago verde), que se aplica esta campaña por primeira vez.
Entre os cambios que se estudan para o pago verde, o Consello abordará a posibilidade de permitir as mesturas de cultivos fixadores de nitróxeno con herba ou cereal como computables para Superficies de Interese Ecolóxico. A nova PAC exise que as explotacións sometidas ós requisitos do ‘greening’ deixen alomenos o 5% das súas terras como superficie de interese ecolóxico, que deberá estar ou ben sen cultivar ou con cultivos fixadores de nitróxeno. A autorización de mesturas de herba con estos cultivos permitiría, no caso galego, maior marxe de manobra para as explotacións lácteas.
Outras cuestións a análise sobre o ‘greening’ refírense a definición de pastos permanentes e ás esixencias de diversificación de cultivos.
O Consello ten previsto abordar tamén a revisión da lexislación comunitaria en materia de agricultura ecolóxica.
Benestar porcino
Os ministros de Agricultura de Alemania, Dinamarca, Suecia e Holanda entregáronlle ó Consello de Agricultura un documento no que demandan unha mellora da directiva europea que regula o benestar nas granxas de porcino. Os catro países consideran que se deben abordar medidas de cara a reducir a corta da cola nos porcos e piden tamén a adopción de medidas de anestesia nos procesos de castración dos porcos.
A corta da cola nos porcos adoita realizarse para reducir problemas de mordeduras no rabo duns animais a outros. Desde Dinamarca e os outros países asinantes da proposta, consideran que se poden adoptar outras medidas para evitar os problemas de mordeduras, tales como aumentar a disposición de materiales manipulables polos porcos, aumentar o espazo dispoñible ou mellorar a superficie do chan.