A nova avaliación xenética de Conafe inclúe por primeira vez as emisións de metano

É a primeira avaliación xenética a nivel mundial que usa estas medidas directas. Comezan a aplicar a nova escala do ICO

A nova avaliación xenética de Conafe inclúe por primeira vez as emisións de metano

Conafe acaba de realizar en xuño deste ano novas probas para o vacún de leite. Con estas avaliacións comeza a aplicar a nova escala do ICO e é ademais a primeira avaliación xenética a nivel mundial que usa medidas directas de emisións de metano, unha información relevante relacionada coa eficiencia produtiva dos animais.

Ademais, nestas novas probas inclúense por primeira vez valoracións xenómicas do efecto materno para facilidade de parto. Hai tamén outras modificacións:

• Cambio da base xenética: Trasládase ás vacas nadas en 2013.

• Cambio das Desviacións Típicas (DT) que se usan para estandarizar as probas dos caracteres de tipo.

• Cambio da transformación de caracteres de tipo de óptimo intermedio (OI) no cálculo os índices combinados de Tipo.

• Cambio das fiabilidades das probas xenómicas despois dun novo estudo de validación. Destaca o incremento na fiabilidade do valor combinado de varios caracteres.

Nova base xenética

Nesta avaliación xenética realizada por Conafe en xuño de 2023 actualizouse a base da valoración xenética, que agora son as vacas nadas en 2013. Isto supón un cambio en todos os animais de -73,1 en quilos de leite; -2,21 quilos de graxa; -2,39 quilos de proteína: entre 0,06 (Condición Corporal) e -0,11 (Profundidade de Ubre) nos caracteres de tipo; -0,03 en IPP; – 0,13 en ICU; e -0,18 en IGT. En Reconto varían en -0,02; en Velocidade de Muxido -0,07; e en Saúde Podal (ISP) -0,08. Estes valores equivalen ao progreso xenético da poboación de femias nadas en 2013 respecto a 2012.

Para realizar a avaliación xenética tradicional de xuño de 2023 utilizaron os datos do Control Leiteiro Oficial e os datos das cualificacións dispoñibles a mediados de maio.

Animais xenotipados e probados

En canto ás avaliacións xenómicas, o número de animais xenotipados e avaliados foi de 205.862, incluíndo a poboación española formada por 4.067 machos con código ESP e 154.304 femias. Así, a poboación de referencia aumenta ata 42.194 touros xenotipados con proba de descendencia polo menos en produción.

A lista dos 100 mellores touros xenotipados está encabezada por  Glax Delta ET, un exemplar nado no 2021 e cunha puntuación ICO de 1.356 e procedente do centro Aberekin (País Vasco). Nos seguintes postos da táboa atópanse Rico Ripley, un animal procedente de Xenética Fontao e cunha puntuación ICO de 1351. Séguelle Xa Sundowner ET (1350), PH Campeon ET (1349) e en quinto lugar CMP Gabrielle de Chanel ET (1347 ). Todos eles son exemplares nacidos en 2022.

En canto aos touros testados, a listaxe dos 100 mellores exemplares testados está liderada por Nemo G Santi ET, un animal do 2017 cun valor ICO de 1265 e procedente do Centro de Inseminación Aberekin (País Vasco). En segundo lugar sitúase K&L Oh Rossi Guay, un exemplar do 2018, cunha puntuación 1262 e de Xenética Fontao. Séguelle Lieu Thomain Baltazar ET (1258), Saúde ET (1257)e en quinto lugar sitúase Salvus ET (1255). Son animais nacidos en 2017.

No referido ao valor media, os 100 mellores touros probados españois sitúanse nos 1.217 e o dos 100 mellores touros xenómicos españois alcanza os 1.304. Como sinalan desde Conafe, os resultados das avaliacións xenéticas non son comparables a avaliacións previas, moito menos nesta ocasión co cambio de escala. No gráfico móstrase a tendencia xenética con este novo ICO para os touros ESP rexistrados e con proba oficial.

Tendencia genetica ICO 1000

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información