A madeira galega de frondosas caducifolias, como o carballo, o rebolo ou o bidueiro, presenta un escaso uso industrial. Dos máis de 10 millóns de metros cúbicos que se cortan cada ano en Galicia con destino a serradoiros e industrias, só arredor dun 3 % corresponde ás frondosas caducifolias. Na procura de novos horizontes para as frondosas galegas, máis alá do seu uso tradicional como leña, a Axencia Galega da Industria Forestal está a traballar nun plan para a valorización da súa madeira.
De cara a explorar novas posibilidades, a Axencia convocará proximamente un Concurso de Deseño e Creatividade Industrial, no que busca recibir propostas de industrialización que teñan empresas e profesionais do sector. As iniciativas premiadas levaranse a unha fase preindustrial con empresas galegas. Outra das iniciativas que servirá para buscar novas oportunidades será a celebración en Galicia dun congreso internacional sobre a materia a comezos do 2024.
En Galicia hai actualmente 620.000 hectáresa dedicadas ás frondosas, principalmente entre Lugo e Ourense. Cabe destacar que o 56 % de toda a superficie está en parcelas de menos de media hectárea. Así mesmo, de toda esta superficie, a maior parte dedícase a aproveitamentos de leña, un 40 %; mentres que o 25 % das parcelas están abandonadas. Nun estudo realizado no marco do Inventario Forestal de Galicia , concluíuse tamén que a produción de madeira de serra era un obxectivo de xestión posible para case un 15 % das pequenas parcelas.
O Plan Galego de Valorización
Nunha recente xornada sobre o horizonte das frondosas caducifolias en Galicia, o técnico do CIS Madeira Francisco Pedras presentou os traballos que se xa están executando no marco do Plan Galego de Valorización Sustentable da Madeira de Frondosas Caducifolias. “É un plan ambicioso que se centra na situación que temos agora e que busca valorizar as frondosas galegas dende o punto de vista económico, social e ambiental, que é a triloxía que ten que estar sempre presente”, indica o técnico.
O plan ten por obxectivo final a obtención nun futuro de madeira de frondosas de calidade a través da realización de actividades silvícolas, “que actualmente son inexistentes en Galicia”.
“O rebolo parécenos unha especie moi interesante pola diferenciación que pode acadar no mercado” (Francisco Pedras)
Unha das primeiras accións do proxecto desenvólvese a través de parcelas de experimentación, en masas de frondosas adultas, na parroquia de Labio (concello de Lugo) e no concello da Veiga (Ourense), con diferentes especies, entre elas o rebolo, “que nos parece moi interesante, pola diferenciación que ten no mercado”, sinalou Pedras na xornada sobre frondosas, organizada en Oleiros (A Coruña) pola Fundación Paideia.
En cada parcela de experimentación, estase levando a cabo a marcaxe das árbores de porvir e de abater, todo cunha planificación dos traballos de corta.
Marcaxe de árbores de porvir
Pedras defende que a potencialidade da madeira non vén dada polas propiedades mecánicas nin unicamente pola calidade da silvicultura que se lle aplicou, senón que vén definida pola utilidade que teña a madeira para diferentes procesos. “Por exemplo, pode haber un proceso ó que lle dea igual a densidade ou a sonoridade, pero interésalle a composición química de determinado compoñente. Niso é no que hai que focalizarse”, apunta.
Ademais, engade que a madeira das frondosas ten unha gran vantaxe, que “é a súa durabilidade, un dato positivo que hai que saber potenciar”. Ante isto, Pedras afirma que “non hai madeiras boas nin malas, hai que adecuar as posibilidades que ofrecen e poñelas en valor”.
A principios do vindeiro ano contarán con expertos do sector internacionais para coñecer diferentes escenarios e coller ideas de aproveitamentos e xestión
No marco do Plan galego de valorización da madeira de frondosas, farase un estudo do mercado actual e de previsión de futuro para a madeira de frondosas en Europa. Vinculado a isto, proximamente programarase un congreso no que contarán con profesionais do sector doutras partes do mundo, como Francia, “onde teñen proxectos similares ao noso, con frondosas de baixa calidade, e no que buscan darlle valor. Con este congreso buscamos ter unha perspectiva máis ampla e coñecer outros escenarios dos que recoller ideas”, detalla Pedras.
Ensaios con proxectos externos
Outra das iniciativas na mesma liña é a apertura dun Concurso de Deseño e Creatividade Industrial, no que calquera entidade ou particular “pode presentar a súa idea para poñer en valor a madeira das frondosas. As únicas características que teñen que ter estas iniciativas é empregar materias primas dispoñibles, ser viables, con capacidade de industrialización e con interese comercial. Un xurado será o encargado de escoller as propostas premiadas, que logo se levarán a unha fase preindustrial con empresas galegas.
Todas as conclusións que se definan sobre as oportunidades de futuro das frondosas galegas plasmaranse nun documento que será público para toda a cadea monte – industria.