O 25 de marzo finaliza o prazo para asegurar a próxima campaña de uva de viño fronte ás xeadas

O viñedo sufriu danos xeneralizados por xeada e pedrazo durante a pasada campaña que elevaron as indemnizacións ata os 83,5 millóns, un 87% máis que no 2021 e a cifra máis alta da historia. Nesta campaña o aseguramento da uva de viño medra un 6% respecto á anterior colleita

Publicidade
O 25 de marzo finaliza o prazo para asegurar a próxima campaña de uva de viño fronte ás xeadas

Viñas afectadas polas xeadas. // Foto de arquivo.

O vindeiro venres, 25 de marzo, termina o prazo para asegurar a campaña de uva de viño a través das modalidades que inclúen cobertura fronte ás xeadas, así como protección fronte ós danos por pedrazo, choiva ou inundación, entre outros. Esta data resulta de vital importancia para o sector vitivinícola español, se temos en conta que estes riscos deixáronse sentir de maneira constante durante o pasado ano e afectaron a numerosas zonas produtoras ao mesmo tempo.

As inclemencias meteorolóxicas rexistradas a campaña pasada, que abarcaron desde drásticas baixadas da temperatura, así como pedrazo, nevadas, xeadas e tormentas, elevaron as cifras de danos e indemnizacións ata os 83,5 millóns de euros, un rexistro histórico, situado un 87% por encima do total abonado no exercicio 2020 ós viticultores asegurados, segundo os datos manexados pola Agrupación Española de Entidades Aseguradoras dos Seguros Agrarios Combinados, S.A. (Agroseguro).

Por comunidades autónomas, as indemnizacións abonadas aos viticultores asegurados de Castela-A Mancha sumaron 38,3 millóns de euros. A continuación, atópanse os produtores de Castela e León (9,7 millóns), A Rioxa (8,9 millóns), Aragón (6,2 millóns), Extremadura (5,9 millóns), País Vasco (4,3 millóns), Comunidade Valenciana (3 millóns), Cataluña (2,5 millóns) e Navarra (2,4 millóns). O resto, ata completar o total abonado, corresponde a agricultores asegurados en Andalucía, Baleares, Canarias, Galicia, Madrid e Murcia.

Crece o aseguramento

“O aumento da sinistralidade e a demostrada utilidade do seguro agrario impulsaron o aseguramento do viñedo”, valoran desde Agroseguro. En concreto, a actual campaña xa conta con 25.291 produtores asegurados (+4,2% respecto a a anterior).

A produción asegurada nestes momentos sitúase en 2,74 millóns de toneladas de uva de viño (+6,2%), con máis de 333.000 hectáreas aseguradas (+6%) e un valor de produción protexido polo seguro agrario que supera os 955 millóns de euros (+6,3%).

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información