“As normas hai que adaptalas ás circunstancias de cada zona e a PAC tamén”

Tres produtores de horta, leite e carne contan os problemas que se atopan no seu día a día os agricultores e gandeiros para traballar. Din que a burocracia e o cansanzo levan ao abandono e a que non haxa relevo nas explotacións

Falamos con Javier Miranda, produtor de horta de Riotorto, con Manuel Legaspi, gandeiro de leite da Pastoriza, e con Andrés Fernández, que ten unha explotación de vacún de carne na Fonsagrada, para poñer cara ás reivindicacións do campo e coñecer como lles afectan no seu día a día as normas que Bruxelas dita e o Goberno español e a Xunta aplican.

Os tres están a participar na creación dunha Plataforma a nivel galego que conta xa con máis de 250 integrantes, xurdida dos distintos grupos de whatsapp de agricultores e gandeiros que proliferaron nas últimas semanas, unha iniciativa a través da que buscan canalizar as súas demandas para as distintas Administracións.

Quéixanse da sobrecarga normativa, do papeleo e a burocracia, pero tamén do descoñecemento que tanto a cidadanía como as propias Administracións que lexislan teñen sobre a produción de alimentos e a realidade dos distintos sectores.

Á sociedade hai que explicarlle que todos contaminamos e que o foco máis grande de contaminación está nas propias cidades

“Á sociedade hai que explicarlle que todos contaminamos e que o foco máis grande de contaminación son sempre as concentracións, sexan de granxas ou de xente nas cidades, por moitas depuradoras que haxa”, din.

Por iso critican a dobre vara de medir en relación á contaminación industrial ou dos núcleos urbanos e que se poña o foco nas emisións gandeiras. Tamén as restricións ao uso dos xurros nas terras. “Polos puríns queren cobrarnos porque din que é un residuo, pero aquí toda a vida foi un abono. Vai pasar como coas bolsas de plástico, que cando eran de balde contaminaban e agora que se pagan parece que xa non contaminan”, comparan.  

O problema das normativas é que pasamos de golpe de facer o que nos daba a gana a unha lexislación moi restritiva; hai que chegar a un punto medio

“O problema das normativas é que pasamos de golpe de facer o que nos daba a gana a unha lexislación moi restritiva; o que temos é que chegar a un punto medio”, propoñen. “A PAC e moitas destas leis veñen desde Europa e en Bruxelas non coñecen a diversidade que ten España e o mesmo pasa en Madrid no Ministerio. As normas hai que adaptalas ás circunstancias de cada zona e a PAC tamén”, defende Andrés.  

“A UE leva 40 anos dando bandazos. Cando eu era pequeno obrigaban á xente a concentrar o gando en explotacións máis grandes, porque dicían que as pequenas non eran viables, e agora póñenlle límites a esas explotacións e queren volver ás granxas familiares, pero o modelo non se cambia dun día para outro”, di Javier.

O obxectivo debería ser facer atractivo o sector para que a xente nova quede nisto e iso non se logra estando en contra das explotacións

“Unha granxa de 20 vacas vai necesitar ter unha persoa para a oficina e con ese tamaño non o pode permitir”, engade Manuel. “O obxectivo debería ser facer atractivo o sector para que a xente nova quede nisto e iso non se logra estando en contra das explotacións”, afirma.  

Javier Miranda, produtor de horta de Riotorto

“Véñenme facer as inspeccións de fitosanitarios e trátanme como se fora un delincuente”

Javier Miranda patacas2Aos seus 38 anos Javier Miranda é un dos principais produtores de horta de Galicia. Traballa nestes momentos 116 hectáreas cunha ampla gama de produtos. Comezou traballando as leiras da familia en Riotorto e hoxe ten arrendadas fincas en varios concellos da zona, onde produce patacas, cebolas, repolos, fabas, pementos, cabaciños e un longo etcétera, que vende a grandes superficies e cadeas de distribución.

Por iso a primeira das súas queixas é unha pregunta: “quen controla a Lei da Cadea Alimentaria?”. “O propósito de fondo é que o consumidor teña a información do que come. Estou de acordo pero temos que poñer a información toda, se o produto vén de Perú ou de Marrocos ten que ter a mesma trazabilidade e levar toda esa información tamén”, pide.

Non sei se son un dos maiores produtores de horta de Galicia, pero si un dos que máis cartos debe aos bancos

Javier reclama maior control aos produtos importados, ao que ninguén lle mete man, di, “porque a metade das empresas españolas están producindo en Marrocos, aínda que logo teñen a base en Murcia e traen a mercadoría para etiquetar aquí”, conta.

Aínda que “non son produtos comparables aos que producimos aquí, arrástrante en prezos porque é a lei da oferta e a demanda a que manda”, argumenta.

“O problema é que aos consumidores non os temos informados de cales son os produtos de tempada e queren comer o mesmo todo o ano. A xente está de ir ao supermercado e mercar os cabaciños de Marrocos a 1,40€ o quilo e cando chegan os cabaciños de aquí solápanse as producións e tes que vendelos tamén a 1,40€ aínda que o seu prezo debería ser 1,60€”, di.

Sen armas contra as pragas e enfermidades

 “Aquí custa máis producir, porque a renda das terras é máis alta, os salarios tamén, e as producións son menores, porque eu non podo abonar o que me dea a gana e tratar cos fitosanitarios que me dea a gana. Por exemplo, aquí podes lograr 30 toneladas de patacas por hectárea e alí 80 toneladas”, compara.

O consumidor non sabe como se producen as cousas e quere comer de todo en calquera época do ano

“Na UE de golpe a porrazo cortaron os fitosanitarios que funcionaban e quedamos á xiada. Prohibiron materias activas como o mancozeb ou o dimetomorf para as patacas, que se usaban para combater os fungos e agora en lugares como Galicia non temos produtos efectivos. O ano pasado nós perdemos 3 hectáreas de produción de pataca porque entrou o mildeu en xuño con chuvia e temperaturas altas e non tiñamos con que tratar”, conta.

“Queren sacar fitosanitarios, pois que nos dean alternativas ou nos digan fixemos probas con estas variedades que son resistentes. Nos non temos inconvinte en deixar os fitosanitarios, entre outras cousas porque nos custan cartos, que son produtos caros e cando eliminan un os que quedan duplican o prezo”, di.

Ademais, quéixase: “véñenme facer as inspeccións de fitosanitarios e trátanme como un delincuente cando non o son”. “Os meus fillos comen do que produzo na explotación e tolo non estou para envelenalos”, argumenta contundente.  

Dixitalización

Hortícolas Javier Miranda leva tempo traballando con aplicacións do tipo do caderno dixital, que lles permiten ter datos individualizados de produción e tratamentos en cada parcela, pero augura maiores dificultades noutras explotacións.

“A  media de idade é moi alta e dixitalizar con 60 anos é moi difícil. A min mándanme poñer unha aplicación no móbil e adáptome, pero hai moita outra xente que non. Hai xente maior que está tirando ata a xubilación e que é máis reacia aos cambios”, valora.

Temos que convivir os distintos modelos e non se pode esixir o mesmo a todo o mundo, as normas hai que adaptalas e modulalas

“As pequenas explotacións son necesarias”, di. “Para min ten o mesmo mérito un produtor pequeno que vende no mercado en Ribadeo que nós que facemos 40 toneladas de pemento para unha gran superficie. Eu quero concienciar que todos somos necesarios porque todos facemos unha función. En Pedrafita non vai haber unha explotación de horta con 200 hectáreas pero si unha de 30 ou 40 vacas que coide a paisaxe”, compara.

“Hai viabilidade para todos os modelos; non todos temos por que ser ecolóxicos e facer venda directa, porque non todos os petos poden pagar o ecolóxico igual que non toda a xente quere comer o industrial. A Administración quere que tamén vendamos, pero é imposible saber de todo e facelo todo ben. Non todas as granxas de Galicia van ser agora Xanceda. Nós os  produtores temos que estar preocupados de producir e de facelo con garantías e de maneira eficiente”, defende.

Apostar polo cultivo de horta en Galicia

Javier considera necesario diversificar as producións agrogandeiras en Galicia e aposta por adaptar a produción de horta e os cultivos que se plantan ás condicións climatolóxicas, que están a cambiar . “Por exemplo, a cabaza cacahuete aquí non tiña unha produción elevada pero dáse ben, e hai variedades de pemento que aguantan mellor a seca porque enraízan mellor”, indica.

Para que Galicia se convertera nunha potencia en produción de horta, igual que xa o é en vacún de leite ou de carne, di, sería interesante “facer pozos e empezar a regar en Galicia, pero alguén nos ten que dicir como hai que facer iso”, reclama.

“Debería ser posible regar unha finca ao lado do río Miño con tubaxe de goteo, que gasta moi pouca auga, pero moitas veces deixas de facer cousas por non entrar na pelexa coa Administración, por exemplo cos permisos e as concesións”, indica.

Formación e asesoramento público

Javier reclama que a labor de asesoramento non debe quedar só nas mans das casas comerciais ou na contratación de técnicos privados por parte das explotacións, senón que debe corresponder á propia Administración.

Nas oficinas agrarias tiñan que estar os mellores enxeñeiros agrónomos do país e non uns funcionarios envoltos en catro papeis que só queren fiscalizarte

“Eu vou á Oficina Agraria Comarcal e vexo funcionarios envoltos con catro papeis que están unicamente para fiscalizar o que facemos e que che transmiten deixación en vez de animarte, cando nas oficinas agrarias tiñan que estar os mellores enxeñeiros agrónomos do país”, pide.

Porque “non se fai un agricultor ou un gandeiro dun día para outro”, afirma, “é necesario apoio e formación” e tamén “facer atractivo o sector para que a xente se quede nisto”, di. Pero no canto diso, asegura, “están cargando a Administración de inspeccións, cando as Administración está para informar, non para sancionar, pero aquí aos produtores ninguén nos informa”, denuncia.

Manuel Legaspi, gandeiro de leite da Pastoriza

“Paréceme perfecto que controlen os antibióticos, pero non é lóxico que non nos deixen poñer un bote de calcio a unha vaca que o necesita”

SAT Os Foros (A Pastoriza) Manuel LegaspiManuel Legaspi é un dos socios da SAT Os Foros, na parroquia de Álvare, na Pastoriza. Están muxindo neste momento 260 vacas e traballan 120 hectáreas de terreo para cultivos forraxeiros.

Para el o peor é “a burocracia e o papeleo que hai que levar”. “O de ser os nosos propios inspectores andando polas leiras sacando fotos xeorreferenciadas foi unha idea bárbara, como non temos outra cousa que facer”, exemplifica.

A partir deste mes de maio as ganderías que teñan máis de 5 vacas deberán designar un veterinario de explotación que faga o control e seguimento da granxa, elabore informes trimestrais de consumo de antibióticos e notifique á Administración calquera incidencia en materia de bioseguridade ou benestar animal.

O veterinario de explotación non sei até que punto é viable para moitas ganderías

SAT Os Foros conta cunha persoa veterinaria na propia explotación, polo que cumprir con esta nova normativa non vai supor maior problema que unha maior adicación de tempo a cumplimentar a documentación requerida, pero Manuel recoñece que “o veterinario de explotación non sei até que punto é viable en moitas ganderías, máis aínda coa falta de veterinarios que hai no sector”, asegura.

Considera que se está levando ás granxas cara un control excesivo e sen sentido. “Paréceme perfecto que queiran controlar os antibióticos, iso parécenos lóxico a todos, pero agora os gandeiros non podemos nin poñer un bote de calcio ou de suero a unha vaca que o necesita e esas cousas si que son absurdas”, opina.

Ter en conta as singularidades

Para a aprobación e aplicación de calquera tipo de normativa, Manuel considera que se deberían ter en conta as diferenzas existentes entre granxas e as peculiaridades dos distintos territorios. “Debería adaptarse a normativa, a cornixa cantábrica non é igual que Castela; hai moitas singularidades que hai que ter en conta”, di.

No caso do Real Decreto de Nutrición Sostible de Solos Agrarios, SAT Os Foros entra dentro das excepcións que permite a norma. “Temos a maioría das fincas con pendente, case todas superan o 10% e se xa lle costa ao tractor levar a cisterna sola co peso dela, xa non digamos se lle metes máis peso detrás cos inxectores”, argumenta.

Se queren que produzamos sen fitosanitarios o consumidor terá que pagar máis polos produtos

“Non é entendible que a nós nos poñan estes requisitos en fitosanitarios ou puríns e se traian produtos de terceiros países sen a máis mínima esixencia. Se queren que produzamos sen abonos e fitosanitarios haberá que pagar o que custa ese produto, pero a xente vai ao supermercado e compra o produto de lonxe porque vale 5 céntimos máis barato”, opina.  

En materia de fitosanitarios, Manuel asegura que as explotacións leiteiras hoxe en día fan un uso responsable e “de momento estamos cubertos co que temos para cultivos como o millo”. “Nós dispoñemos dunha sulfatadora con GPS e con corte de tramos e botamos o menos posible, aplicamos só o necesario. Iso cambiou moitísimo nos últimos anos. Antes a xente pensaba que era mellor botar máis dose, pero iso foi evolucionando para ben”, di.

Medio ambiente vs produción de alimentos

Para cumprir co ecorrexime de rotación de cultivos con especies mellorantes da PAC este ano sementaron 15 hectáreas de soia mesturada con avea e Manuel critica a obriga, ainda que en suspenso este ano logo das protestas de agricultores e gandeiros en distintos países europeos, de ter que deixar sen labrar o 4% da superficie de cultivo da explotación.

Como non haxa ganderías si que vai haber silveiras e biodiversidade canta queiran

“É moi curioso que antes tiñas que ter as fincas limpas e agora te obriguen a deixalas a bravo para criar insectos. Pois como non haxa ganderías si que vai haber silveiras e biodiversidade”, asegura.

“Neste momento xa chega a haber un adoutrinamento da xente nova para meterlles o ecoloxismo e o veganismo e iso crea unha mala imaxe nosa; din que somos contaminantes cando descoñecen completamente a realidade das ganderías”, quéixase.

“Moita xente pensa que as subvencións que veñen de Europa é para facer ricos aos gandeiros, pero se iso fora así non pecharían granxas todos os días. A demostración de que algo non está funcionando ben é que a xente marcha do campo”, conclúe.

Andrés Fernández, gandeiro de carne da Fonsagrada

“Todo son trabas, burocracia e zancadillas para os que queremos traballar”

Andrés Fernández (A Fonsagrada)2Andrés Fernández é un mozo gandeiro que se incorporou no ano 2009 á explotación familiar, situada na Veiga de Logares, na Fonsagrada. Desde entón profesionalizou a granxa, adicada á produción de carne de vacún, e pasou de duplicar o número de animais até ter hoxe 600 cabezas totais, contando as 200 reprodutoras e os 250 becerros que ten no cebadeiro.

A gandería aténdena Andrés e o seu pai e el destaca o valor dunha explotación como a súa á hora de fixar poboación no rural e coidar o territorio. “Estamos asentados aquí coa familia e facemos unha labor medioambiental moi grande, pero todo son trabas, burocracia e zancadillas para os que queremos traballar e seguir progresando”, quéixase.

Andrés levaba máis de 5 anos sen botar ningún tipo de abono químico nas 140 hectáreas nas que fai pastoreo, así que o ano pasado decidiu pasarse a ecolóxico. Pero acabou por ser un dos damnificados cando a Xunta se negou a ampliar o orzamento para dar cobertura ao incremento de solicitudes.

Paseime a ecolóxico o ano pasado e denegáronme a axuda da PAC, perdín máis de 50.000 euros

“Denegáronme a axuda o ano pasado. Perdín máis de 50.000 euros, entre as agroambientais, o ecolóxico e as obras de adaptación das naves para a conversión. Para nós foi un pau brutal, tanto economicamente como moralmente, porque estás traballando e ves que en vez de axudarche o que fan é prexudicarte”, lamenta.

Escasa rendibilidade

A pesar daquel “pau”, Andrés segue mantendo as vacas e os prados en produción ecolóxica, aínda que os becerros que comercializa, ao metelos despois do destete ao cebadeiro, véndeos como Ternera Gallega convencional.

A diferenza no prezo de venda da carne é pequena, di, porque “non hai saída para a carne ecolóxica e véndese case a prezo de convencional”, explica. Está a cobrar a uns 6€ o quilo, por debaixo dos custos de produción.

Asegura que o estudo que fixo a Fundación Juana de Vega “está incompleto” porque non contempla todos os gastos, entre eles o do aluguer ou a compra de terras, “que supón un gasto elevado nas zonas onde a superficie agraria é escasa”, di, e reclama “que se cumpra a Lei da Cadea Alimentaria”, que impide a venda a perdas, e a sinatura de contratos “que non sexan un simple paripé”.

Ter a túa vida colgada dun fío de Europa co investimento que temos feito é bastante deprimente

“Se non fora pola PAC a miña explotación sería inviable; é triste dicilo, traballando o que traballamos, pero é así”, lamenta. Por iso, di, “ter a túa vida colgada dun fío de Europa co investimento que temos feito é bastante deprimente, porque aínda que cumpras con todo o que che piden igual non cha pagan, como pasou no ano 2022”, lembra.

Pero engade que “sen a PAC os xatos terían que valer ao dobre do que se pagan hoxe e a ver a que prezo chegaría esa carne ao consumidor e que consumidor podería pagala e comer tenreira”, pregunta.

Novos recortes de axudas da PAC

Teme que o próximo “recorte” nas axudas da PAC sexa a liña para zonas con limitacións naturais (as coñecidas como ZLN). “No ano 2025 van desaparecer porque son cartos que saen do período anterior e supón unha rebaixa máis no que cobramos; nunha explotación como a miña son 13.000€”, detalla.

Outro dos aspectos da PAC actual para o período 2023-2027 co que non está dacordo é coa chamada “degresividade”, que fai que a partir das 60 primeiras hectáreas o cobro por superficie se reduza considerablemente. “Pero a min cústame o mesmo traballar a hectárea 1 que a 80, cústame o mesmo alugala e prodúceme o mesmo, non hai diferenza”, argumenta.

Facemos unha labor medioambiental moi grande que despois non queren pagar

En relación ao lobo, ao estar en ecolóxico Andrés non ten dereito a cobrar a prima por convivencia con grandes carnívoros, “como se o lobo escollera que comer”. Fai un manexo preventivo para reducir o risco de ataques, como por exemplo concentrar os partos de todas as vacas nos meses de marzo e abril “para facer a parideira nos sitios máis protexidos, onde teño as fincas pechadas con malla electrificada”, explica.

“Ataques tiven algúns, pero nunca din parte, por non pelexar co garda de turno, porque ou hai evidencias moi claras de que foi o lobo ou senón danche para atrás; moitas veces non chegan dispostos a razoar”, di.

“Se a sociedade quere que haxa lobo, os danos aos gandeiros teñen que pagarse, incluído o lucro cesante. Porque a ti mátanche por exemplo unha ovella e danche 50 euros pero esa ovella ía dar 2 cordeiros”, razoa. “Nós debíamos estar nas mesas de negociación onde se deciden estas cousas que nos afectan”, conclúe.

Tractoradas o martes 20 para urxir medidas adicionais para Galicia nos xurros e nos ecorreximes

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información