As granxas de Ternera Gallega Suprema obteñen unha marxe de 32.000 euros, 2,79 €/Kg, que sería a renda dispoñible por granxa. Esta é unha das conclusións que presenta o informe elaborado pola Fundación Juana de Vega, en base á información recollida en 25 granxas galegas. Indican que son datos achegados nas visitas realizadas ata o 6 de xullo de 2023 e que se trata dun informe descritivo, que busca ofrecer información acerca das contas de resultados das explotacións de vacún de carne galegas.
O tamaño medio das explotacións móvese ao redor das 55 hectáreas, sendo un 52 % da terra en propiedade, un 47 % en aluguer e un 1 % cedida sen custo. Nestas granxas enviáronse, de media, 39 becerros a matadoiro, cun peso canal medio de 245 Kg, e 7 vacas de desvelle, cun peso canal medio de 316 Kg. O censo medio de animais presentes nas granxas foi de 56 vacas nutrices, 11 animais de recría, 1 touro e 34 becerros de engorde durante o ano. A diferenza entre os grupos é o número de animais contando as granxas con mellor resultado económico con 138, as intermedias con 105 e as que teñen peor resultado con 63.

Datos recollidos nas diferentes explotacións analizadas
Datos económicos
En termos económicos que se detallan no informe, indícase que os ingresos medios -incluíndo as axudas- superaron os 90.000 euros por explotación, que representan 7,90 €/Kg. O grupo intermedio ingresa 7,04 €/Kg, cifra moito máis baixa que as mellores e as peores. Do total de ingresos, o 53,61 % vén da propia venda de becerros. O 9,74 % do total vén da venda de vacas de desvelle, mentres que as subvencións representan un 33,35%.
Os gastos variables representan o 70,68 % do total de gastos, superando os 40.000 euros. Dentro destes gastos variables destaca a alimentación, que supón máis da metade dos gastos totais (54,18 %), sendo as maiores partidas da alimentación o concentrado dos becerros de cebo, a produción de forraxe na granxa e o combustible e maquinaria propia.
Os gastos fixos supoñen de media un 29,32 % dos gastos totais. Entre as partidas cun maior peso están as amortizacións, principalmente de maquinaria, os arrendamentos e a seguridade social pagada polas persoas propietarias. Tamén resaltar que en ningunha granxa as persoas propietarias teñen asignado un salario propio. Coa suma dos gastos variables e fixos, vistos previamente, obtéñense os gastos totais, que se acercan aos 60.000 euros.

Datos económicos que se recollen no informe en canto a ingresos e gastos
Estes datos dan como resultado unha marxe de 32.000 €; 2,79 €/Kg, que sería a renda dispoñible por granxa. No grupo das de mellor resultado esta cifra ascende a 4,61 €/Kg, queda en 2,01 €/Kg nas de resultado intermedio, provocado por uns menores ingresos en comparación coas mellores, mentres que nas peores a marxe é 1,68 €/Kg.
Para homoxeneizar os datos de todas as granxas, aplícase un salario estandarizado a 1,5 veces o Salario Mínimo Interprofesional (SMI) para cada propietario. Isto supón un gasto de 21.000 €/UTA. Tras este proceso, a marxe neta media por granxa é de 2.800 € ou 0,25 €/Kg. Asignando un salario de 1,5 veces o SMI por cada propietario, o custo de produción das granxas analizadas foi de 7,66 €/Kg. No grupo das de mellor resultado, a marxe neta consérvase positiva, sendo de 2,52 €/Kg. No caso do resto torna negativa ao imputar este salario, sendo de -0,22 €/Kg nas de resultado intermedio e de -4,11 €/Kg nas de peor resultado.
Resultados obtidos

Resultados obtidos no estudo
A granxa media que resulta das 25 estudadas no informe da Fundación Juana de Vega produce, de media, 9.500 Kg de carne de vacún. O custo de produción medio, sen incluír un salario para os propietarios, é de 5,11€/Kg canal. Este custo oscila entre os 4,51 €/kg nas granxas que presentan un mellor resultado e os 7,44 €/kg das que teñen un peor resultado económico. Se se inclúe un salario para as persoas propietarias, equivalente a 1,5 veces o salario mínimo interprofesional, o custe medio de produción alcanza os 7,66 €/kg.
O prezo mínimo ao que habería que vender o kg de becerro para cubrir todos os custes de produción, incluíndo un salario para os propietarios equivalente a 1,5 veces o SMI, sitúase nos 4,86 €/kg (prezo de equilibrio). Como conclusión final, en este informe poñen de manifesto a necesidade de mellorar a profesionalización e a xestión técnico-económica das explotacións de vacún de carne de Galicia para gañar en eficiencia e rendibilidade e garantir a súa viabilidade futura.