Non tributará a transmisión de dereitos de pago único entre cónxuxes en réxime de gananciais

Unións Agrarias anuncia que os seus servizos xurídicos están logrando que o Tribunal Económico Administrativo de Galicia resolva a favor dos produtores que se vían afectados polo imposto

Non tributará a transmisión de dereitos de pago único entre cónxuxes en réxime de gananciais

Os servizos xurídicos de Unións Agrarias (UUAA) están logrando que o Tribunal Económico-Administrativo Rexional de Galicia (TEAG) resolva a favor de que as transmisións de Dereitos de Pago Único da PAC entre cónxuxes en réxime de gananciais non teñan que tributar diante da Axencia Estatal de Administración Tributaria, segundo sinala a organización agraria en nota de prensa.

Esta é unha reivindicación na que Unións leva traballando desde 2015 por entender que cando un dos titulares cesa a actividade dunha explotación e cede os dereitos ao seu cónxuxe non debe tributar porque non procede á transmisión a un terceiro dos dereitos de pagamento único que no seu día lle foran asignados polo Fondo de Garantía Agraria (FOGGA), senón que procede ó cambio da titularidade administrativa da explotación agraria familiar no seu conxunto.

“Ata o de agora, a Axencia Tributaria esixía facer unha declaración paralela de IRPF por montantes que podían chegar ata 6.000 euros e cunha media que non baixaba de 3.000 euros por transmisión, o que viña a supoñer unha carga completamente desmedida e inxusta para as rendas das explotacións”, explican dende a organización agraria.

Na actualidade, Unións ten máis de 40 procedementos en curso no TEAG por este asunto, con casos que veñen desde 2013. “Esiximos una cambio definitivo de criterio da Axencia Tributaria para evitar que os produtores teñan que chegar á vía xudicial para corrixir unha política tributaria inxusta e punitiva”, reclaman.

Hai que lembrar que, mentres non se logra unha resolución favorable por parte do Tribunal Económico, o contribuínte debe seguir pagando os impostos, co que iso supón para as contas de resultados dunha explotación.

Neste senso, dende Unións Agrarias están traballando tamén para que a transmisión entre pais e fillos estea exenta de tributación e que os tramos contributivos sexan mais xustos e equilibrados.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información