Antonio Cabana Fraga é o titular dunha explotación de vacún de carne en ecolóxico da parroquia de San Simón da Costa, en Vilalba. Xunto coa axuda do seu fillo, Alejandro Cabana Chao, atenden diariamente un total de 130 animais. Foi fai unha década cando Antonio e Alejandro decidiron continuar coa explotación de Pilar Chao, muller e nai respectivamente, que por motivos de saúde tivo que abandonar a actividade que iniciara a principios dos anos 90.
Recentemente, publicáronse os resultados do ‘Grupo operativo carne de vacún a pasto’ vendo uns resultados satisfactorios nesta gandería en canto a custes de produción e rendibilidade. Aínda así, Alejandro recoñece que sempre hai cousas nas que mellorar. Para isto centran a base da alimentación de vacas e tenreiros no pasto, que complementan con penso a medida que se van acercando á idade de comercialización.
“A pesar de que no estudo hai granxas que conseguen máis ingresos, no noso caso saíronnos os custos de produción bastante baixos e así podemos conseguir mellor beneficio. Temos un custo fixo de 2.60 €/kg con pouco máis de 300 € de penso por animal. Isto conseguímolo mantendo a calidade, sempre buscamos un grao de engraxamento mínimo de 2 puntos. Habendo pasto, leite en cantidade e axudándolles con algo de concentrado na fase final conseguimos unha media de 220 quilos aos 8 meses. Con todo isto as contas finais sáennos nuns 14€ por hora traballada na explotación”, explica Alejandro.
Na explotación de Antonio e Alejandro, traballan unha superficie agrícola de algo máis de 60 hectáreas. A maiores, dispoñen do monte comunal de San Simón, certificado en ecolóxico. Para o aproveitamentos dos pastos dividen a cabana gandeira en 3 lotes: dous de vacas paridas e un terceiro lote de xestación. “Para nós é moi importante o monte porque témolo pegado á casa e están as vacas controladas, ademáis de que no inverno poden baixar ás nosas fincas para comer. É un monte que para o gando é bo e ten moito pasto” comenta Alejandro.
A medida que as vacas se van acercando ao parto baixan do monte comunal para as fincas nas que permanecerán coa cría ata o momento do destete e a súa comercialización. A pesar de non ter unha programación de partos en épocas concretas “ao estar nunha zona de montaña a propia natureza fai que moitas vacas pairan na primavera. Tampouco quero modificalo porque para min é moi cómodo criar un becerro nesta época. Aquí os meses de xaneiro e febreiro son dos peores do ano. Temos xatos que naceron na primavera e xa están con 160 quilos, agora con algo de penso que coman na moxega póñense para vender noutros 3 meses. Ademais, levan pouco tempo comendo porque había pasto suficiente e eu vía que medraban ben” explica Alejandro.
O destete coincide na maioría dos casos coa saída dos becerros da granxa, “a non ser que vexa unha vaca máis baixa están con elas ata que se venden. Elas mesmas cando se achegan aos 7 meses vanos destetando. O ideal sería facer unha nave cun corral grande para metelos os últimos 2 meses pero tal e como están os custos das obras é complicado”, comenta Alejandro mirando cara o futuro. Desta forma os xatos veñen comercializándose cando acadan un peso entre 200 e 230 quilos. “No noso caso é cando máis rendibles son. De pouco sirve sacar un becerro con máis quilos se ao final o comeron en concentrado. O que si sempre buscamos é animais con calidade, cun mínimo de 2 puntos de engraxamento”, argumenta apoiándose nos datos recollidos no informe do grupo operativo
O pasto é a base da alimentación
En canto á alimentación o pasto é a base, ben sexa aproveitado directamente polas vacas ou en forma de complemento como silo ou herba seca. A maiores, os xatos teñen a disposición unha tolva con penso como complemento cando as necesidades nutricionais non están só cubertas co leite e o pasto. “Para conseguir o engraxamento utilizamos un concentrado con moito millo. Este ano tamén vamos probar a mesturar o penso con silo de millo e ver que resultado nos dá. Sementamos 1.5 hectáreas que picaremos pola atura da espiga e faremos en bolas pequenas para ir gastando segundo nos faga falta” comenta Alejandro.
O exceso de herba na primavera recólleno en forma de rolos, de silo e herba seca, facendo cada campaña unha media de 500.
A xestión en ecolóxico das pradeiras, unida á ubicación da granxa fai que o pasto se prolongue no verán. Alejandro explica que “nesta zona baixa moito a néboa e barruza, temos máis problemas no inverno, os primeiros meses do ano son duros. Creo que tamén o manexo que levamos facendo en ecolóxico dende o ano 2001 fai que os nosos pastos estean adaptados a esta zona e a pesar de estar en agosto as nosas fincas aínda están verdes. Fixemos un estudo biolóxico das fincas e saíu que había moita vida debaixo da terra, tendo así un equilibrio no que o pasto aguanta mellor”.
Mallan a herba das súas fincas para teren a súa propia semente
Para o abonado e mantemento do pasto Alejandro e Antonio empregan esterco de polo ecolóxico e semente colleitada na propia explotación, ademais da sabedoría popular. “Mallamos herba das nosas fincas. Coincidindo coa primeira lúa de setembro pasamos a trituradora para logo botar a semente colleitada e esterco por riba”. Para os traballos agrícolas teñen todo tipo de maquinaria. “Facemos un correcto mantemento de todos os apeiros para que teñan unha vida útil máis longa e así sáenos máis económico que facelo cunha empresa externa”, explica.
En canto a tratamentos veterinarios realizan o mínimo posible. “Desparasitamos e vacinamos contra IBR e carbunco, polo resto tratamos algunha vaca ou becerro cando o necesita pero é moi raro. Tamén, puntualmente, realizamos algunha inseminación pero para a reprodución temos dous touros” detalla Alejandro.
No tocante á raza empregada non hai pureza aínda que os touros son de limusín. Alejandro di que “estou seguro que calquera rubio fai tan bo becerro como un limusín pero para nos a facilidade de parto e a vitalidade que ten nos primeiros días de vida é fundamental e por iso nos decantamos por esta raza de cara ao futuro”.
Todas as fincas teñen peche con estacas de castiñeiro e 4 ou 5 fíos de arame. “Ao traballar fora necesitamos que os peches estean ben feitos e non estar pendentes de se o gando se bota das fincas. Hai fincas pechadas con estacas con máis de 20 anos, e que están ben conservadas. Meu pai mira moito as lúas para facer os traballos, deste xeito a madeira hai que cortala no seu momento e deixala secar antes de facer os peches, conseguindo que duren máis tempo e aforrando custes. Explica Alejandro ao mesmo tempo que comenta que a pesar dos peches todos os anos teñen 2 ou 3 baixas a causa do lobo.
“Tamén son consciente de que o lobo fai a súa función e non se pode erradicar completamente pero sí controlar. Outro problema que temos coa fauna son os voitres que neste caso si que creo que nesta zona hai un exceso de aves e que habería que limitar”.
Entre Alejandro e Antonio repártense as tarefas diarias da granxa tendo unha boa organización para optimizar o tempo. Deste xeito, cuantifican unha media de 4 horas diarias dedicadas á explotación “hai días que estás máis horas e outros nos que únicamente revisas que o gando estea ben. Eu paso moitas horas no medio delas aínda que solo sexa observándoas e ao final esas horas non son de traballo propiamente ditas. Para o manexo do gando e para cambialo de finca ou meter as vacas na manga facémolo cun quad e uns cans border collie. Xa teñen instinto de traballo e con algo que os ensines serven de moita axuda. En menos de media hora podo cambiar de finca un grupo de 40 vacas”.
Comercializan os animais a través da cooperativa Almoga
Sempre foron socios de cooperativas a través das que comercializan a carne. “Estamos na Cooperativa Almoga, de Vilalba, e vendemos todo a través dela, eu na casa non acordo nunca un tratante. Despois tamén vendemos a particulares medias canais ou canais completas aínda que por falta de tempo non potenciamos máis a venta directa, son os clientes de sempre”.
Para Alejandro o traballo na gandería é un hobby ao que dedica parte do seu tempo libre e recoñece que “isto ten que gustar, hai que levalo no corpo”. “Para min -subliña- é unha forma de vida, crieime nisto e podo botar horas e horas no medio das vacas só porque me gusta. Loitarei por isto a pesar de que moitas veces non recibimos o apoio por parte das administracións. Este ano quedamos sen liña de axudas de ecolóxico por falta de presuposto, o mesmo que coas axudas polos ataques do lobo. Igualmente, non vexo normal que non sexamos considerados zona de montaña cando estamos a 800 metros de altura e a pouco máis de 1 quilómetro de distancia, que xa son doutro concello, si haxa esa consideración. As leis deberían ser feitas cos pés na terra e non sobre un papel”.
“As leis deberían ser feitas cos pés na terra e non sobre un papel”
Outro problema co que se atopa Alejandro na súa explotación é a ordenación do territorio, “nesta zona non hai concentración, nós temos bastante terreo arredor da casa porque fomos cambiando e comprando fincas pegadas pero isto debería facelo a administración para facilitar o traballo e facelo máis atractivo para as novas xeracións”.
A produción de vacún de carne en ecolóxico segue a ser baixa en comparativa con outros sectores mais Alejandro sempre apostou por protexer o medio ambiente. “Seremos unha das explotación de carne en ecolóxico máis antigas de Galicia, unha das cousas que me anima a seguir adiante é a protección do medio que nos rodea e manter a cultura e a sabedoría popular. Cando se pasa de convencional a ecolóxico tamén hai que cambiar a mentalidade de traballo e pode que ao primeiro vexas un descenso na produción pero ao final, cando hai un equilibrio nas fincas volves ver a rendibilidade”, conclúe.