A marca Pino de Galicia comezou a funcionar na práctica a inicios do 2022, cando quedou definido o seu regulamento e se abriu a porta para que as empresas do sector da madeira se foran sumando á marca. En só seis meses, máis dunha vintena de empresas xa lograron superar as auditorías precisas para certificarse na marca ou están ultimando ese proceso.
Espérase ademais que nos próximos meses continúen entrando na marca empresas de toda a cadea galega do piñeiro, pois moitas teñen manifestado o seu interese ou teñen comprometido o inicio inmediato do proceso de auditorías preciso para rexistrarse.
Este é o balance que presentou esta mañá en Galiforest o secretario do comité de marca de Pino de Galicia, David Lorenzo, que participou nunha xornada técnica sobre os retos e oportunidades ós que se enfrontan as coníferas. Lorenzo explicou como se foron inscribindo na marca empresas de toda a cadea da madeira, desde rematantes (os profesionais que cortan as árbores en monte) ata serradoiros, empresas de segunda transformación da madeira e almacenistas.
A implicación de toda a cadea da madeira está a permitir certificar xa a madeira de Pino de Galicia, dende materia prima ata produtos de primeira e segunda transformación
A implicación de toda a cadea da madeira está a permitir certificar xa a madeira de Pino de Galicia desde o monte ata o consumidor final, pois a marca ampara tanto a materia prima (rolla) como os produtos de primeira transformación (táboa convencional e táboa estrutural), así como os produtos de segunda transformación (envases, tarimas, molduras ou CLT, entre outros).
A importancia da marca sitúase en garantir a trazabilidade, a calidade e a uniformidade da oferta. Pino de Galicia estableceu un sistema de clasificación de calidades, a fin de estandarizar a oferta ante o mercado, e está a contribuír así a prestixiar a madeira galega ante os prescriptores e consumidores finais.
Cómpre salientar ademais que toda a madeira de Pino de Galicia ten que contar cos selos de certificación forestal FSC ou PEFC, o que garante que, a parte de ter orixe galega, a materia prima procede de montes xestionados dun xeito sostible.
A madeira de coníferas para a construción
Xunto coa presentación da marca Pino de Galicia, a xornada de hoxe en Galiforest contou coa intervención de Manuel Guaita, catedrático da Universidade de Santiago e Director da Plataforma de Enxeñaría da Madeira Estrutural (Pemade), que abordou as posibilidades da madeira de coníferas na construción. Guaita incidiu en que é tempo de apostar pola madeira, xa que é unha vía para lograr edificacións máis sostibles, ó actuar como sumideiro de CO2 e reducir así o impacto ambiental. Ademais, as innovacións técnicas desenvolvidas nos últimos anos, como a construción en altura con estruturas de madeira e madeira contralaminada, abriron un abano de posibilidades en edificacións en madeira que ata entón parecían inviables.
En Galicia estanse a dar pasos non só no uso estrutural da madeira senón tamén en contar con madeira galega nestas construcións, que inicialmente se realizaban con madeiras importadas de Centroeuropa. A construción dun prototipo de edificio en altura realizado en Lugo con madeira de Pino de Galicia é un dos pasos nesa liña. Optar por madeira de proximidade na súa construción permitiu xa secuestrar unhas 280 toneladas de CO2.
“Galicia é xa 100% autónoma en madeira e fabricación para a construción con madeira seguindo un paradigma sostible”: Manuel Guaita, Pemade
Máis alá destas iniciativas demostrativas están a xurdir xa empresas que ofrecen este tipo de solucións construtivas en madeira. “Galicia é xa 100% autónoma en madeira e fabricación para a construción con madeira seguindo este paradigma sostible”, apunta Guaita.
Ademais, o sector traballa en innovacións tecnolóxicas que están aportando vantaxes significativas para a construción e que xa se están a empregar en Galicia. Así, as madeiras modificadas, como a madeira acetilada ou a madeira termotratada, están a ser solucións para un uso da madeira en fachadas e exteriores, xa que son tratamentos que lle confiren unha maior durabilidade ó reducir a súa degradación natural.
Á marxe destas propostas, no sector e dende Pemade traballan xa noutras iniciativas que permitan seguir avanzando no uso da madeira estrutural, como é o desenvolvemento de solucións lixeiras con vigas e estruturas que reducen e optimizan a cantidade de madeira empregada, buscando ser unha solución sostible tanto a nivel ambiental como económico. Outra das liñas sobre as que están traballando é unha estrutura mixta que combine formigón e madeira.
As cifras do mercado de coníferas en Galicia
Na xornada, Laura Lozano, de Maderas Goiriz, firma asentada en Vilalba (Lugo), adicada ó serrado de táboa, encargouse de facer un percorrido polas cifras e a situación que atravesa o mercado de Pino de Galicia. Lozano destacou a importante contribución do sector da madeira á creación de emprego en concellos rurais e a dispersión de postos de traballo por todo Galicia que se proporcionan.
Os 200 serradoiros que se manteñen operativos en Galicia serraron o ano pasado uns 2 millóns de toneladas de piñeiro, o 40% da produción nacional. Con esta madeira, producíronse case 1 millón de metros cúbicos de táboa destinada principalmente á embalaxe (60%), así como á fabricación de caixas de viño (14%), á construción (7%) ou ó moble (3%). “Con estas cifras, Galicia é un referente para todo o país”, reivindicou Lozano.
En só 2 anos o prezo da madeira de piñeiro chegou a duplicarse debido ó incremento da demanda logo da crise da Covid-19 ou á redución das exportacións de Rusia pola guerra con Ucraína
En canto á evolución dos prezos da madeira de piñeiro, nestes últimos dous anos experimentouse unha importante suba, pasando dos 30 euros por tonelada en madeira de rolla en pé a chegar a preto de 60 euros neste 2022, segundo os datos manexados pola Fundación Arume sobre a evolución dos prezos de venda en poxas privadas.
Como detallou Lozano, este importante incremento dos prezos debeuse en primeiro lugar á crise da Covid-19 e a redución de stocks a nivel mundial ante o temor dunha caída da actividade. Porén, outros factores como o incremento dos custos dos fletes de madeira foron tamén decisivos. En só un ano, o prezo dun contedor de madeira procedente de México pasou de custar 2.800 euros a acadar os 12.000 euros. Este mesmo ano, o estalido da guerra de Ucraína mantén á alza os prezos da madeira de coníferas ó reducirse as exportacións procedentes de Rusia.
Lozano aproveitou tamén para incidir na importancia de levar a cabo unha boa silvicultura nas plantacións para lograr madeira de calidade, reducir as mermas de madeira que teñen os serradoiros e poder repercutir nun prezo máis competitivo para os produtores forestais.
Tralas ponencias e para rematar a xornada, houbo un debate, moderado por Ana Busto, de Serrerías Rodríguez, no que ponentes e públicos coincidiron no escenario optimista que se está abrindo para as coníferas, con boa demanda e con bos prezos que se esperan sostidos no tempo.
A xornada de hoxe en Galiforest, organizada pola Fundación Arume, contou coa cofinanciación da Axencia Galega da Industria Forestal.