Mantense o imposto por transmisión de dereitos de pago da PAC de pais a fillos

O Sindicato Labrego pide que se aplique para estes casos o mesmo criterio que rixe xa as transmisións entre cónxuxes en réxime de gananciais, que quedan exentas de taxas

Mantense o imposto por transmisión de dereitos de pago da PAC de pais a fillos

Hai escasamente un par de meses, coñecíase que o Tribunal Económico Administrativo de Galicia decidía suspender as taxas por transmisións de dereitos de pago único entre cónxuxes casados en réxime de gananciais. A resolución do Tribunal, adoptada en base a reclamacións de organizacións como o Sindicato Labrego e Unións Agrarias, esperábase que tivese un segundo capítulo nos casos de transmisión entre pais e fillos, pero non será así.

O Sindicato Labrego considera que as tranmisións de dereitos entre pais e fillos non deben ser consideradas ganancia patrimonial, pero o Tribunal Económico Administrativo de Galicia vén de resolver que si que o son, de xeito que quedan suxeitas a tributación por parte da persoa que cede os dereitos.

Para a organización agraria, esta decisión torpedea o relevo xeneracional nas granxas. “Desde hai varios anos, a Axencia Tributaria grava como ganancia patrimonial os cambios de titularidade nunha explotación e a transmisión de bens que leva aparellados, como os dereitos de cobro da Política Agraria Común (PAC)” -explica o Sindicato Labrego-. “Neste caso, a Axencia entende que se produce unha ganancia patrimonial pola que obriga a tributar á persoa que cede a titularidade da explotación, aínda que dita ganancia non se produce realmente, pois trátase dunha cesión da explotación dentro do ámbito familiar sen que haxa contraprestación económica”.

Ante esta situación, a organización agraria levará a cuestión á próxima reunión do Consello Agrario Galego para que se realice unha reclamación unitaria ante a Axencia Tributaria.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información