Galicia rexistrou no último mes 568 incendios forestais, dos cales 255 producíronse nun horario no que os medios aéreos non poden actuar e 29 iniciáronse con dous ou máis focos simultáneos. Estes foron os datos que destaca o conselleiro do Medio Rural en funcións, José González, quen puxo de relevo que a metade destes lumes -un total de 284- amosan así claros indicios de intencionalidade, ao igual que o feito de que se rexistraran en condicións de temperaturas elevadas ou vento forte.
O conselleiro adiantou estas cifras na localidade ourensá de Monterrei, un dos distritos forestais máis castigados por esta acción delituosa. González acudiu para comprobar o traballo de tres drons utilizados polos axentes ambientais do Servizo de Prevención e Defensa Contra Incendios Forestais (SPDCIF) da Xunta en labores de vixilancia, disuasión e persecución da actividade incendiaria.
“Fronte a esta intencionalidade incendiaria, a combinación do traballo das Forzas e Corpos de Seguridade do Estado, da profesionalidade dos axentes e demais persoal do Servizo e da colaboración cidadá está a dar resultados na investigación”, afirma González. O conselleiro puxo como exemplo disto os dous presuntos responsables de varios incendios pillados in fraganti durante a fin de semana, un dos cales xa ingresou en prisión por orde do xuíz.
Anticipación aos lumes
Nesta mesma liña, José González reafirmou o compromiso da Xunta de seguir traballando para anticiparse aos lumes e para reforzar a vixilancia, a disuasión e a persecución desta actividade delituosa. Para iso, tamén están incorporando as últimas tecnoloxías, como poden ser os drons ou as cámaras de vixilancia, que cobren xa o 60% do territorio galego.
Sobre estes aparellos non tripulados, González lembrou que están controlados mediante unha emisora cun alcance de 3,5 quilómetros de distancia. Ademais, especificou que contan cunha cámara dual con varios modelos de visualización, entre outras características, polo que “os incendiarios están totalmente vixiados tanto de día coma de noite”, concluíu.
O conselleiro reiterou o seu agradecemento e recoñecemento ao labor dos profesionais antiincendios da Xunta polo seu compromiso e profesionalidade en defensa do patrimonio forestal e, sobre todo, das persoas. Neste sentido, destacou que o seu traballo permitiu que máis do 75% dos lumes rexistrados no que vai de campaña de alto risco, dende o 1 de xullo, quedaran en conatos.
Por último, neste acto José González animou unha vez máis a todos os cidadáns a denunciar calquera movemento ou actividade delituosa da que teñan sospeita ou coñecemento que poida axudar a identificar a estes delincuentes, algo que poden facer, entre outras vías, a través do número de teléfono anónimo 900 815 085.