“A madeira de piñeiro non diminúe a súa calidade por ser resinada”

Trala súa formación como arquitecta técnica na universidade brasileira de Campinas, en São Paulo, Mônica Ruy fixo o doutorado na área de estruturas de madeira, o que a trouxo a Lugo no ano 2018. Neste momento investiga na Escola Politécnica as características da madeira de piñeiro resinada dentro do grupo operativo Acrema

Mônica Ruy, xunto ás mostras de piñeiro resinado analizadas no laboratorio de Pemade

Mônica Ruy, xunto ás mostras de piñeiro resinado analizadas, procedentes de montes de Pantón e Caldas

A produción de resina é unha actividade tradicional que está a rexurdir nos últimos anos en Galicia e que pode supoñer unha oportunidade para incrementar a rendibilidade das masas de piñeiro.

O grupo operativo ACREMA, creado por empresas, entidades e centros de investigación de Galicia, Asturias e Castela e León, busca adaptar as técnicas de extracción de resina a piñeirais produtores de madeira, como son a maioría dos que hai en Galicia, e analizar tanto a calidade da madeira como da resina obtida.

Dentro deste proxecto, financiado polo Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación no marco do Programa Nacional de Desenvolvemento Rural 2014-2020, a Plataforma de Enxeñería da Madeira Estrutural da Escola Politécnica de Lugo (PEMADE), está a estudar as características estruturais da madeira resinada.

Os resultados finais do proxecto daranse a coñecer no ano 2023, pero xa hai resultados preliminares. Falamos con Mônica Ruy, investigadora do proxecto, para que nos avance as principais conclusións.

– Explícanos cal é o papel de Pemade dentro do Grupo operativo Acrema, do que formades parte.
– A Plataforma de Enxeñería da Madeira Estrutural (PEMADE) é unha plataforma tecnolóxica da Universidade de Santiago de Compostela, situada no Campus Terra, na cidade de Lugo. Traballamos en varios proxectos co obxectivo de engadir valor ao uso da madeira no sector da construción, buscando unha economía circular, quilómetro cero e redución da pegada de carbono.

Dentro do Grupo Operativo ACREMA temos o obxectivo de analizar a calidade da madeira procedente de árbores resinadas, para saber se o proceso de resinación afecta ás propiedades de interese estrutural do material.

Previo aos estudos en laboratorio, tamén se mediron algunhas características das árbores (altura, diámetro do fuste, diámetro da copa) e aplicouse tecnoloxía sónica, que pode ser utilizada para optimizar a selección do material coas propiedades buscadas en distintas fases do aproveitamento, desde árbore a táboa.

– Que mostras analizastes? Detállanos de que especie se trataba, de onde procedía, cantos anos se resinou e por que método.
– Estamos a traballar con materiais procedentes de dúas masas forestais de Pinus pinaster, unha situada en Ferreira de Pantón (2-3 anos de resinado) e a outra en Caldas de Reis (4-5 anos de resinado). En cada parcela eliximos pés resinados e pés testemuñas (sen resinar) sobre os cales se realizan os mesmos ensaios aplicando a mesma metodoloxía para comparar, ao final do proceso, os resultados entre ambos tipos de pés.

Se atopásemos diferenzas significativas dentro das características obtidas para o material resinado, os pés testemuñas serían importantes para saber que esas diferenzas orixínanse a partir da resinación e non proceden doutros factores, como localización ou tipo de manexo das parcelas.

– Cales foron os resultados? Afecta o resinado á calidade estrutural da madeira?
– Aínda non temos as análises finalizadas, neste momento estamos en fase de realización de ensaios destrutivos para comparar estes resultados cos obtidos con métodos sónicos e así establecer correlacións e definir os modelos de predición das propiedades mecánicas da madeira de Pinus pinaster resinada.

A madeira de piñeiro procedente de árbores resinadas non sofre alteracións nas súas propiedades mecánicas

Ata o momento os resultados obtidos con métodos sónicos demostran que non existen diferenzas entre a madeira resinada e os pés testemuñas sen resinar. Este feito coincide cos resultados obtidos noutros proxectos desenvolvidos por diferentes centros de investigación nos que se pon de manifesto como, desde un punto de vista estrutural, o material procedente de pés resinados non sofre alteracións nas súas propiedades mecánicas.

– Entón, non existen cambios en canto a densidade ou ás propiedades mecánicas da madeira como consecuencia do resinado?
– Para establecer conclusións definitivas neste estudo é necesario terminar os ensaios de laboratorio e analizar o conxunto de datos en maior detalle. Pero como comentaba anteriormente, resultados obtidos por outros grupos de investigación mostran que non hai alteracións nas propiedades mecánicas (resistencia e módulo de elasticidade) da madeira resinada, aínda que a densidade pode sufrir algún cambio.

A madeira resinada é máis densa e iso, desde o punto de vista estrutural, é unha vantaxe

Nestes resultados, a madeira resinada mostrouse un pouco máis densa. Con todo, desde un punto de vista estrutural, un aumento da densidade é unha vantaxe e non ao revés.

Se utilizó un código de colores para distinguir la madera resinada de los pies testigo y garantizar la trazabilidad de las distintas piezas desde el monte

Empregouse un código de cores para distinguir a madeira resinada dos pes testigo e garantir deste xeito a trazabilidade das distintas pezas desde o monte ao laboratorio pasando polo serradoiro

– E en canto ao aspecto visual, detectastes cambios, por exemplo na cor da madeira, como consecuencia do resinado?
– Das mostras que estamos a analizar, non é posible diferenciar visualmente táboas procedentes dos pés testemuñas ou dos pés resinados.

– Tradicionalmente en Galicia a desconfianza por parte dos serradoiros, propietarios e madeiristas foi un freo para o resinado. Podemos dicir, a raíz das vosas investigacións, que a madeira de piñeiro non perde calidades por ser resinada?
– Non. Os resultados que estamos a obter, aparentemente, corroboran o que concluíron outros estudos: a madeira de piñeiro non diminúe calidade, desde un punto de vista estrutural, por ser resinada.

– En Galicia e Asturias, a diferenza do que ocorre en lugares como Castela e León, a produción de madeira é o principal uso das plantacións de piñeiro. É posible facer compatible o resinado con esa vocación produtiva principal dos montes de piñeiro galegos?
– Se se confirma a nosa hipótese e se obteñen resultados aptos da madeira resinada para uso estrutural, si que sería posible facer compatible o resinado coa produción de madeira para fins estruturais.

– Podería a extracción de resina supoñer un incremento dos ingresos que do monte obteñen os propietarios forestais de piñeiro en Galicia?
– A actividade resineira pode supoñer unha alternativa complementaria á produción de madeira. Ademais, iso fomentaría o coidado e mantemento das plantacións resinadas, polo que estas tarefas silvícolas mellorarían tamén os rendementos e calidade madeireira.

Desde un punto de vista ambiental, o resinado supón un interesante recurso ecosistémico do cal o propietario forestal pode beneficiarse economicamente mentres espera a que os pés cheguen á idade de corta.

– Os produtos naturais están a ser cada vez máis demandados. A resina, como produto natural, é un substituto doutros produtos sintéticos derivados do petróleo. Cales son os seus principais usos e que novas aplicacións podería ter?
– Pódense obter diversos produtos derivados a través do procesado da resina e os posibles usos deses produtos son múltiples: industria farmacéutica, alimentaria, cosmética, química, de papel, de pinturas, entre outras.

“A madeira estrutural é o presente e o futuro da construción sostible”

Manuel Guaita, nas instalacións que Pemade ten na Escola Politécnica de Lugo

Manuel Guaita, nas instalacións que Pemade ten na Escola Politécnica de Lugo

Nos últimos anos a madeira está a recuperar o espazo perdido nun ámbito que lle é propio, o da construción estrutural, pero no que nas últimas décadas fora perdendo protagonismo en favor de materiais como o formigón ou o aceiro.

A necesidade dunha economía verde e descarbonizada, xunto co desenvolvemento de novos produtos, materiais e solucións construtivas a partir de madeira, están a impulsar tanto os usos tradicionais (forxados, carpintarías ou cubertas) coma outros máis actuais, caso da utilización en paredes ou fachadas, por exemplo.

Este desenvolvemento actual é froito da colaboración de distintos elos, nos que están involucrados tanto o sector industrial como o investigador, un eido no que Pemade ten un importante protagonismo.

O seu director, Manuel Guaita, explícanos en qué consiste o traballo desta Plataforma investigadora para fomentar o uso da madeira con fins estruturais e para tratar de desmitificar falsas crenzas, como a que enfronta a produción de resina coa de madeira.  

– Que é PEMADE?
– A Plataforma de Enxeñería da Madeira Estrutural (PEMADE) fúndase a finais do ano 2008 integrada como plataforma tecnolóxica na Universidade de Santiago de Compostela dentro de rede de infraestruturas de apoio á investigación. Atópase situada fisicamente nas instalacións da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría, no Campus de Lugo.

O seu ámbito de traballo é a madeira estrutural, especialmente enfocado cara as madeiras locais, co obxectivo de apoiar ao sector forestal galego. Durante case unha década formou a técnicos especializados mediante a oferta do Máster de Enxeñería da Madeira Estrutural e na actualidade colabora con formación en diversas entidades a nivel nacional.

PEMADE mantense grazas aos recursos propios derivados do desenvolvemento de proxectos de I+D+i con financiamento público e da transferencia que realiza para o sector de madeira con fins estruturais. A Plataforma ofrece servizos tecnolóxicos e de investigación, a través da súa oficina técnica e do seu laboratorio de ensaios.

– Con que equipamento contan estas instalacións?
– O Laboratorio atópase acreditado por ENAC para o Sector Industrial, estando especializado en ensaios mecánicos (flexión, compresión, tracción) e admitindo estruturas de ata 10 metros de lonxitude, 3 metros de altura e 1,6 metros de anchura. Para iso dispón de catro bastidores que poden actuar de forma individual ou conxunta de tal forma que a versatilidade de ensaios e capacidade para albergar todo tipo de estruturas é ampla.

En relación co desenvolvemento e avaliación de produtos estruturais con madeira técnica, PEMADE posúe unha pequena planta de fabricación a escala de laboratorio que lle permite fabricar prototipos para o seu estudo. Esta pequena planta componse fundamentalmente de tres equipos: un para a realización de unións dentadas (finger joint), unha prensa para produtos lineais ou superficiais como a madeira laminada ou a madeira contralaminada respectivamente; e un equipo para test de delaminación que permite avaliar o encolado. Este equipamento foi vital no desenvolvemento do traballo dos últimos anos.

PEMADE prueba madera pino resinada– Qué futuro lle espera nos vindeiros anos á madeira no ámbito da construcción?
– A madeira estrutural é o presente e o futuro da construción sostible e con baixa pegada de carbono; fundamental para a mitigación e adaptación ao cambio climático. O reto agora é conseguir que gran parte da madeira que se utilice para elementos estruturais proceda de montes galegos, aumentando así o valor engadido da madeira local e evitando a importación desde Centroeuropa e as emisións xeradas polo seu transporte.

O reto é substituír a madeira estrutural que se importa de Centroeuropa por madeira dos montes galegos

Neste sentido, PEMADE traballa co sector industrial e as distintas administracións para conseguir replicar produtos estruturais como a madeira laminada ou a madeira contralaminada, pero con especies de madeira de crecemento local. Nos últimos anos traballamos neste ámbito en varios proxectos tanto coas distintas administracións públicas como co sector industrial privado.

– Cóntanos algún deses proxectos.
– Entre 2019-2021 traballouse en I+D+i para FINSA no marco da Unidade Mixta de investigación EIXO entre PEMADE-USC/FINSA, apoiada economicamente pola GAIN, coa finalidade de investigar en novos produtos en madeira; especialmente a madeira contralaminada con especies de crecemento local que na actualidade fabrica Xilonor, industria implantada en Coirós (A Coruña).

O noso ámbito de traballo está especialmente enfocado cara as madeiras locais co obxectivo de apoiar ao sector forestal galego

De forma coincidente no tempo, traballouse no LIFE EcoTimberCell, desenvolvéndose un sistema estrutural lixeiro e ecolóxico cunha mínima cantidade de madeira. Trátase de produtos compostos por listóns de madeira aserrada de diversas especies de crecemento local e taboleiro de fibras de alta densidade ecolóxico do fabricante Betanzos HB. Este proxecto acaba de chegar ao seu fin con importantes resultados: dous produtos con marcado CE, o que permite a súa utilización estrutural con total garantía e a creación da empresa Spin off (Timbersoul by Cándido Hermida) coa USC e Cándido Hermida como socios principais, para a comercialización e futura fabricación destes produtos.

– Malia ao enorme potencial, a utilización deste tipo de produtos segue a ser minoritaria hoxe en día no sector da construción. Que se pode facer para lograr un cambio de hábitos?
– Un dos aspectos nos que estamos a poñer o énfase é no da divulgación. Na actualidade estamos desenvolvendo traballos no marco do Convenio asinado entre a Axencia Galega dá Industria Forestal (XERA) e a Universidade de Santiago de Compostela para a posta en valor de especies forestais de crecemento en Galicia e promoción da madeira na construción.

Os sistemas mixtos madeira-formigón deben axudar á descarbonización do amplo mercado existente na actualidade da construción con formigón armado

Ademais, entre 2016-2022 participamos no proxecto LIFE Lugo+Biodinámico promovido polo Concello de Lugo e que supuxo un fito na construción con madeira en Galicia, coa construción do primeiro edificio con estrutura de madeira íntegra de Galicia, coa utilización de madeira laminada e madeira contralaminada de piñeiro, e cuberta lixeira de madeira laminada de eucalipto; ambas de crecemento en Galicia e con certificación forestal sostible.

Nos próximos catro anos PEMADE traballará no proxecto LIFE Wood for Future xunto coa Universidade de Granada, COSE (Confederación de Organizacións de Selvicultores de España), a Deputación de Granada e a Spin off 3edata, para a recuperación da chopeira da Vega de Granada e o desenvolvemento de produtos de madeira laminada de chopo, laminados mixtos chopo-piñeiro, e sistemas estruturais mixtos madeira-formigón para axudar á descarbonización do amplo mercado da construción con formigón armado.

Logo Acrema 660

Logos asociados grupo Acrema Proxecto financiado polo Ministerio de Agricultura, Pesca y Alimentación, no marco do Programa Nacional de Desarrollo Rural 2014-2020, cun importe de 561.719,17 euros, financiado con fondos FEADER nun 80% e AGE nun 20%.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información