A sección ‘Noticias de empresa’ inclúe informacións de actualidade empresarial, así como as notas de prensa de firmas colaboradoras.

“Galicia ten un potencial incrible para o resinado de piñeiros, agora toca asentar as bases para medrar”

Erika Martínez é coordinadora do grupo operativo Acrema, no que empresas, entidades e centros de investigación de Galicia, Asturias e Castela e León uníronse para adaptar a extracción de resina a piñeirais produtores de madeira

“Galicia ten un potencial incrible para o resinado de piñeiros, agora toca asentar as bases para medrar”

Erika Martínez, nun ensaio de microrresinación.

Cando Erika Martínez concluíu a súa formación como enxeñeira de montes, ao redor do 2016, descubriu que en Galicia se estaba retomando a resinación de piñeiros e comezou a introducirse na actividade. Aprendeu a resinar da man de José Antonio Puga, despois ampliou a súa formación en Guadalajara e enseguida viu claro que o resinado era interesante para Galicia.

A cuestión era que, desde un punto de vista técnico, a resinación seguía sendo unha actividade tradicional na que faltaba innovación e coñecemento. Por ese motivo, decidiuse a promover un grupo operativo de innovación con empresas, entidades e centros de investigación de Galicia, Asturias e Castela e León, o grupo Acrema.

O seu obxectivo principal é práctico. Os resultados do grupo oriéntanse a mellorar e adaptar as técnicas de extracción a novas zonas de actuación nas que o obxectivo principal da masa sexa o madeireiro. O proxecto inclúe ademais a transferencia do coñecemento obtido a través de formación e asesoramento técnico aos axentes do sector forestal (propietarios, técnicos, resineros, etc.).

– O resinado de piñeiros é como o Guadiana. Foi unha actividade que tivo gran peso na Península a mediados do século XX, mesmo con presenza significativa en Galicia, pero que desapareceu durante décadas. Explícanos a evolución e situación actual do resinado.
– Sobre o ano 1970, a produción de resina desaparece a nivel estatal pola entrada de novos países produtores, como China ou Brasil, e a caída de prezos da resina. Non é até o ano 2010, aproximadamente, en que volve rexurdir en distintas comunidades autónomas pola revalorización da materia prima. En Galicia, retómase o resinado ao redor do 2015, con pioneiros como José Antonio Puga, Xián Santos e Edgar Fernández, e paralelamente inícianse estudos sobre a actividade por parte do Centro de Investigación Forestal de Lourizán.

– Que evolución tivo o resinado en Galicia nos últimos anos?
– A evolución foi constante e positiva. Se no 2015 extraéronse 6.400 Kg., no 2021 chegamos xa a 140.000 Kg., cunha evolución progresiva: 19.200 Kg. no 2016, 43.000 no 2017, 57.000 no 2018, 85.000 no 2019, 80.000 kg no 2020 e 140.000 kg no 2021 segundo os datos das industrias. De 2021 aínda non temos datos pechados.

Piñeiral en resinación.

Piñeiral en resinación.

– En que zonas da comunidade se está resinando máis?
– As maiores producións corresponden á comunidade de montes de Baroña (Porto do Son) e ao monte veciñal de Pantón (Lugo). Nas provincias de Coruña e Pontevedra, hai varios montes veciñais e propietarios privados que están resinando, e tamén hai algunhas experiencias na provincia de Lugo. En Ourense, hai ademais interese dunha firma galega, Xagoaza Pinaster S.L., de Valdeorras, por instalar unha industria de transformación de resina natural.

– E noutras zonas do noroeste peninsular, como Asturias, cal é a situación?
– En Asturias, arrincamos a promoción do resinado no ano 2018, da man da Fundación Cetemas, pero polo momento é unha actividade que está moi incipiente.

– Cal é o perfil das persoas que se dedican ao resinado en Galicia?
– En Galicia o habitual é que se trate dunha actividade complementaria con outros traballos do sector primario, como poden ser servizos forestais (podas, rozas), horta, mel ou a viticultura. Podemos ter ao redor de 12-15 persoas que están resinando na actualidade, moi lonxe por exemplo de Castela e León, que rolda os 1.300 – 1.500 resineiros. Hai que pensar que alí teñen unha tradición de 200 anos de resinado e trátase dun sector consolidado.

– Fálanos da revalorización que está a experimentar a resina, que podería ser un elemento que contribuíse a atraer a máis persoas á actividade.
– Desde o ano 2010, a resina víñase pagando todos os anos ao redor de 1 – 1,10 euros / Kg., con algún ano en que baixou lixeiramente (0,95 euros /Kg-ano 2020). No último ano, os prezos subiron até un mínimo de 1,45 euros / Kg., con casos en Castela de prezos ao redor de 1,80. Houbo un forte incremento de prezo, relacionado co encarecemento das resinas sintéticas, e detectouse tamén un aumento da demanda farmacolóxica de resinas.

A resina pasou de prezos que rondaban 1 euro / Kg. a 1,45-1,80 euros. Ese prezo non se manterá, pero probablemente quede por riba do que se viña pagando antes

O prezo actual é atractivo para o resinado, pero hai que ser conscientes de que non se vai manter. Probablemente os prezos futuros estean por riba do que se viña pagando nos últimos anos (1 – 1,10 euros / Kg.), pero por baixo das cifras actuais de 1,45 – 1,80.

Mentres non consigamos en monte unha resina de maior valor engadido, con factores diferenciais constatados, e que xere interese por parte de industrias de sectores como o cosmético, o farmacolóxico ou o alimentario, o resinado depende dos prezos actuais que veñen marcando as destilerías, sen que o resineiro teña un coñecemento claro do valor de mercado da súa produción.

Ensaio de microrresinado dun piñeiro.

Ensaio de microrresinado dun piñeiro.

– Un dos aspectos que estades a investigar é a obtención dunha resina de maior calidade. Que métodos estades a utilizar para iso?
– En España, o resinado tradicional realizábase co método de pica sobre corteza, que é un sistema manual e o que até a data proporcionou maiores producións. No 2014-2015 comézanse a probar en Francia métodos de pica mecanizados, con taladro e fresa, e coa recollida da resina nunha bolsa pechada, en lugar de nun bote aberto. Sobre este método desenvolvéronse melloras e é o que estamos a probar no grupo operativo Acrema, xa que se obtén unha resina de maior calidade, con máis aguarrás, e elimínanse os materiais impropios que adoitan caer nos botes abertos.

O método de pica mecanizada, con recollida de resina nunha bolsa pechada, pode mellorar a calidade do produto e permitirlle máis calidade de vida ó resineiro

Con este método, o obxectivo é lograr unha resina que obteña maior prezo no mercado e un método de extracción que permitiría maior calidade de vida para o resineiro. O seu hándicap até o momento é que se obteñen menores rendementos que co método de pica sobre casca e hai que ter en conta tamén cuestións técnicas, como a necesidade de baterías suficientes para unha xornada laboral co taladro en monte.

“Temos un problema común con todo o sector primario: como facer atractiva esta actividade para as persoas novas”

Erika Martínez

Erika Martínez

– Explícanos os obxectivos do Grupo operativo Acrema, do que es coordinadora.
– O Grupo Operativo Acrema nace no 2018 polos hándicaps que atopamos en Galicia e Asturias para o desenvolvemento do resinado. En primeiro lugar, había e hai unha desconfianza por parte dos serradoiros, propietarios e madeiristas sobre se o resinado ía afectar á calidade estrutural da madeira.

En segundo lugar, descoñecíase tamén se os piñeiros resinados podían ter algunha afectación adicional a nivel de sanidade forestal. Por exemplo, en Galicia non se está permitindo resinar en zonas afectadas ou zonas tampón da praga do nematodo de piñeiro, cando en Portugal o resinado mantense en zonas afectadas pola praga.

Os ensaios que desenvolve o grupo darán respostas a algunhas das inquietudes do sector, como o impacto do resinado na calidade da madeira ou na sanidade forestal

En definitiva, necesitamos respostas. Hai que definir o método de extracción de resina para o noroeste peninsular e adaptalo ás condicións orográficas e climáticas da zona. En Galicia e Asturias, a diferenza de Castela, a madeira é a produción principal do monte e o resinado ten que respectar esa produción principal.

Toda esta información que obteñamos ímola transferir ao propietario e ao profesional que se queira iniciar neste sector. Imos desenvolver unha aplicación web que informará do potencial produtivo en resina de calquera monte que estea en Galicia, Asturias ou Castela e León.

Outro aspecto no que estamos a traballar é en cuantificar as externalidades ambientais positivas da actividade do resinado. O resineiro achega un traballo de prevención de incendios que non se está pagando. A resina natural é ademais un substituto doutros produtos sintéticos derivados do petróleo, cunha maior pegada de carbono.

– Podes avanzarnos algúns dos resultados que xa obtivestes das vosas investigacións?
– Os resultados finais do proxecto terémolos no 2023, polo momento temos resultados intermedios.

Nos ensaios de campo comparamos distintos métodos de extracción. Probamos a pica tradicional de cortiza fronte a métodos mecanizados, como a entalladura circular superficial, sen penetrar en madeira e recollida da resina en bolsa.

Tamén probamos outro método mecanizado, o Borehole en altura, que non só chega ás canles resiníferas máis exteriores, senón que si penetra en madeira, polo que o seu uso restrínxese a árbores que se vaian destinar a triturado. A vantaxe do método Borehole é que ao extraer resina tamén da madeira, a produción chégase a duplicar ou a triplicar.

Nas probas que realizamos, o método mecanizado, con entalladura circular, produce lixeiramente menos que a pica tradicional, pero é un método que non está definido ao 100% e que estamos a tratar de mellorar. Outro aspecto que queremos mellorar son os apliques da entalladura circular.

A pasta estimulante con mellores resultados é unha pasta natural a base de ácido salicílico que ten patentada o Centro de Investigación Forestal de Lourizán

Estamos a traballar con distintas pastas estimulantes e comprobamos que a que máis producións xera é unha pasta elaborada en base a ácido salicílico, patentada polo Centro de Investigación Forestal de Lourizán, que é a que mellor funciona en zonas con maior humidade.

En resumo, cos ensaios buscamos comparar producións en función de factores como os métodos de extracción, pastas estimulantes, rexión ou especies de piñeiro. A maiores, determinaremos como afecta o resinado á calidade da madeira e se ten algún impacto na sanidade forestal das masas. Outra cuestión que nos interesa é analizar a calidade da resina obtida, de cara a ver se é posible a súa aplicación en usos que xeren maior valor.

– Que perspectivas lle ves ao resinado en Galicia?
– O resinado ten boas perspectivas a nivel estatal e en novas zonas de actuación, como Galicia e Asturias, onde temos un potencial incrible en canto a superficie de piñeiro que podemos destinar a este aproveitamento. Iso permitiría complementar a rendibilidade das masas.

Os primeiros datos de produción en Galicia mostran bos rendementos por pé, mellor dos que esperabamos. A actividade é rendible e agora toca ver como asentar as bases para crecer neste sector. As perspectivas son boas e o mercado de produtos naturais, como é a resina, vai a máis.

– Unha dificultade é atraer a persoas ao traballo de resinado, convertelo nunha actividade atractiva?
– O problema é do sector primario no seu conxunto, non só do resinado. Como facelo atractivo para que persoas novas se queiran incorporar. Esa é a cuestión. En realidade, non é un traballo que sexa fisicamente moi esixente, como poden ser algúns traballos forestais, e moito menos se se realiza con métodos mecanizados.

É un traballo que basicamente consiste en ir polo monte cun taladro, facer un buraco no piñeiro e colocar unha bolsa. Na recollida, trátase de recoller bolsas que pesan 1 Kg, é un traballo que ten o atractivo do aire libre e que non require unha gran esixencia física. Creo que pode xerar interese.

Sobre o grupo operativo Acrema

Imaxe das persoas participantes nunha reunión do grupo operativo.

Imaxe das persoas participantes nunha reunión do grupo operativo.

O grupo operativo Acrema, conta como socios principais coa empresa de consultoría ambiental Sinergias Sostenibles Resiforest S.L. (FORESIN), o Centro de Investigación Forestal de Lourizán (AGACAL), a Misión Biolóxica de Galicia (CSIC), a empresa Rincón de la Vega SAL (Coca, Segovia) -unha das firmas cooperativas de maior tradición resineira a nivel estatal-; a Fundación Centro Tecnológico y Forestal de la Madera (Cetemas, Asturias) e a Universidade de Santiago (grupos Pemade e Proepla).

Como socios colaboradores, están tamén a Asociación Nacional para la Defensa y Vertebración del Sector Resinero, a Federación de Serradoiros e Rematantes de Galicia (Fearmaga), a Asociación Asturiana de Empresarios de la Madera (Asmadera) e a empresa Sociedad de Resinas Naturales SL.

Logo Acrema 660

Logos asociados grupo Acrema

Proxecto financiado polo Ministerio de Agricultura, Pesca y Alimentación, no marco do Programa Nacional de Desarrollo Rural 2014-2020, cun importe de 561.719,17 euros, financiado con fondos FEADER nun 80% e AGE nun 20%.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información