Mabegondo incorporará unha vintena de variedades autóctonas de hortalizas e cereais ó seu Banco de Xermoplasma

O Centro de Investigacións Agrarias ten xa rexistradas 70 variedades comerciais e de conservación en cultivos como maceiras, pereiras, millo, trigo ou produtos da horta

Publicidade
Mabegondo incorporará unha vintena de variedades autóctonas de hortalizas e cereais ó seu Banco de Xermoplasma

Invernadoiro con ensaios de pementos no Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo. / Arquivo.

O Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo (CIAM) ten rexistradas case 70 variedades comerciais e de conservación dos principais cultivos de Galicia na Oficina Española de Variedades Vexetais (OEVV). A estas variedades, conservadas no Banco de Xermoplasma, sumaránselle unha vintena de variedades máis, con xenética maioritariamente autóctona galega, que están en proceso de resistro.

Cultivos rexistrados
Entre as variedades que rexistrou o CIAM destacan, por volume, as froiteiras, cun total de 24 tipos de maceiras rexistradas e 18 de pereiras. No primeiro dos grupos inclúense as mazás Camoesa do Inverno, Castaña e Marafonsa, así como distintas clases de Repinaldos, Peros, Tres ou Tabardillas. Mentres, no segundo están as peras Negras de Inverno, as Cabazas, as Santiaguesas, as Sevillanas ou distintos tipos de Manteca.

Canto ás especies de horta, están rexistradas xa un total de 17 variedades conservadas no Banco de Xermoplasma do CIAM, entre as que resaltan os pementos de Padrón, do Couto, de Mougán, de Oímbra ou da Arnoia, así como os recentemente incorporados Couto grande e Piñeira. Neste grupo encóntrase tamén o tomate Negro de Santiago, o repolo de Betanzos e as cebolas de Betanzos, Ribadeo e Vilagarcía.

Solicitudes
Así mesmo, outras 22 variedades de horta están co procedemento de inscrición iniciado, téndose solicitado xa a inclusión de, por exemplo, os pementos de Guindilla da Angustia e Ourense Verde, o chícharo da Cova ou as leitugas de Feáns, Lugo e Miño. Tamén a dos tomates de Avoa de Osedo, Olimpia Ourense, San Lázaro ou Taller de Lubre. Mentres, están pendentes de solicitude por atoparse en ensaio o pemento de Seixalbo ou os tomates Amadeo Monforte, Convento ou de Corno.

A maiores, o Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo ten rexistradas catro variedades de forraxes -o dactilo Artabro, o trevo Maragato e os raigrases Ciami e Pomba-, dúas variedades autóctonas de trigo -a Callobre e a Caaveiro-, e outras tres de millo -as Amurrio CIAM, Ponteareas e Aranga-, mentres outras tres deste tipo de gramínea están co procedemento iniciado. Neste último caso, rexistrouse tamén un cruzamento de liñas puras procedentes de xermoplasma de Galicia por liñas americanas, así como varios híbridos de millo con material de orixe galega cultivados por agricultores da comunidade.

Cómpre lembrar que a inclusión dos cultivos na Oficina Española de Variedades Vexetais pode levarse a cabo como variedade comercial ou de conservación. Así, o rexistro de variedades comerciais consta, ademais da tramitación administrativa, dunha fase de realización de ensaios oficiais de identificación. No caso das variedades de conservación, a solicitude de inscrición pode promoverse para protexer cultivos en risco de desaparecer pola súa composición xenética e cando a súa procedencia está perfectamente identificada.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información