A gran industria láctea anunciada para Teixeiro (Curtis, A Coruña), que previsiblemente entrará en funcionamento no 2019, ten detrás como industria matriz do proxecto a Liasa (Lácteos Industriales Agrupados), unha firma de Guadalajara que exporta para 30 países. Liasa, xunto con ex-directivos de Senoble Ibérica, constituiu este ano a sociedade Goodleit, promotora do proxecto de Teixeiro.
A actividade actual de Liasa céntrase no sector profesional de Horeca (Hostelería e Restauración), pastelería e xeadería industrial. Os seus produtos principais, comercializados baixo a marca Ken, son natas, manteiga, preparados para postres e leite ecolóxico.
A actividade actual de Liasa céntrase na produción de natas, manteiga, preparados para postres e leite ecolóxico
A firma, que naceu no 1967, conta cunha planta de máis de 10.000 metros cadrados en Alovera (Guadalajara), está consolidada no mercado estatal e na última década iniciou unha forte expansión internacional. Liasa está a exportar actualmente para uns 30 países de Europa, Asia, África e América e dispón de delegacións internacionais en Roma e en Hungría.
O proxecto que a sociedade Goodleit deseñou para Teixeiro beneficiarase en teoría dos mercados internacionais que xa ten abertos Liasa, pois a idea da compañía é producir ingredientes para a industria agroalimentaria internacional.
A planta da localidade coruñesa, que, segundo o anunciado, iniciará a súa construcción a comezos do 2017, adicarase á separación e secado dos diferentes compoñentes do leite, tales como proteínas, para ser usados como ingredientes funcionais e nutricionais de alto valor engadido en produtos nutricionais, dietéticos, de alimentación infantil, deportiva e clínica.
Asaja fala de “iniciativa histórica”. Unións e SLG temen que todo quede nunha “milonga electoral”
Valoracións do sector
O anuncio do proxecto de Teixeiro, feito público esta semana pola Xunta de Galicia, é ben recibido polo sector gandeiro, aínda que con reticencias por coincidir co periodo electoral. Asaja fala dunha “iniciativa histórica”, en tanto que desde Unións Agrarias e desde o Sindicato Labrego Galego (SLG) hai temor a que todo quede nunha “milonga electoral”, en palabras de Xabier Gómez (SLG), que cuestiona a ausencia de proxectos serios para o lácteo nos últimos 8 anos.
Por parte da Asociación Galega de Cooperativas Agroalimentarias (Agaca), o seu director, Higinio Mougán, incidiu en declaracións ós medios na importancia de aumentar a transformación industrial do leite en Galicia: “Actualmente o 30% do leite galego transfórmase fóra da comunidade, así que este proxecto é benvido”, valorou.
O secretario xeral de Unións Agrarias, Roberto García, pola súa banda, manifesta dúbidas sobre a solvencia financieira do proxecto e sobre a súa dimensión: “A sociedade Goodleit, que supostamente vai construír a planta de Teixeiro, ten un capital social de 3.000 euros e fálase dun investimento de 70 millóns de euros”, cuestiona.
“Doutro lado, parécenos ben que veñan industrias que elaboren produtos de alto valor engadido, pero que se cheguen a procesar 400.000 toneladas ano para este tipo de produtos semella complicado. É máis do que destina a principal industria recolledora en Galicia, Lactalis, a leite líquido UHT” -compara García-. “A principal preocupación que temos, con todo, é que haxa gandeiros para o 2019, cando din que vai entrar en funcionamento esa planta”.
Inicio de accións contra Lactalis
Unións Agrarias anuncia o inicio de accións contra Lactalis polos distintos frentes que ten abertos o sector coa industria gala, que recolle arredor do 20% do leite da comunidade. O descontento dos gandeiros plasmarase nunha campaña de boicot ós produtos da firma francesa: “Buscaremos a complicidade dos consumidores”, sinala o secretario xeral de Unións, que resume en tres puntos as reivindicacións do sector:
– Prezos do leite similares ós que Lactalis pactou en Francia. A industria gala está a pagar este verán en Galicia o leite a menos de 26 céntimos de media, segundo as estimacións do sector. En Francia, vén de pechar un acordo para pagalo desde agosto a decembro a unha media de 29 céntimos.
– Retirada dos contratos actuais de Lactalis, que marcan unha tendencia á baixa dos prezos. Unións pediu que actúe o Ministerio de Agricultura, por considerar que estes contratos teñen un sistema de indexación de prezos ilegal.
– Débeda de 2 millóns de euros cos gandeiros. Unións anuncia unha denuncia penal contra Lactalis por reter indebidamente uns 2 millóns de euros que as cadeas de distribución lle terían pagado a maiores desde xaneiro do 2016 coa encomenda de trasladarlle eses cartos ó sector produtor.