A empresa Leche Río comunicoulle onte a unha vintena de explotacións que lles deixaba de recoller o leite desde ese intre. A decisión da industria, que lle foi trasladada ós produtores sen ningún preaviso, obrigou xa a parte das explotacións a ter que tirar o leite das últimas muxiduras, como se pode apreciar no vídeo que acompaña esta nova. Ante esta situación, Unións Agrarias anunciou que lle esixirá a Leche Río compensacións por danos e perxuízos, xa que os gandeiros afectados tiñan contrato en vigor coa empresa.
Desde Leche Río xustifícase a cancelación da recollida dunha vintena de produtores en que non estaban a cumprir cos parámetros de calidade do leite, en concreto cos niveis de graxa, para os que a empresa pedía un mínimo de 3,50. “É un problema que xa se lles advertira a estas e a outras explotacións ó longo do mes. Había produtores que estaban entregando leite co 2,80 de graxa”, sinalan desde Leche Río.
A empresa indica que o leite enteiro envasado debe ter un mínimo do 3,50 de graxa, polo que comezou a esixir que as explotacións cumpriran con ese mínimo. Parte dos produtores xa se adaptaran a esa petición e aqueles que non o fixeron encontráronse onte con que Leche Río, sen ningún preaviso, lles cancelaba a recollida. A propia empresa recoñece que a decisión de deixar a eses gandeiros se adoptou onte por parte da dirección, que corre a cargo de Jesús Lence.
A saída da industria deixa a este grupo de gandeiros, de zonas como Teixeiro ou a Terra Cha, sen ningún comprador para o leite, polo que están a buscar solucións a contrarreloxo. Entre tanto, non lles queda outra que tirar o leite que recollen en cada muxidura. Ante este escenario, Unións Agrarias anunciou en nota de prensa que lle esixirá a Leche Río compensacións por danos e perxuízos. “O xeito de actuación de Jesús Lence supera tódalas liñas vermellas da legalidade e da moralidade, posto que os produtores afectados tiñan contrato en vixencia con Leche Río”, critican desde Unións.
Grupo de traballo
A organización insta tamén á Consellería de Medio Rural a convocar unha reunión do grupo de traballo do sector lácteo, constituido recentemente entre a propia Administración, cooperativas e organizacións agrarias para abordar incidencias como esta. Unións cuestiona o que entende como “inoperancia” da Consellería ante os reiterados problemas que se están rexistrando a pé de granxa tanto para garantir a recollida como para manter uns prezos de mercado razonables.
ACTUALIZACIÓN
– Convocada unha concentración en Teixeiro (Curtis) en solidariedade cos afectados polo abandono de Río
Cago no carallo de dios! Os nenos desmaiándose coa fame, e os outros botando o leite. O que teñen que facer os labregos e formar cooperativas, e que leven os demos ás grandes multinacionais.