A esperada remodelación do Goberno galego deparou sorpresas, pois os cambios derivados da concurrencia de conselleiros ás próximas eleccións municipais do 2019 afectan á Consellería do Medio Rural. A ata agora conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, pasa a dirixir a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, que deixa Beatriz Mato tras facer oficial que optará á alcaldía da Coruña.
En sustitución de Ángeles Vázquez, é nomeado conselleiro José González Vázquez, ata agora deputado do PP no Parlamento galego e voceiro do grupo popular na Cámara en temas de agricultura.
Perfil
Este é o perfil do novo conselleiro que está a difundir a Xunta a través de nota de prensa:
José González Vázquez naceu en Ourense en 1970. É licenciado en Dereito pola Universidade de Santiago de Compostela. En 1997, ingresou no corpo superior de inspectores de Facenda do Estado, especializado en inspección financeira e tributaria e aduanas e impostos especiais. Así mesmo, foi vocal nato do comité e do pleno do Consorcio da Zona Franca de Vigo desde 2009 a 2014; e representante da aduana española en diferentes comités de reforma do código aduaneiro comunitario en 2009. Ademais de membro de diferentes comisións da Autoridade Portuaria de Vigo para a coordinación dos controis do comercio exterior; profesor asociado do departamento de Dereito Financeiro, na Universidade de Vigo, desde 2002 a 2006; é docente especialista en materia de imposto sobre o valor engadido e comercio exterior e en contabilización de impostos.
Desde 2016, José González Vázquez é deputado no Parlamento de Galicia, onde desempeñou funcións como: voceiro de Medio Rural do grupo parlamentario popular; membro da Comisión 7ª, Agricultura, Alimentación, Gandería e Montes; membro da Comisión 3ª, Economía, Facenda e Orzamentos; vicepresidente da Comisión Permanente non lexislativa para as relacións co Consello de Contas e membro da Comisión Especial de estudo e análise das reformas da política forestal, de prevención e extinción de incendios forestais e do Plan forestal de Galicia.