Inician, entre críticas dos veciños, 3 novas zonas de concentración parcelaria en Agolada

Avalíanse as zonas de Agra-O Sexo-Val de Sangorza, A Baíña-Berredo-Órrea e Basadre-Eidián-Ramil, con arredor de 1.500 hectáreas implicadas en cada un dos casos. Os veciños levaban anos reclamando a súa reactivación

Inician, entre críticas dos veciños, 3 novas zonas de concentración parcelaria en Agolada

Inician entre críticas 3 novas zonas de concentración parcelaria en Agolada

A directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Inés Santé, anunciou este luns o inicio da tramitación para a avaliación previa das zonas de concentración parcelaria de Agra-O Sexo-Val de Sangorza, A Baíña-Berredo-Órrea e Basadre-Eidián-Ramil, no concello pontevedrés de Agolada.  Supoñen rredor de 1.500 hectáreas implicadas en cada un dos casos para o beneficio dun total de 122 explotacións. Foi nunha reunión que mantivo con veciños interesados en seguir apostando por esta fórmula de reorganización da propiedade.

Así, a directora xeral sinalou que xa está publicada na web da Oficina Virtual do Medio Rural a consulta pública inicial de cara á posible execución destas zonas, co obxecto de que as persoas involucradas poidan presentar alegacións deica o próximo 6 de marzo. En concreto, no apartado Consultas públicas poderanse atopar os documentos de consulta do cumprimento dos obxectivos xerais e os planos relativos a estes procesos.

Anos paralizado e reclamando a súa activación

O proceso de concentración parcelaria en Agra, Sexo, A Baíña, Val de Sangorza, Berredo, Eidián, Basadre e Ramil xa se iniciara no 2002 e quedara paralizado no 2010 por falta de fondos. De feito, a reactivación destes procesos leva reclamándose dende o 2018 pola plataforma veciñal Queremos Parcelarias, que non foi convocada a esta reunión. Agora engádese a este proceso a parroquia de Órrea.

Na Agolada xa se remataron 13 zonas de reestruturación parcelaria, cunha superficie concentrada que acada as 5.323 hectáreas, afectando a 19.605 parcelas e a 4.876 predios resultantes de 2.121 persoas propietarias. Algúns destes procesos chegaron a dilatarse máis de 25 anos.

Excluir a Brocos e Sesto

Mentres, veciños das parroquias de Brocos e Sesto acusan á Xunta nun comunicado de “abandonalos” ó excluílos dos novos procesos de reestruturación parcelaria que anunciaron que se van acometer en Agolada e que consideran de gran interese para loitar contra o despoboamento destas zonas. Acusan á directora xeral de Medio Rural de expoñer “datos falsos” para apoiar a negativa da Xunta a facer as concentracións nestas 2 parroquias. Concretamente, sinalan que existen máis explotacións agrarias das que citou a directora xeral. Os veciños sinalan que a realidade multiplica por cinco en cada unha das 2 parroquias os datos que manexa Medio Rural.

Ademais, recordan que nestas zonas existe un desexo manifesto de toda a veciñanza a prol da realización da reestruturación parcelaria. No seu momento asinaron a solicitude o 100% das explotacións agrarias existentes e o 98% da veciñanza das parroquias. “Con tal unanimidade na reclamación de que se nos faga a Parcelaria non deberían existir escusas para non acometelas e deixarnos á marxe do proceso”, reclaman.

Tamén reprochan que o alcalde de Agolada non asistira á xuntanza cos representantes da Xunta para defender os intereses dos veciños.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información