A Xunta avanza nos traballos de levantamento topográfico e obtención dos planos parcelarios, así como da preparación das bases e do plan de ordenación de predios de especial vocación agraria, da concentración parcelaria de Goiás-Xaxán-A Veiga, no concello pontevedrés de Lalín. O orzamento para estes labores supera os 487.000 euros, nun proceso de reestruturación que abrangue unha superficie de 2.589 hectáreas, distribuídas en 8.084 parcelas de 1.207 propietarios.
A definición do parcelario suporá a correcta delimitación cartográfica da totalidade das parcelas, a rede hidrográfica, as construcións, a rede viaria e os elementos topográficos singulares, así como a delimitación do perímetro definitivo da zona de reestruturación. En canto á investigación da propiedade, consiste na recollida dos datos persoais dos propietarios, así como na recollida da documentación acreditativa do dominio das parcelas a favor de quen as posúa en concepto de donos e a das súas posibles cargas ou gravames.
Parcelarias en Lalín
Dentro do concello lalinense, oito parcelarias están mobilizando actualmente máis de 9.700 hectáreas de superficie. Trátase dos procesos de Cristimil, Val-Bermés-Sello, Santa Baia de Losón; Vilatuxe; Cercio; Noceda-Bendoiro-Anzo-Madriñán-Busto e Galegos, ademais deste de Goiás-Xaxán-A Veiga. Nestas reestruturacións, a Consellería do Medio Rural leva investidos máis de 19 millóns de euros.