“O gando é o mellor sistema de prevención de incendios”

Falamos con Marcos Ferreira, enxeñeiro de montes responsable da parte técnica dun proxecto pioneiro que pretende convertir os cortalumes típicos en faixas de pastoreo

marcosFerreira1Marcos Ferreira, enxeñeiro de montes, traballa nun modelo de recuperación de faixas de pastoreo en Montes do Courel e Pobra do Brollón como “ferramenta viable e sostible, fronte aos cortalumes tradicionais que, neste novo tipo de incendios, non funcionan e implican unha gran inversión en mantemento. “Aumentar os pastizais é moito máis viable que desbrozar cada ano”, valora. Coñecemos nesta entrevista en que consiste a súa iniciativa que presentou recentemente na Pobra do Brollón nunha xornada organizada pola Sociedade Galega de Pastos e Forraxes. 

Como xurdiu este proxecto e en que fase se atopa agora?
O punto de partida foi o incendio de xullo de 2022 que foi moi distinto dos incendios clásicos. Os especialistas insisten en que este novo tipo de incendios serán máis frecuentes. Demostrouse que os cortalumes clásicos non funcionaron nada, o lume saltounos como se non existiran. Entón pensamos que había que enfocalo doutro xeito, non só facelos máis anchos, senón doutro xeito.

A proposta consiste en facer unha pista central nos actuais cortalumes, e mínimo 50 metros a cada lado da pista de pastizal. Así serán máis anchos e resistentes ao lume.

Agora mesmo estamos negociando coa Administración xa que moitas comunidades de montes non queren comezar a transformar os seus cortalumes ata que a Xunta non aclare como se vai implicar neste proxecto. As negociación están avanzando pero ainda non sabemos o grao de implicación da Administración Pública e os requisitos esixidos. Durante un tempo invertimos moita enerxía e medios en facer chegar o noso modelo ás comunidades de montes pero agora mesmo preferimos focalizar en levalo a cabo para que sexa unha realidade tanxible e non só un proxecto teórico. As Comunidades de Montes de Froxán e Vilamor están convencidas de levalo a cabo e temos outras dúas Comunidades de Montes que se queren implicar tamén pero precisan máis información para facelo. O que decida a Xunta vai ser clave.

 “O incendio saltou os cortalumes como se non existiran”

Que beneficios e problemáticas presentan estas faixas de pastoreo?
Os beneficios son varios: A paisaxe melloraría, pois o impacto visual non é o mesmo. Como cortalumes serían moito máis eficaces e implicaría a creación de emprego e fixación de poboación no rural, pois unha persoa (e quizáis a súa familia) se mudarían á zona para traballar de pastor. Así combatemos algúns dos principais problemas do rural e facilitador dos incendios, a falta de poboación e de actividade económica.

Hai varias dificultades: o investimento inicial. Os cortalumes tamén o tiveron pero xa está feito. O investimento é forte, centos de miles de euros. Nós estamos en contacto coa Xunta para intentar que o asuman eles.

Outra das dificultades é a cuestión de permisos e autorizacións. Este cambio de pinar e freixeiras (uces) a pastos é un trámite longo co seu custe que non implica a aprobación.

O terceiro problema que hai que resolver é quen vai xestionar os pastizais. Hai varias solucións posibles. Poden ser os gandeiros desa zona, hai que ver se lles interesa e en que condicións. Outra opción sería que viñera un gandeiro de fóra. No noso caso, en Froxán e Vilamor, xa temos un empresario interesado en invertir, incluso pagando aluguer polas terras. Outra opción sería a explotación directa por parte das comunidades de montes, como o caso de MVMC de Pinzás (Tomiño), onde recuperaron a actividade gandeira con vacas cachenas.

Houbo unha reunión coa consellería para ver se é viable financialo desde a Adminstración e en que condicións. Iso vai ter implicacións nas comunidades de montes, que están á espera de ter máis información para tomar unha decisión.

Que requisitos deben cumprir as faixas de pastoreo?
Teñen que ser zonas mecanizables, é prácticamente imprescindible, porque hai que facer uns traballos de acondicionamento que se non son mecanizables o prezo dispárase.

Como estaba o monte e os cortalumes no incendio do 2022 ? Que se está facendo agora mesmo?
A situación non era homoxénea pero en xeral os cortalumes estaban máis ou menos limpos, non estaban abandoados. estaban relativamente coidados. O monte igual. Había zona baixa de uces, zonas rasas, é a vexetación que hai aí. Moitos piñeirais tamén… había bastantes con pouco mantemento. Non podemos dicir que o problema era o abandono. Piñeirais limpos arderon enteiros. Agora mesmo o único que se está facendo é retirar a madeira queimada. Está levando moito máis do que imaxibamos todos.

 “Non podemos dicir que o problema era o abandono. Piñeirais limpos arderon enteiros”

A idea é recuperar un pouco o traballo tradicional que xa viña facendo o gando no monte, que en moitas zonas se está perdendo?
Si, totalmente. Na prevención de incendios, o gando e os gandeiros teñen que ter un papel fundamental, tanto nas faixas como arredor das aldeas, é un pouco o tema da aldea modelo da Xunta. Recuperar gando que paza nos terreos arredor das aldeas. Recuperar cabras, ovellas, vacas… é básico na prevención de incendios.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información