As granxas deberán contar cun plan de benestar animal elaborado polo seu veterinario

A medida inclúese no proxecto dun Real Decreto sobre controis oficiais en materia de benestar animal. O borrador permanece en consulta pública ata o 13 de xullo

As granxas deberán contar cun plan de benestar animal elaborado polo seu veterinario

O Ministerio de Agricultura ten previsto aprobar ao longo do 2022 un Real Decreto sobre controis oficiais en materia de benestar animal. A medida enmárcase nos compromisos que lle requeriu a Comisión Europea a España para o Plan Estratéxico Nacional da PAC. Unha das principais novidades que introducirá a normativa é a obriga para tódalas granxas de contar cun plan de benestar animal, que ata agora só se esixía no caso do porcino intensivo e da avicultura.

Así, en vacún, unha vez que se aprobe o Real Decreto, os prazos que se estipulan para que as granxas se doten dun plan de benestar animal é o seguinte:

– Explotacións de máis de 850 unidades de gando maior (UGM): 1 ano.

– Granxas de 150 a 850 UGM: 2 anos.

– Ganderías de 21 a 150 UGM: 3 anos.

– Desde 3 unidades de gando maior (UGM) ata 20 UGM: 4 anos.

En ovino e caprino aplícanse prazos e baremos similares de UGM, se ben en principio, segundo se deduce do borrador, quedarían excluídas da obriga de ter un plan de benestar as ganderías de menos de 10 cabras maiores de 12 meses ou de menos de 30 ovellas maiores de 12 meses.

O plan de benestar animal terá que estar elaborado polo veterinario de explotación, que será o encargado de asesorar e informar ó propietario sobre as obrigas e requisitos da normativa vixente. O titular da explotación será o responsable de que se dispoña de dito Plan e de que se manteña actualizado, así como de que as persoas traballadoras da granxa o coñezan.

Mesa de coordinación e Centro de referencia
O novo real decreto establece a creación dunha mesa nacional de coordinación sobre protección dos animais, a fin de que haxa un axeitado intercambio de información entre as autoridades responsables. Igual que noutros países, tamén se elixirá un Centro de Referencia de Benestar Animal para dar apoio científico ó Ministerio. En principio, ese Centro será o Instituto de Investigación e Tecnoloxía Agroalimentaria de Cataluña (IRTA).

Porcino
En canto a modificacións da normativa sobre benestar animal para as granxas, o proxecto de Real Decreto afonda principalmente no caso do porcino, un sector no que se introducen cambios específicos. Prohibirase por exemplo o corte da cola dos animais con carácter rutinario, se ben permitirase un corte parcial das colas sempre que sexa recomendado polo veterinario da explotación de xeito xustificado.

Tanto o raboteo como a reducción das puntas dos dentes dos leitóns só se autorizarán cando se demostren lesións nas tetillas das porcas ou nas orellas ou rabos doutros porcos durante o último ano, Este tipo de lesións terá que documentarse ben en controis no matadeiro ou con outro tipo de probas documentais.

A nova normativa esixirá no porcino tamén melloras en comedeiros e bebedeiros, o control dos gases ambientais e unha diminución da densidade gandeira.

Pódese consultar online o borrador do proxecto e tamén participar na consulta pública aberta polo Ministerio de Agricultura ata o 13 de xullo.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información