Avanzan as demandas dos gandeiros para reclamarlle 1500 millóns de euros ás industrias lácteas

Avanzan as demandas dos gandeiros para reclamarlle 1500 millóns de euros ás industrias lácteas

Unións Agrarias-UPA compareceu este xoves na Audiencia Nacional no marco dunhas das demandas interpostas contra o chamado “cártel do leite”, un presunto acordo entre boa parte das industrias lácteas por pactar prezos á baixa no campo entre os anos 2000 e 2013..

A esta demanda da man de Unións Agrarias, xa se teñen sumado máis de 7.000 ganderías que reclaman ás industrias uns 1.500 millóns de euros, máis intereses.

Unións Agrarias volveu condenar hoxe “a actitude máis que cuestionable das industrias lácteas” e incidiu na importancia de conseguir “que ese comportamento ilícito, que nada ten que ver co que amosan outras industrias da cadea agroalimentaria, quede acreditado”.

Neste sentido, dende a organización agraria denuncian que “logo de teren sido sancionadas pola Comisión Nacional dos Mercados e da Competencia por pactar prezos á baixa para o leite entre 2000 e 2013, as industrias teñen seguido incorrendo no mesmo tipo de prácticas, reducindo tarifas sen xustificación de mercado e, recentemente, tentando tumbar cun contencioso no Tribunal Supremo a prohibición de compra a perdas introducida na Lei
de Cadea”.

“O pacto ilícito do Cártel do Leite provocou un empobrecemento de 2.600 millóns de euros para as ganderías; uns cartos que quedaron no peto das industrias e que agora queremos que devolvan ao sector produtor”, subliñan dende Unións.

As ganderías galegas reclaman 1050 millóns de euros

No que respecta ás cifras galegas, a Galicia pertencen máis de 5.000 das 7.000 ganderías que teñen canalizado a súa reclamación a través de Unións Agrarias e Eskariam (a empresa de servizos xurídicos coa que colabora a organización); que suman unha reclamación total de 800 millóns de euros aos que habería que sumar outros 250 correspondentes aos intereses de demora acumulados.

O secretario xeral da organización, Roberto García, aproveitou a ocasión para “facer un chamamento ao entendemento e consensuar un acordo que devolva aos afectados o que lles corresponde e evite o gasto de tempo e recursos que os procedementos xudiciais implican para todas as partes”.

Na mesma liña lembrou que o prazo para sumarse á reclamación ao cártel aínda segue aberto, polo que o número de ganderías que opten por esta vía podería seguir medrando nos vindeiros meses.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información