Gandería Pumar de Buxán: Un referente de manexo en vacún de leite

A gandería Pumar de Buxán, no concello coruñés de Val do Dubra, é un referente en bo manexo do gando, unha das claves da súa rendibilidade, xunto á boa calidades das forraxes. Coñecemos como traballan

Gandería Pumar de Buxán: Un referente de manexo en vacún de leite

Rosario, Toni e Antonio na súa gandería

Lograr a máxima rendibilidade da gandería reducindo o coste de producir un litro de leite, e iso en base a un óptimo manexo e unha boa calidades das forraxes. Esta é a máxima que segue dende hai case 40 anos a gandería Pumar de Buxán, situada da parroquia homónima do concello coruñés de Val do Dubra.

Moxen 60 vacas que permiten crear catro postos de traballo: os dous dos seus propietarios, o matrimonio formado por Antonio Pumar García e a súa dona Rosario, o seu fillo Toni, recentemente incorporado á explotación, e unha asalariada externa, Vanessa, que traballa nas labores de muxido.

A historia desta gandería, que durante anos se situou nos primeiros postos de Galicia en nivel xenético, ven marcada pola constancia no traballo e tamén polo azar. “Eu estudei en Santiago unha formación profesional na rama mecánica, e no ano 1982 os meus pais propuxéronme facerme cargo da gandería familiar, que aceptei sempre e cando se cambiaran moitas cousas na explotación”, conta.

E é que a granxa da que partía eran 6 vacas de cruce, que cambiaron coa adquisición de 5 vacas Holstein e varias becerras, o xérmolo da actual cabana gandeira. Un punto de inflexión para esta gandería foi a construcción no 1990 dun novo establo, nun terreo separado da casa familiar, e cunha sala de muxido situada fóra da nave das vacas. “Creo que foron dous acertos, pois permitíronnos medrar e mellorar tanto en limpeza como en hixiene do muxido”, recoñece.

Hoxe Gandería Pumar de Buxán conta 70 vacas adultas, das que 60 están en muxido e 10 secas, ás que hai que sumar 20 xovencas e outras 20 becerras para recría.

“Empregamos como máximo 9,5 kilos de penso para unha produción de 36 litros e un 3,9% de graxa”

A produción media é de 35 litros por vaca, cun 3,9% de graxa e un 3,37% de proteína. Dende os seus comezos venden o leite a Nestlé, que llo paga por calidades; é dicir, por kilos de graxa e de proteína. “Nestlé axudounos moito a mellorar en manexo, porque nos incide moito nas calidades do leite e no benestar animal, de forma que imos compartindo metas e obxectivos”, destaca Antonio.

Para lograr esa producción empregan unha ración composta por 9,5 kilos de penso, medio kilo de palla, 11 de silo de herba e 35 kilos de silo de millo. “Polos nosos cálculos -explica- non nos é rendible incrementar máis a produción e o uso de concentrado, pois as vacas van ter máis complicacións e non estaríamos producindo o litro de leite máis barato”.

A ración fana eles cun carro mesturador de segunda man, algo que resultaría pouco rendible se se ten en conta o tamaño da granxa, pero que compensan cunha comida máis fresca para os animais, ao servila dúas veces ao día, e tamén cunha mellor calidade de mezclado.

Manexo da base territorial

A alimentación do rabaño de Gandería Pumar de Buxán prodúcese principalmente na súa base territorial, composta por unhas 30 hectáreas de terreo, das que unhas 25 son en propiedade, algo que Antonio considera estratéxico para a viabilidade dunha explotación.

Realizan eles todos os traballos agrícolas, agás o ensilado, e dende o ano pasado a sementeira. Na herba, tanto nas pradeiras temporais como nas permanentes, empregan unha mestura de raigrás híbrido e trevo, con bos resultados. “Empezamos empregando raigrás inglés e trevos pero fómolo deixando porque rebrotaba máis tarde para facer os cortes, de forma que se nos atrasaba demasiado a sementeira do millo. Daquela, empezamos a meter trevos con raigrás híbrido e notamos que, grazas a que as leguminosas fixan nitróxeno, o cultivo posterior de millo mellora o seu rendemento. Ademáis, cos trevos logramos mellores calidades de proteína e de dixestibilidade no silo de herba, de feito no último estivemos nunha media de 16% de proteína”, destaca Antonio.

“Notamos maior produción de millo nas leiras que tiveron pradeira de inverno con trevo”

En canto ao millo, sementan unhas 24 hectáreas cun ciclo 280, que se axusta aos solos das súas parcelas, de tipoloxía franco-limosa, pois de ir a ciclos máis longos poderían ter dificultades para entrar ás leiras no momento de ensilar.

En canto ás calidades do silo de millo, de media están nun 37% de almidón, prestando especial atención tanto ao picado como á altura de corte. “O picado do millo é moi importante, levamos varios anos co sistema Shredlage, e os resultados son bos. O corte facémolo polo terceiro nó, senón o único que fas é meter problemas no silo”, subliña. Para preservar a fertilidade do solo, procuran sementar pradeira despois de recoller o millo.

En Gandería Pumar de Buxán aplican dende hai anos o que agora se chama gandería de precisión: Lograr que as vacas lle saquen o máximo rendemento ás forraxes e que no caso das terras ao xurro que produce a granxa.

Para iso, realizan analíticas de terras e de xurro todos os anos, e para reducir as perdas de nitróxeno e os malos cheiros desde o 2020 empregan bacterias específicas. “Empezamos traballando coas de Bioprana e agora estamos utilizando uns polvos de TimacAgro que son máis fáciles de aplicar”, afirma.

Nas camas tamén buscaron un material que lles permitira conxugar o benestar e a hixiene das vacas coa mellora do potencial produtivo das súas terrras. Probaron varios sistemas, incluíndo o serrín, o cal apagado con magnesio, ou a cama quente con compost das bostas das vacas, que acabaron desbotando pola humidade que acumula no inverno.

“Agora empregamos unha mestura de cascarilla de arroz, cal apagada e serrín e, xunto coas bacterias, notamos que redunda nunha mellora do rendemento das colleitas”, asegura Antonio.

E cando á area, este gandeiro recoñece que “nunca se nos pasou pola cabeza polo problema que provoca nas terras a medio prazo”.

“A xenética é importante pero para min é máis determinante o manexo”

En canto ao nivel xenético da granxa, e malia situarse entre as máis destacadas en ICO en Galicia, Antonio Pumar afirma que “para min é máis determinante o manexo”. “Un establo cunhas vacas mediocres e cun bo manexo pode conseguir os mesmos ou mellores resultados que un establo con vacas de primeira e mal manexo”, sentenza.

Así, nos acoplamentos, que realiza Antonio, ademáis da inseminación, buscan a menor consangüinidade posible e touros intermedios para lograr unha vaca equilibrada. Os datos de reprodución en Gandería Pumar de Buxán son envexables, con tan só 1,2 inseminacións por vaca. “Utilizamos moi pouca prostaglandina, son celos naturais, e aos 2 meses de parto inseminamos”, explica Antonio.

A clave desta boa fertilidade está na detección de celos. “Para min o máis importante é o paso do ser humano polo establo, canto máis controles mellor. Por moitos podómetros e aparellos que teñas, que si son unha axuda, non suplirás a observación dunha persoa”, subliña.

Futuro: Mellorar a marxe por litro de leite máis que medrar

Sobre o futuro desta gandería para os próximos anos, Antonio prevé manter a produción de leite, arredor duns 600.000 litros ao ano, e mellorar a rendibilidade reducindo os custes de produción.

“Aumentar produción requiriría ampliar o establo e meter máis persoal, co cal non estou seguro de que aumentáramos a rendibilidade nin a calidade de vida”, asegura.

Os investimentos que si pensan realizar é no almacenamento do xurro, ben amplicando a fosa ou instalando un separador da fracción sólida da líquida, así como construír unha nave para becerras e vacas secas. “E por suposto, comprar terra se xorden oportunidades interesantes”,e engade.

Por último, Antonio Pumar fai un chamamento ás administracións para solucionar dous importantes obstáculos, ao seu xuízo, á incorporación da xente nova ao campo: a excesiva fiscalidade das axudas -”serían mellor axudas a fondo perdido”, asegura- e os excesivos impostos polos dereitos de sucesión.

En dúas frases: Cal é a clave para a rendibilidade dunha gandería de vacún de leite?

-“Se eres constante facendo as cousas ben día a día, unha granxa é viable. A outra clave é facer o litro de leite o máis barato posible, e para iso hai que ter comida suficiente e ter boa calidade dos silos”.

-”Se tivera a extensión que temos en poucas fincas faría pastoreo porque tes menos traballo e máis marxe por litro”.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información