Gandería Pose SC: Un exemplo de mellora da calidade de vida e dos rendementos grazas á robótica

Esta gandería familiar de Coristanco (A Coruña) incorporou hai un ano dous robots de muxido para compensar a falta de man de obra e mellorar a calidade de vida, que se sumaron á amamantadora robotizada coa que xa contaban para os becerros. Cóntannos a súa experiencia...

Gandería Pose SC: Un exemplo de mellora da calidade de vida e dos rendementos grazas á robótica

De esquerda a dereita: Adolfo Porteiro Pose e a súa dona Dolores Rial Souto, e os seus dous fillos, Daniel Porteiro Rial, incorporado no ano 2006, e a súa irmá, Cristina, que decidiu incorporarse tamén á SAT familiar no 2017.

No lugar de Campelo, na parte alta do concello coruñés de Coristanco, sitúase unha das últimas ganderías de vacún de leite da zona: Gandería Pose SC, un referente na comarca en aposta pola robotización para suplir a falta de man de obra no sector e para gañar en calidade de vida.

Esta gandería familiar está formada por Adolfo Porteiro Pose e a súa dona Dolores Rial Souto, e polos seus dous fillos, Daniel Porteiro Rial, incorporado no ano 2006, e a súa irmá, Cristina, que decidiu incorporarse tamén á SAT familiar no 2017.

Como moitas outras ganderías de Galicia, a evolución desta granxa foi meteórica, pasando en apenas 30 anos dunha explotación de subsistencia a unha empresa moderna que incorpora a última tecnoloxía, e todo iso investindo capital propio, sen préstamos nin axudas.

“Os meus avós paternos nos anos 70 xa tiñan eles 2 ou 3 vacas e vendían algún leite que levaban en bidóns a tres quilómetros para que llos recollese o leiteiro. No 84 casaron os meus pais e colleron eles a explotación con 6 vacas e unha cuadra de amarre en praza fixa, con capacidade para 16 vacas. Foron aumentando pouco a pouco, sempre investindo do diñeiro aforrado e procurando facer nós as obras para aforrar custos. E no 1995 fixemos o primeiro establo libre para 40 vacas, que mantiñamos en pastoreo, aínda que seguiamos muxindo en circuito”, explica Daniel.

Esa era a explotación cando se incorporou no 2006 e que de xeito incansable continuaron mellorando nos seguintes anos: no 2008 dobraron o establo, facendo unha ampliación con estrutura metálica para outras 40 prazas e no 2009 mercaron o carro mesturador propio e abandonaron o pastoreo. De novo no 2011 volveron ampliar o establo en 30 plazas e aumentaron a fosa de xurro a unha capacidade de 1,2 millóns de litros. No 2017 construíron unha nova ampliación para as xovencas e a recría e no 2019 incorporaron 2 robots de muxido Lely Astronaut.

“Fixemos todo sen axudas, só recibimos unha para a compra dos robots de muxido”

“Todas as obras -destaca Daniel- intentamos facelas nós e con aforro propio, coa axuda de veciños para os traballos máis duros e recorrendo a profesionais cando era necesario. Non pedimos plans de mellora porque obríganche a pasar polo banco e a facer as obras todas xuntas, non están ben adaptados á realidade das granxas familiares en Galicia. A única axuda que solicitamos, e que nos concederon, foi o plan de mellora para a compra dos 2 robots de muxido. E a miña axuda de incorporación, uns 20.000 euros, investímola daquela en comprar cota, que visto co tempo foi un erro”.

A día de hoxe Gandería Pose SC conta con 230 cabezas de gando, das que 120 son vacas en muxido, e o resto vacas secas e recría. A base territorial está formada por unhas 85 hectáreas, das que 25 son en propiedade, e o resto cedidas polos veciños, xa que nesta aldea foron pechando sen relevo todas as ganderías de vacún.

Sementan unhas 40 hectáreas a millo, 34 a pradeira permanente de raigrás inglés e 11 hectáreas de pradeiras naturais en zonas de braña, onde só recollen un corte de herba seca no verán.

“Empregando nabos ou chícharos como abono verde mellora bastante o rendemento do millo”

GANDERIA POSE navos nabos abono verde

Como teñen base territorial abonda non rotan as fincas a millo cunha pradeira de inverno, pero si sementan un abono verde para manter a fertilidade do solo “Notábamos que se non se botaba nada despois de ensilar o millo, no inverno lavábaas moito a auga da choiva, sobre todo nas costentas. Dende hai catro anos sementamos como abono verde nabos e chícharos, aínda que estes últimos non van tan ben nas zonas húmidas. O resultado é moi positivo: mellora a estrutra do solo, o millo arranca mellor e non lle afecta tanto a seca”, destaca Daniel.

A sementeira é fácil e barata: despois de ensilar o millo botan xurro e a continuación pasan unha grade rotativa con sementadora automática. E ata o mes de abril, cando os trituran para incorporalos á terra, non volven tocarlle á finca.

A calidade das forraxe é unha das preocupacións en Gandería Pose SC: no corte de herba do pasado mes de marzo logaron un 18,9% de proteína bruta e no millo sitúanse na media, cun 33% de almidón e un 32% de materia seca. En canto aos ciclos adáptanos á situación das fincas: nas situadas na baixa, sementan un 400 pero nas situadas arredor da granxa non suben dun ciclo 280 pois atópanse nunha zona fresca a 490 metros sobre o nivel do mar. Durante o ensilado coidan moito o pisado para garantir unha boa compactación, así como o picado, que o ano pasado realizaron co novo sistema “Shredlage®” , “cun resultado positivo, xa que se ven graos de millo enteiros”.

Debido a que están afastados doutras ganderías, agás o ensilado das forraxes, todo o resto de traballos realízano eles, para o que contan cun parque de maquinaria composto por 3 tractores, un carro autopropulsado e unha telescópica de segunda man -”son as dúas máquinas que máis traballan da explotación”- e todos os apeiros necesarios para as labores agrícolas.

Incorporación dos robots de muxido “por necesidade”

En Gandería Pose SC a incorporación dos dous robots de muxido no 2019 foi unha necesidade motivada pola falta de man de obra. “A próxima xubilación dos meus pais e a dificultade de encontrar xente que queira vir traballar ás granxas para facer o muxido foi o que nos empuxou a comprar os robots. Estes últimos anos xa estábamos apurados muxindo 130 vacas, pois tiñamos unha sala de 8 puntos e levábanos dúas horas e media pola mañá e case tres horas pola tarde. Contemplamos a alternativa de instalar unha nova sala, pero a dificultade de man de obra fixo que a desbotásemos, mentres que cos robots eu e a miña irmá podemos atender perfectamente a granxa”, razoa Daniel.

Os cambios que notaron coa incorporación dos dous Lely Astronaut foron fundamentalmente un incremento da produción: están nunha media diaria de 43,6 kilos por vaca con 3,1 muxidos e un reconto de células somáticas por debaixo de 200.000. As calidades son dun promedio de 3,55% de graxa e 3,29 de proteína, que recoñecen que son baixas pero que compensan co incremento dos litros producidos. Dende hai tres anos véndenllle a CAPSA os arredor de 1,5 millóns de litros anuais que producen.

Ración dos animais

Para lograr esas produccións as vacas en lactación reciben unha ración composta por 27 kg de silo de millo, 17 kg de silo de herba e 7 de penso, aos que hai que sumar o punteo do robot, uns 6,5 kilos de concentrado de media.

Pola súa parte, as vacas secas reciben unha ración de 5 kg de palla, 10 silo de millo e 2 kg de concentrado.

“Dende que vacinamos contra a BVD e Cryptosporidium é raro que nos morra unha becerra”

A recría fana tamén nas propia granxa, prestando especial atención aos protocolos de vacinación para reducir a incidencia de enfermidades. Os primeiros 10 días de vida os becerros están en boxes individuais e reciben o leite en caldeiros. A continuación, e ata os 80 días, pasan a un curral compartido no que son alimentados con leite pola amamantadora, unha Lely Calm, coa que están moi satisfeitos. Ademais do leite, reciben penso e herba seca. Unha vez destetadas, as becerras están ata os 8 meses coa ración das vacas en produción e dende esa idade e ata que pairen con 24 meses reciben unha ración máis proteica con silo de herba, herba seca e penso.

A baixa tasa de mortalidade e de morbilidade desta explotación atribúena en parte ás rutinas de vacinación: todas as vacas son vacinadas contra a BVD e os xatos cando nacen reciben unha vacina contra o Cryptosporidium . “Dende que vacinamos é raro que nos morra unha becerra”, precisa Daniel.

“Inseminando con Angus as vacas pairen sen complicacións e os xatos páganse ben”

No tocante á xenética, en Gandería Pose SC priman sobre todo a funcionalidade sobre o tipo. “Traballamos tanto con touros probados como con xenómicos, e buscamos sobre todo boas patas e bos ubres, porque queremos unha vaca funcional que dea poucos problemas”, aseguran.

O seu plan é inseminar todas as xovencas con seme sexado e todas as vacas adultas con seme convencional de razas cárnicas. Neste momento, unha parte da recría xa a inseminan con seme sexado e o 50% das adultas con Angus, “unha raza que eliximos porque as vacas pairen pronto, sen complicacións, e os becerros teñen moi boa saúde e páganse ben, como un cruce con Limousin”.

“Ata agora preocupámonos de medrar, agora queremos mellorar a rendibilidade do que temos”

Como aspectos a mellorar na granxa sitúan sobre todo a eficiencia: “Ata agora preocupámonos de medrar, agora queremos mellorar a rendibilidade do que temos, e para iso queremos empezar a facer xestión de costes e aumentar a eficiencia dos animais para que produzan o máximo ao mínimo coste posible”, destacan.

En canto ás obras, e agardan que sexan as últimas por uns cuantos anos, queren a curto prazo dobrar a capacidade da fosa de xurro e cubrila, así como conStruír dous nosos silos en trincheira, que se sumarán aos tres que xa teñen.

O gandeiro responde: “É fundamental producir forraxes de calidade a baixo custo e adaptar as vacas ás hectáreas que teñas”

Sénteste valorado na túa profesión por parte da sociedade?
Sigo sentíndome pouco valorado porque o gandeiro é o último chanzo da cadea alimentaria. Sen embargo, hoxe a gandería de leite é unha actividade profesional na que tes que funcionar como unha empresa e saber de moitas cousas: veterinaria, agricultura, mecánica, xestión…etc.

No meu caso estou moi satisfeito co meu traballo porque desde pequeno era o que me gustaba: ía á escola por forza e o meu ao chegar de volta á casa era andar coas vacas e cos tractores, polo que tan pronto puiden abandonei os estudios e incorporeime. Axudoume moito que son unha persoa inquieta e que me gusta buscar información, pero sen embargo, hoxe recoñezo que a formación é clave, sobre todo cando tes a oportunidade de visitar ou facer prácticas noutras explotacións.

Cales son as claves da rendibilidade nunha gandería de vacún de leite?
Paréceme que a clave é producir forraxes de calidade a baixo custo e adaptar as vacas ás hectáreas que teñas, porque non vexo normal muxir 300 vacas, tendo só 50 hectáreas de terreo e ter que comprar alfalfa, palla, e alimento de fóra. A clave é optimizar o terreo que tes.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información